29 Maio, 2008
Política local
Non hai comentarios
Xa falta menos para aprobar o orzamento do concello para o ano 2008!
Falaba do tema o 14 de marzo coa esperanza de que se aprobara no mes de abril. Logo volvín a falar o 23 de abril agardando, inxénuo de min, que se aprobara a finais de maio.
Hoxe publica un xornal que o goberno esta ultimando o orzamento e que “podería” ser aprobado no mes de xuño.
Por algún lado lin/escoitei que o problema é que a concelleira de facenda non atopa as “arandelas”. Para os/as que non a coñezan direilles que na súa casa ten unha ferretería.
Cando falei do tema, no mes de abril, aventurei que presentarían un orzamento de 71 millóns de euros. Tamén dixen, en mais dunha ocasión, que todo o que pase dos 30 millóns é pura fantasía.
Ao parecer vai rondar os 60 millóns de euros, e di a Sra. Alcaldesa que “serán moi realistas”!
Coido lembrar que dixera o mesmo cando presentou o orzamento de 114 millóns o ano pasado.
Tamén Rodolfo Chiquilicuatre dixo que ía gañar o festival de eurovisión!
Entre “frikis” anda o xogo! Perrea… perrea.
28 Maio, 2008
Política local
Non hai comentarios
Onte tivemos Pleno Ordinario en Sanxenxo. Puro trámite, como todos os plenos ordinarios neste concello.
Tamén seguiu o guión de todos os plenos da nova corporación xurdida das eleccións do ano pasado.
A sesión deu comezo as 20:30 h. e ás 21 xa estaban tratados todos os puntos da orde do día.
Logo batería de mocións como xa é habitual. A única novidade foi que o PP presentou dúas mocións. Non partiron do grupo de Sanxenxo senón que son das que lle mandan dende a “cúpula”.
Unha de apoio ao sector pesqueiro (“cosas veredes, amigo Sancho”, que diría o Quixote!) e a outra para pedir que se derogue a Norma do Habitat Galego, normal: teñen que apoiar aos seus “sectores produtivos”.
O BNG presentou dúas mocións, o PSOE tamén presentou algunha e logo retaíla de , rogos, mocións e preguntas do grupo mixto.
Non poño por orde: mocións, rogos e preguntas, porque non quedou moi claro que eran cada unha delas. Houbo mocións que logo foron rogos, rogos que contiñan preguntas e preguntas que mais ben parecían/eran/supoñían/querían ser, rogos. Todo moi “coherente”, como nos ten acostumados o voceiro do grupo mixto.
Polo menos non houbo que suspender o pleno, como outras veces, por chegar ás 12 da noite. Onte rematamos ás menos cuarto!
27 Maio, 2008
Política local
2 Comentarios
Hoxe podemos estar satisfeitos polo acordo acadado para dar solución ao enlace da Autovía do Salnés co Parque Empresarial de Nantes, que tan necesario é para os intereses dos veciños e veciñas de Sanxenxo.
Isto demostra que cando hai vontade de diálogo, os acordos entre administracións son moi doados de conseguir.
Tamén demostra que antes de facer declaracións hai que pensar moito o que se vai dicir, para que despois non haxa que arrepentirse do dito.
Tanto a Alcaldesa de Sanxenxo como a Conselleira de Política Territorial dixeron no seu día que o enlace do Parque Empresarial non lle ía custar un só euro aos contribuíntes. Agora ámbalas dúas quedaron en evidencia e dende o BNG agardamos que lles sirva de experiencia para outras ocasións.
O que opinamos no BNG de quen tiña que pagar o enlace xa o sabedes dabondo.
Agora tócalle a quenda ao proxecto de seguridade viaria da estrada PO-504 polo que é urxente retomar as negociacións coa Consellaría, como sempre mantivemos no BNG, tanto a nivel local como no Parlamento de Galiza.
