31 Xullo, 2008
Política local
Non hai comentarios
Na miña intervención no Pleno de aprobación dos orzamentos dixen que o modelo de xestión que ten este Concello, iniciado por Telmo Martín e seguido pola actual alcaldesa, está esgotado porque basea os seus ingresos na xestión urbanística.
Unha vez rematada a puxanza do sector do “ladrillo”, ao estoupar a burbulla inmobiliaria, o Concello ficará sen eses ingresos “atípicos” pero o custo dos servizos e da plantilla de empregados será, no mellor dos casos, o mesmo.
Con esta situación económica e o modelo de xestión seguido polo PP de manter as súas redes clientelares a base de incrementar a plantilla ano a ano, a marxe que queda para investimentos é: “cero patatero”.
Canto nos imos lembrar da compra de Punta Vicaño!
Cun goberno que se dedica a facer oposición ás outras administracións en vez de negociar con elas para conseguir financiamento de novos proxectos, o futuro de Sanxenxo é bastante escuro, por non dicir negro coma un “chamizo”.
A xestión do goberno para conseguir que os veciños e veciñas de Sanxenxo non teñan que depender unicamente do sector servizos foi nula e imos a pagalo moi caro nos vindeiros anos.
Non hai mais que botarlle unha ollada aos datos do emprego en Sanxenxo por sectores:
Ano 2.006 Ano 2.007
persoas % persoas %
- Agro/pesca . . . . . 669 11,7 652 10,6
- Industria . . . . . . . 459 8,0 502 8,1
- Construción . . . . 1.337 23,4 1.471 23,8
- Servizos . . . . . . . 3.251 56,9 3.555 57,5
Que vai pasar agora con todos os empregados do sector da construción?
Para que vos fagades unha idea do problema, sabede que no conxunto de Galiza o sector da construción emprega só a un 13% da poboación activa e na provincia de Pontevedra só representa o 12%.
E mentres tanto o Parque Empresarial sen empresas e polo momento (agardemos) sen enlace coa autovía.
Pois nada… todos a traballar na hostalería e, iso si, rezando para que non chova!
30 Xullo, 2008
Política local
Non hai comentarios
Onte tivemos Pleno Ordinario en Sanxenxo. Como novidade pódese destacar que rematou moito antes das 12 da noite.
Como punto importante estaba a aprobación do II Plan de Igualdade do Concello.
O noso grupo abstívose na votación, non porque non esteamos a favor de que se fagan planos de igualdade, senón porque o que se fai en Sanxenxo é só declaracións de intencións.
Nunha excelente intervención da miña compañeira Sandra ficou demostrado que o grupo de goberno non ten interese en cumprir o que pon nos papeis.
Como exemplo subliñou o da composición do Consello de Administración da sociedade municipal Nauta Sanxenxo, S.L., que está formado por 5 homes e dúas mulleres, ao que respostou a alcaldesa que ela non ía poñer alí unha muller por cumprir coas cotas senón pola súa valía.
Con isto querería dicir que das mulleres que ten no goberno algunha non vale?
Na quenda de preguntas, o compañeiro do BNG, David Otero, preguntou pola situación do cemiterio de Dorrón, como estaban os trámites para a súa apertura, para cando estaba prevista e si os promotores das vivendas, que provocaron a actual situación, puxeran algún contencioso.
A resposta da alcaldesa foi que estaba pendente da autorización de Sanidade e que non lembraba si os promotores puxeran algún contencioso.
Hai amnesias que cheiran a “corno queimado”!
26 Xullo, 2008
Política local
Non hai comentarios
O comunicado da concelleira de facenda para aclarar a débeda do Concello, non lle ten envexa aos contratos de Groucho Marx!
Eu ata hoxe tiña un lío na cabeza, pero despois de ler as súas aclaracións xa vin a luz: o Concello non ten débeda!
Vos chegaste á mesma conclusión, non?
Si é que non hai mellor cousa que falar clariño!
A min o que mais me gusta do comunicado é a sinxeleza da súa prosa.
Que fillo de veciño non entende que: “Ós efectos os ingresos ordinarios consolidados dos entes administrativos restrinxidos son de 19.999.757,54 € (a), pero os reais de 29.507.851,48 (b) segundo as normas do Sistema Europeo de Contas Nacionais e Rexionais”?
Eu non sei como vou facer para agradecerlle á concelleira de facenda as súas aclaracións.
Veciños e veciñas de Sanxenxo: semella moito o que vos cobran por taxas e impostos pero non vos decatades que neste concello eses ingresos están “capitalizados por principios de prudencia contable”, a ver si vos enterades!
