30 Xuño, 2008
Política local
Non hai comentarios
Dicía eu na aprobación dos orzamentos do ano pasado: “estes orzamentos son irrealizábeis, ficticios e feitos sen un verdadeiro estudo das necesidades do concello de Sanxenxo”.
Hoxe celebrouse a Comisión de Contas para analizar a Liquidación da Conta Xeral do Concello, correspondente ao ano 2007.
O orzamento de 114 millóns de euros ficou en papel mollado!
A realidade é que só se executaron 33 millóns, o que supón a realización dun 29% do orzamentado.
Os 92 millóns de euros previstos para investimentos ficaron en 17 millóns, un 18,7% de execución.
Non facía falta agardar á liquidación para comprobar que os grandes proxectos que prometera o grupo de goberno non estaban feitos.
Isto é só a constatación da falta de seriedade que caracteriza aos nosos gobernantes.
O BNG xa dixo no seu día que era imposíbel a execución do Plan Director de Saneamento e Abastecemento por 39 millóns de euros, ao igual que o Campo de Golf por 2 millóns.
Tamén se deixaron de realizar outras infraestruturas que se contemplaban no orzamento, sendo as máis significativas as seguintes:
- Novo Mercado ……………………. 3.000.000,-
- Humanización da PO-308 ……. 2.059.000,-
- Beirarrúas en Noalla ……………. 1.800.000,-
- Recuperación lit. Ría Arousa … 659.000,-
- Museo do Mar ……………………. 600.000,-
- Museo da Sal ……………………… 600.000,-
- Humanización A Revolta ……… 400.000,-
A liquidación da Conta Xeral do Concello pon en evidencia a falta de rigor do grupo de goberno do PP de Sanxenxo á hora de elaborar os orzamentos.
A Sra. Alcaldesa, cada vez que anuncia os orzamentos, só busca un titular informativo sen importarlle a realidade das cifras, demostrando a súa pouca seriedade para gobernar un Concello como o de Sanxenxo.
Botádelle unha ollada, se queredes, aos números: Conta Xeral 2007
29 Xuño, 2008
Política local
1 Comentario

Que nos queda se non podemos ter confianza na lei e na xustiza?
Que pasaría si todos opinaramos da xustiza como aquel político do Partido Andalucista, lembrádesvos da frase de Pedro Pacheco?
Agora ben, que podemos opinar despois de ler as declaracións do xuíz decano da Coruña?
Non credes que este xeito de pensar está moi introducido na sociedade?
En política, ou mais ben os políticos, dise/dicimos que non se quere/debe xudicializar a vida pública e iso non é ben entendido pola cidadanía. Mais logo esa mesma cidadanía actúa en contra do que di/pensa. Ou senón, como se explica que moitos alcaldes e alcaldesas gañaran as eleccións con maiorías absolutas e logo foron condenados pola xustiza por delitos urbanísticos?
Non hai moito dicíame un veciño de Vilalonga que o problema dos pantaláns da Arnosa non era si estaban legais ou non, o problema era que estaban aí e que había que arranxalos como fora.
Estou certo que ese veciño non leu a Calderón mais, sen sabelo, aplic
a a súa teoría do “vidro”!
Despois de ver as hemerotecas comezase a comprender cal é o verdadeiro problema dos pantaláns da Arnosa: a política “chanchulleira” do Partido Popular!
Agora xa sabemos quen o xestionou: Telmo Martín.
Agora xa sabemos quen o executou: Portos de Galicia, naquel intre en mans do PP.
Só nos resta por saber: como se pagou e por que non se declarou!Resposta Portos de Galicia
25 Xuño, 2008
Política local
Non hai comentarios

Segundo os concelleiros que presentaron á prensa os orzamentos deste ano, parece ser que nos vindeiros dous anos non haberá novos investimentos.
Agardaremos a que nos pasen datos.
O que si xa podo dicir é que os “despilfarros” do goberno destes anos pasados non tiñan porque pagalos os veciños e veciñas de Sanxenxo.
Exemplo destas “ledicias” é o gasto que fixeron en Punta Vicaño:
– Compra terreo ……………………… 7.500.000 euros.
– Limpeza e acondicionamento …. 200.000 euros.
– Festa de inauguración …………… 10.000 euros.
T O T A L …………………… 7.710.000 EUROS!