No Pleno Ordinario de hoxe o Grupo Municipal do BNG, imos esixirlle ao goberno municipal de Sanxenxo que, aproveitando a nova situación de cordialidade entre as dúas administracións, tome as seguintes decisións:
- Que o Concello de Sanxenxo asine un convenio coa Consellaría de Política Territorial para elaborar de maneira conxunta o Proxecto de Seguridade Viaria da estrada PO-504 de Sanxenxo a Vilalonga.
- Que o Concello de Sanxenxo poña a disposición da Consellaría de Política Territorial os terreos necesarios para que se poidan construír as beirarrúas en todo o trazado da estrada PO-504, como ten feito no convenio asinado coa Deputación de Pontevedra para a mellora da estrada de Dorrón-Bordóns-Padriñan.
25 Maio, 2008
Política xeral
Non hai comentarios
Nos círculos financeiros dise que a Galiza as situacións de bonanza ou febleza económicas chegan con un/dous anos de retraso con respecto ao resto do estado.
Un bo exemplo de que isto é así témolo na “crise do ladrillo” que estamos comezando a sufrir aquí agora, cando no levante levan máis de dous anos con ela.
Tamén se sabe que no noso país as crises económicas nunca son tan fortes como no resto do estado, debido principalmente a dous motivos: a baixa industrialización do noso territorio, cunha maior dependencia dos sectores primarios e, sobre todo, ao carácter conservador do noso empresariado e á capacidade/mentalidade de aforro dos galegos e galegas en xeral.
É moi difícil convencer a un galego ou galega para que invista os seus aforros nalgún produto de risco ou que non sexa convencional. Como exemplo disto, sempre me lembro daquel paisano ao que eu intentaba convencer para que investira parte dos seus aforros en Pagarés de Empresa, que tiñan máis rendibilidade e mellor tratamento fiscal, e díxome: “Como dis, pagaré? Mira, pagaré… pagaré ou non pagaré, ti faime unha conta a prazo fixo!”
Esta maneira de pensar podería non ser mala se non fora porque a meirande parte das veces son cantidades pequenas e de persoas que non fan, ou non queren facer, a declaración da renda, non tendo así opción a recuperar o 18% dos xuros que lle retén facenda.
Claro que sempre hai uns poucos privilexiados aos que, coa axuda/complicidade do “Gobierno de España” (coño! diría o outro) e da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), isto non lles acontece.
Esta situación é ben coñecida polos bancos estatais, que utilizan as súas oficinas na Galiza como “piornos” aos que botar man cando chegan tempos de “vacas fracas”.
Hai entidades financeiras de ámbito estatal que o balance conxunto das súas oficinas na Galiza ten uns desequilibrios enormes, en canto ao investimento con respecto ao aforro, chegando a ser dun 35/65% respectivamente. Diferenza que se amplía en oficinas do interior do noso país nas que, nalgún caso, chega a ser do 10/90%.
Isto quere dicir que, de cada 100 euros que os galegos e galegas ingresan nesas entidades, só se invisten 10 euros en Galiza.
Para mudar esta situación, e así mellorar a nosa economía, é preciso que canto antes contemos cun banco público galego ou, cando menos, se faga unha lei de caixas de aforros que lle volva a dar o carácter social co que foron creadas.
24 Maio, 2008
Política local
2 Comentarios
Estimado Anxo:
Agradezo o teu interese en falar de min, xa sabes (ben, non sei se sabes) que en política é fundamental que falen de un.
Eu, como sabes que che teño aprecio, quero tamén falar de ti para que vaias collendo “importancia política” dentro do teu grupo.
E quero facer isto porque dáme a sensación de que os teus están a utilizarte, e como és moi novo non te decatas.
Dixéronche que che tocaba facer o papel de “malo”, mais o teu carácter non pega con ese rol. Para iso tiñas que pedirlle consello ao “mestre” que tiñades no anterior grupo, inda que nestes intres non sei si estará pola “labor”.
De cando en vez tes que “petar” na mesa para que che fagan un pouco de caso.
Pero home, non te decatas de que nada máis se fala de ti porque estás comunicando algunha orde de derrubo, algunha paralización de obra, o peche de negocios ou para falar mal da oposición?