E digo eu: eses “principios de prudencia” serán só para os ingresos ou tamén para os gastos?
Terían que aplicalos tamén aos soldos do equipo de goberno?
Supoño que non, porque entón non estarían “capitalizados” eles.
Xa estou liado outra vez!
Vou ter que facer unha consulta ao Sistema Europeo de Contas Nacionais e Rexionais.
24 Xullo, 2008
Política xeral
1 Comentario

Mañá 25 de xullo, celebraremos o día do noso país, que en palabras de Castelao é: “a festa maior de Galicia, a festa de todos os galegos”.
Esta celebración iniciouse no ano 1920, cando as Irmandades da Fala organizaron o primeiro Día de Galicia como acto de afirmación da nosa identidade colectiva.
As Irmandades da Fala xa proclamaron aquel ano: “esta data do 25 de Santiago, en todos os lugares do mundo onde latexa un peito galego, é data de lembranza da Patria natural que dende antigo, como agora e sempre, ha ser a única patria verdadeira dos galegos”.
O BNG como herdeiro das Irmandades da Fala e de Castelao, celebra todos os anos o 25 de xullo, o Día da Patria Galega.
Este ano queremos que sexa especial, por iso o BNG levou a cabo unha campaña durante a que celebramos máis de 200 actos públicos por todo o país, como o que fixemos en Sanxenxo o pasado 20 de xuño coa presenza do Portavoz Nacional do BNG e Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana.
Esta campaña rematará coa gran manifestación de mañá 25 de xullo, día en que todos e todas que levamos a Galiza no peito ateigaremos as rúas de Compostela dando unha mostra da forza que o nacionalismo ten, e que os galegos e galegas queren para este País, manifestación á que quedades todos e todas convidados.
Un País dono de seu, que poida por en valor as súas potencialidades e aproveitar os recursos produtivos que o convertan nun PAÍS NOVO, como pedíamos na campaña das eleccións galegas do 2005.
A día de hoxe, xa estamos a vivir nese PAÍS NOVO e esta transformación chegou grazas a que, co apoio dos galegos e galegas, o BNG goberna na Xunta de Galiza.
Un goberno cun Vicepresidente nacionalista que deu mostras dabondo de como se debe gobernar, un Vicepresidente que xa non vai a Madrid a pedir esmola e a ver canto lle tocaba a Galiza no reparto, como se facía antes, senón que vai a Madrid a ESIXIR O QUE POR DEREITO NOS CORRESPONDE!
Hoxe temos un goberno que conta con homes e mulleres nacionalistas que só pensan en Galiza e nos intereses dos galegos e galegas!
Hoxe, na véspera do Día da Patria, quero lembrar as palabras que dixo Castelao no seu discurso “Alba de Groria” en Bos Aires o 25-7-48:
“Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares.”
23 Xullo, 2008
Política local
Non hai comentarios
Vendo o cadro de investimentos que acompaña ao orzamento, para o ano 2008, do Concello de Sanxenxo e analizando cales van ser as fontes de financiamento para a súa execución, pódese comprobar cal é a realidade das arcas municipais.
Nauta Sanxenxo, S.L. para a remodelación prevista da praza do porto por importe de 3 millóns de euros, ten que pedir un crédito de 2.993.500,00 €.
Ínsula Sanxenxo, S.L. para os proxectos de investimento previstos por importe de 10,5 millóns de euros, ten que pedir un crédito de 10,8 millóns.
Pero o mais grave é que, despois de dicir a Sra. Alcaldesa que o enlace do Parque Empresarial non lle ía custar un só euro aos veciños e veciñas de Sanxenxo, agora ten que pedir un crédito para poder pagar o 1.500.000 euros, comprometidos no convenio asinado coa Xunta.
O mesmo ocorre coa achega que ten que facer para atender o convenio asinado coa Deputación para a nova estrada do Parque Empresarial ata Vilalonga.
Os datos son os seguintes:
- Achega para convenio coa Xunta . . . . . . . . 1.500.000,00 €
- Achega para convenio coa Deputación . . . . . . 711.719,46 €
T O T A I S . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . 2.211.719,46 €
Este mesmo importe é o do crédito que vai pedir o Concello!
Como a lei non permite pedir créditos para atender as achegas a convenios con outras administracións, oficialmente o préstamo vaise destinar a outros proxectos, que xa estaban adxudicados e contaban con partida orzamentaria no ano pasado, como o Centro Socio-Cultural e a Gardería do Revel e a Cidade Deportiva de Sanxenxo.