E mentres os mozos e mozas de Sanxenxo sen vivendas protexidas!
Cantos proxectos que beneficiasen a “todos/as” veciños de Sanxenxo se poderían facer con eses cartos?
A Consellaría de Medio Ambiente expropiou, nas mesmas datas, a illa de Cortegada por 1,8 millóns de euros, o que supón que pagou aproximadamente a 3,75 euros o metro cadrado.
O Concello de Sanxenxo pagou por mercar unha superficie de 22.000 metros, con todas as proteccións habidas e por haber, a 340 euros metro cadrado!
Estas son as “excelentes” negociacións que fan os gobernantes do PP de Sanxenxo!
24 Xuño, 2008
Política local
Non hai comentarios
Resulta lamentábel a actuación que está a facer o goberno municipal de Sanxenxo en Punta Vicaño, polo xeito e polo custe.
Eu penso que o lamentable é todo o relacionado con Punta Vicaño. Lembremos que o Concello mercou esta propiedade, protexida polo PXOM e pola Lei de Costas a prezo de ouro (7,5 millóns de euros por 22.000 m2), cos cartos que recibiu por eximir aos promotores de Monte Faro de construír máis de 500 vivendas de protección.
Coñecendo a quen nos goberna, como pensan e como actúan, esta non deixa de ser outra mais.
A min o que me sorprende é que inda haxa alguén que se estrañe dunha actuación deste tipo feita polos gobernantes do PP de Sanxenxo.
Desde cando se preocuparon polas talas de especies autóctonas neste Concello?

O BNG denunciou no ano 2005 unha tala de carballos en Monte Faro.
Dende o Concello dixeron que non estaba autorizada e que tomarían medidas.
Eu sigo sen saber cales foron esas
medidas porque 3 anos despois seguiron cortando carballos na zona.
Tamén denunciamos o delito ecolóxico que se ía facer en Bordóns, autorizando a urbanización da carballeira que había no ámbito do Solo Urbanizábel número 29, ao car
ón da igrexa parroquial.
Onde antes había unha carballeira agora teremos cemento e asfalto. 
Estes son os resultados do PXOM de Sanxenxo que, segundo os gobernantes do PP, protexe e ordena o territorio.
Síguevos estrañando a actuación de Punta Vicaño?
22 Xuño, 2008
Política local
Non hai comentarios
Xa presentou o goberno os orzamentos do 2008: 79 millóns de euros!
Por certo que a xustificación que deron para o retraso lembroume os filmes dos irmáns Marx.
O de menos é o importe, xa sabedes que os números que presentan cada ano en Sanxenxo non se parece en nada ao que logo realmente se executa.
Só como curiosidade neste senso, a prensa dicía hai días que os orzamentos de Sanxenxo rondarían os 60 millóns de euros, segundo a Sra. Alcaldesa. Eu dicía neste blog, o 23 de abril, que serían de 71 millóns. Como diría o outro: “a los echos me “repito”".
Mais a novidade este ano non está no importe senón en como se presentaron.
Por primeira vez dende que goberna o PP en Sanxenxo non foi o alcalde/alcaldesa quen deu a coñecer o documento senón que foi un Tenente de Alcalde e a concelleira de Facenda quen o fixeron.
Xa sabemos que a Sra. Alcaldesa non podía facelo porque estaba en Valencia votando a Rajoy para Presidente do PP, mais por que, despois de agardar 6 meses, non deixaron pasar 2 días?
Será porque lle daba vergoña volver a dar unhas cifras que sabe a ciencia certa que non pode cumprir?
Agora só nos queda agardar a liquidación do ano 2007. Ben, xa adiantaron que o orzamento de 114 millóns de euros executouse nun 33%.
A min xa me parece moito! Veremos os datos polo miúdo.
Tereivos informados.
19 Xuño, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios

ACTO PÚBLICO DO BNG EN SANXENXO
MAÑÁ VENRES, DÍA 20 DE XUÑO
ÁS 20:30 HORAS
NA SALA DE EXPOSICIÓNS DE NAUTA SANXENXO, NO PORTO DEPORTIVO
Intervirán:
ANXO QUINTANA. Portavoz Nacional do BNG e Vicepresidente da Xunta.
MONTSERRAT PRADO. Delegada Provincial da Consellería de Innovación e Industria.