Tes que impoñerte e que che deixen anunciar que fixeches algún proxecto!
Dille que para iso te nomearon concelleiro de urbanismo!
Ti non ves que che están ”facendo a cama”?
O que pretenden é que te vaias adestrando para facer oposición, porque eles/elas saben que só lle quedan tres anos de goberno.
Non ves que o papel que estás xogando é o de facer oposición á oposición?
Dígoche todo isto dende a experiencia que me dan os anos e porque sabes que che quero ben.
Agardo que che sirvan estes consellos e, xa sabes, si precisas de máis non dubides en chamarme.
Sen mais, recibe o meu afectuoso saúdo.
Roberto.
23 Maio, 2008
Sen clasificar
3 Comentarios
Hoxe “caíron” os 51!
Cando era neno e me dicían que alguén tiña 51 anos, pensaba para min: que vello é que pouco lle queda!
Agora vexo ben distinto, que vou dicir eu!
Non me vou por nostálxico, mais de vez en cando si me gusta repasar as miñas vivenzas.
Lémbrome dos anos 61 a 66 na escola do pósito nos Caseiros en Noalla (hoxe restaurante) en pantalón curto, a leite en po dos recreos (Benvido Mister Marshall!) e os xogos na estrada de O Grove sen que pasaran apenas coches.
Que gran novidade no ano 67 cando se inaugurou o colexio público de Vilalonga!
Logo, no ano 68, a primeira viaxe a Pontevedra (que lonxe estaba!) para facer o bacharelato no recen inaugurado Instituto Sanchez Cantón.
7 anos de viaxes diarios no “coche de línea La Unión” cos seus revisores e as súas frases para indicarlle ao chofer onde debía parar: paaara por aí , ou anunciando a parada de “Rabo de porco” , que tanta gracia nos facía.
Por certo, a estrada de Pontevedra a Sanxenxo, hoxe a PO-308, sempre estaba en obras… como agora!
Quen lle ía dicir a meu irmá por aquel entón que 30 anos máis tarde sería o Alcalde da capital!
No ano 74 traslado a Compostela. A Universidade, que privilexio! Non pola Universidade, senón por ter uns pais que loitaron como ninguén para que os seu fillos foran “estudiados”.
Época de carreiras diante dos grises, asembleas na Aula Magna da Facultade de Medicina, concertos de Bibiano e Benedito e sobre todo… a morte de Franco. No “tocata” de Trinidad, 10-2º soou toda a noite a Sinfonía do novo mundo!
Eu non me sinto vello, mais vedes como o son: xa comezo a contar batalliñas!
22 Maio, 2008
Política local
Non hai comentarios
Xa esta ben de marear aos veciños e veciñas de Sanxenxo por parte da alcaldía co proxecto de seguridade viaria da estrada Sanxenxo-Vilalonga (PO-504)!
Para clarexar de onde parten os males vou facer unha cronoloxía dos feitos.
No mes de novembro do 2006 comezan os rumores de que hai circulando polo concello uns planos do proxecto que pretende a Consellaría de Política Territorial para esa estrada.
Os concelleiros do BNG dirixímonos ao Concello para solicitar unha copia dos devanditos planos, informándonos na Xerencia de Urbanismo que non teñen constancia dos mesmos.
Logo enterámonos de que tanto un ex-concelleiro do PP como o, naquel entón, concelleiro de Relacións Veciñais tiñan copia.
No mes de decembro dirixímonos as oficinas de Estradas da Xunta en Pontevedra onde nos din que non teñen constancia do proxecto.
Un veciño facilitounos unha copia do plano, redactado no mes de agosto de 2006, no que figuraban catro rotondas: Forxán, Vichona, Reiniño e Gondar de Abaixo.
Con esta copia volvemos a Pontevedra para informar da súa existencia aos funcionarios de Estradas da Xunta, o mundo ao revés!
A través do deputado do BNG, Bieito Lobeira, solicitamos unha entrevista co Director Xeral de Estradas da Xunta, que nos recibe a primeiros do mes de febreiro do 2007.
Solicitamos ver o proxecto e diríxenos ao redactor do mesmo, que nos da copias e infórmanos que o proxecto foi consensuado no seu día co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín.
Nos planos que nos ensinan, e dan copia, xa non figura a rotonda da Vichona. Porque “desapareceu” do proxecto esta rotonda, que é a máis importante, é unha incógnita que a día de hoxe ninguén me soubo respostar.
O grupo municipal do BNG convocou a unha reunión aos afectados polo proxecto e entregoulle copia dos planos.
O que sigue, xa é de sobra coñecido por todos.
Despois de isto, eu fágome as seguintes preguntas:
Alguén lle preguntou a Telmo Martín por que non deu a coñecer as negociacións?
A actual alcaldesa, naquel entón tenente de alcalde, non coñecía esas negociacións?
No Concello ninguén mira o Diario Oficial de Galicia?
O proxecto saíu publicado no DOG do 3-1-07 e a Sra. Alcaldesa non falou nada do asunto ata o día 15 de febreiro.
Como se pode comprobar por este relatorio de feitos, foi o BNG o primeiro e o único que estivo dende o comezo do conflito ao carón dos veciños e veciñas afectados polo proxecto.
Despois de ler a prensa de hoxe, parece que o culpábel da situación é o BNG.
Así actúa o Partido Popular: crea os conflitos e bótalle a culpa aos demais!
Cada un que tire as súas conclusións! Leer o resto …
21 Maio, 2008
Política local
1 Comentario
Os gobernos do PP, sexa na institución que sexa, son de “ordeno e mando” e á oposición nin auga!
Imaxinades que un concelleiro ou concelleira do BNG puidera ter en Sanxenxo a vicepresidencia dalgún organismo autónomo (Terra Sanxenxo, Xerencia de Urbanismo) ou dunha das sociedades (Nauta, Ínsula, Turismo de Sanxenxo)?
Xa nin iso, dalgunha Comisión Informativa?
Para os que poidan pensar que non o fan porque teñen maioría absoluta, teño que lembrarlle que o PP ten a confianza do 47% dos votantes de Sanxenxo e a oposición o do 50%.
Teñen un bo exemplo na Vicepresidencia da Xunta, a cargo do nacionalista Anxo Quintana, que creou o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, do que nomeou vicepresidente a un alcalde do PP.
Velaí a diferenza!
19 Maio, 2008
Política xeral
Non hai comentarios
A estas alturas da película, xa todo o mundo sabe quen está detrás da asociación Galicia Bilingüe e o que pretenden.
Xa quixéramos nos que no 50% dos organismos públicos, das entidades financeiras, das escolas, dos centros médicos e, por que non, das igrexas, se dirixiran á cidadanía en galego como predican que defenden os desta asociación.
Os medios de comunicación que máis difusión dan a este colectivo, son os primeiros en non cumprir co que din defender.
Na última viaxe que fixen en coche a Catalunya puiden comprobar a hipocresía destes medios, sobre todo os radiofónicos.
Nada mais entrar no país catalán todas as emisoras, e cando digo todas quero dicir as catalanas e tamén as españolas, emitían en catalán.
Despois de varias horas de radio, decateime do que pasaba. As emisoras españolas, incluída a dos bispos, usaban o castelán cando a programación era estatal e o catalán en canto remataban estes programas.
Igualiño que na Galiza, non si?
Pois mal que lles pese, somos milleiros e milleiros de galegos e galegas os que defendemos que: NA GALIZA EN GALEGO! como fixemos onte en Compostela, por moito que digan eses de Galicia Bilingüe.
18 Maio, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
Na mañá de hoxe milleiros de galegos e galegas defendemos en Compostela o noso dereito a vivirmos en galego.

Foi un día cheo de ledicia ao comprobar que somos moitos os que defendemos o dereito de poder usar o galego a cotío en todos os ámbitos da sociedade.

O galego é o noso sinal de identidade e con iso non se xoga!

« Entradas anteriores