ROBERTO FERNANDEZ LORES. Portavoz Municipal do BNG.
Estades todas e todos convidados!
17 Xuño, 2008
Política local
Non hai comentarios
Falaba onte do “plante” na Comisión de Asuntos Xerais do Concello, por non aparecer os membros do goberno, pasados 20 minutos da hora en que estaba convocada.
Segundo a Sra. Alcaldesa a culpa foi nosa por non agardar 15 minutos.
Sen querer entrar no tempo de espera, direi que o meu móbel marcaba as 12:26 cando recibín a chamada do Concello.
Mais ese non é o problema!
Si tomamos a decisión de marchar foi por mostrar a nosa protesta ante unha situación que non é nova senón que se ven dando reiteradamente.
Os compoñentes do grupo de goberno parecen non darse conta (ou si?) de que os únicos que viven do Concello son eles.
Os concelleiros dá oposición temos que ausentarnos dos nosos traballos para asistir ás Comisións, convocadas sempre polas mañás, e logo aguantar os continuos retrasos dos membros do goberno.
Non contentos con iso, utilizan a páxina web oficial do Concello para criticar á oposición.
Pero diso falarei outro día!
16 Xuño, 2008
Política local
Non hai comentarios
As actitudes antidemocráticas e a falta de respecto que a Alcaldesa de Sanxenxo mostra cos concelleiros e concelleiras que representamos a mais do 50% dos veciños e veciñas de Sanxenxo, son continuas.
Hoxe deu unha mostra mais da súa ditatorial actitude.
Tíñamos convocada, para as 12 da mañá, unha Comisión de Asuntos Xerais.
Ás 12:20, sen que aparecera ela nin concelleiro algún do grupo de goberno e ante a ausencia de comunicación que xustificara o seu retraso, os portavoces dos tres grupos dá oposición alí presentes decidimos ausentarnos.
Para a unha da tarde tamén estaba convocada a Comisión de Contas. Cando chegamos, a Sra. Alcaldesa, lonxe de pedir desculpas polo acontecido coa anterior comisión, díxonos que os asuntos incluídos na mesma serían igualmente levados a Pleno sen o perceptivo estudo e debate en comisión.
A Sra. Alcaldesa de Sanxenxo síntese a “raiña da festa” e para ela as comisións informativas son un trámite que lle resulta incómodo e innecesario, total nunca acepta emendas nin suxestións da oposición.
Si por ela fora no Concello non se celebrarían nin Plenos!
O que non debe saber a Sra. Alcaldesa é que con esa forma de actuar non está ofendendo aos concelleiros e concelleiras da oposición senón aos veciños e veciñas que os elixiron democraticamente.
11 Xuño, 2008
Política xeral
Non hai comentarios
A algúns estráñalle a medida acordada pola UE de ampliar a 65 horas semanais a xornada laboral.
E logo que agardaban con Angela Merkel mandando en Alemania, Nicolas Sarkozy gañando as eleccións en Francia e os italianos votando maioritariamente a Silvio Berlusconi?
O acordo foi tomado sen ningún voto en contra e só coa abstención dalgúns países.
“O goberno español, que inicialmente anunciara en público que mantiña unha posición contraria a esta medida, decidiu finalmente absterse na votación. A delegación encabezada polo ministro de Traballo, Celestino Corbacho, escusouse dicindo que será posíbel máis adiante emendar o texto final”.
O Partido Popular estará encantado!
Esta norma o que vai facer é deixar dentro da legalidade a certos empresarios que xa a estaban a aplicar!
Voltamos ás xornadas de 12 horas de luns a venres e ás 5 do sábado pola mañá.
Non queríamos ser europeos?
Pois ala, todos contentos: xa volvemos a ter sábado inglés!
9 Xuño, 2008
Eventos
Non hai comentarios
| 20 Xuño 2008 |
| 8:30 pm | to | 9:30 pm |
Acto Público do BNG o venres día 20 de xullo, na Sala de Exposicións de Nauta Sanxenxo, no Porto Deportivo.
Falarán:
Roberto Fernández Lores, Portavoz Municipal do BNG
Montserrat Prado Cores, Delegada Provincial da Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
Anxo Quintana, Portavoz Nacional do BNG e Vicepresidente da Xunta de Galicia.
« Entradas anteriores