Os orzamentos do ano 2008 do Concello, poñen en evidencia a nula capacidade de xestión do equipo de goberno do PP de Sanxenxo, unha vez esgotada a herdanza do anterior alcalde baseada nos ingresos por xestión urbanística.
Este goberno, ao carecer de capacidade de negociación con administracións que non sexan do PP, só saben endebedar inda máis ao Concello. Cos 16 millóns de euros que van pedir en créditos este ano, duplícase a débeda actual deixando hipotecados por moitos anos aos veciños e veciñas de Sanxenxo.
20 Xullo, 2008
Política local
1 Comentario
Hoxe pódese dicir que xa estamos en pleno verán en Sanxenxo.
O mercurio dos termómetros pasou con creces dos 30 graos e a praia de Silgar semellaba unha lata de sardiñas, das perrechiñas, das que caben moitas nun só envase.
As outras praias do concello tamén estaban ateigadas de xente a pesar de que a auga estaba fría… moi fría, diría eu.
E caravanas de coches, caravanas moi longas, de entrada pola mañá e de saída polo serán mais, como sempre, nas mesmas estradas: circunvalación de Portonovo a Sanxenxo e rúa Progreso.
Os veciños e veciñas do concello temos moita ventaxe estes días porque coñecemos as estradas interiores, o que me lembrou que non hai moitos días dixeron dende o Concello que ían gastar 18 mil euros en sinalizar vías alternativas para evitar os atascos.
Eu percorrín hoxe o concello dende Noalla ata Dorrón e dende logo si había sinales novas eu non as vin e os coches cos que me atopei eran todos, ou case todos, de veciños e veciñas do concello.
Tamén puiden comprobar esta mañá que o aparcadoiro do porto deportivo queda pequeno. Ás 12:30 horas xa non había prazas baleiras. Non sei como estaría o da Fonte de Ramos, o que si sei é que o novo espazo que se acondicionou como aparcadoiro detrás da igrexa estaba practicamente baleiro. Claro que non me estraña: tampouco atopei ningunha indicación que o sinalara.
Tamén me preguntei esta mañá, despois de todo o percorrido, “ondandarán” os 65 (30 de todo o ano máis os 35 contratados para o verán) policías locais que temos no concello?
En Noalla non vin a ningún, en Portonovo tampouco, na festa de Dorrón non estaban e en todo Sanxenxo só vin a dous auxiliares: unha no cruce de entrada ao porto, avisando que non había prazas no aparcadoiro, e outra na avenida Luis Rocafort, á saída do colexio.
- Roberto, que dis: si estamos en plenas vacacións de verán e ademais… na avenida Luis Rocafort non hai ningún colexio!
- Pois a min dixéronme que por aquel cruce entraban e saían dá escola os do PP!
Seguramente que o resto dos policías locais estaban na festa de San Cristovo, en Vilalonga, uns e os outros en Nantes e Bordóns, que por alí non pasei!
19 Xullo, 2008
Política local
Non hai comentarios
As cousas están mudando no Partido Popular. Cando mandaba Fraga, facía as “concentracións” nos mosteiros, agora fanas ao carón da praia de Silgar, en Sanxenxo!
Pena que xa non estea Zaplana para mellorar o seu “bronceado”.
Claro que, con esta desculpa a nosa alcaldesa tivo o seu minuto de groria. E aproveitouno!
Ela pensou: “Os meus xefes do PP van botar aquí 3 días, por si escoitan o que a xente de Sanxenxo opina do meu goberno, voullo a dicir eu antes e así saben que eu tamén me decato”.
E entón dirixiuse ao auditorio (en castelán por suposto!):
“Sanxenxo está atravesando una de sus peores etapas”
“Ni Sanxenxo ni Galicia pueden estar ni un minuto más en manos de estos inconscientes”
Ben, xa sei que non foi esa a súa intención mais, a que podía selo?
O que me ten desconcertado é outra frase que dixo: “…los miembros del Partido Popular no podemos dejar que nos avergüence nuestro lado más humano”.
Levo dándolle voltas todo o día e só se me ocorre que se estaba referindo a felicitar as festas do Nadal ao carón de dous velliños do Centro de Día, como fixo ela!
Acusou á Xunta de maltratar a Sanxenxo, usou cualificativos de todo tipo contra a outra administración mais, tranquilos son cousas da política, o vindeiro martes estará dándolle bicos e apertas á Conselleira na inauguración da autovía de O Salnés.
E mentres isto ocorría nun lado de Sanxenxo, a menos de cincocentos metros os veciños e veciñas da rúa Progreso tiveron o corazón nun puño durante máis de dúas horas por un escape de gas.
Claro que, non houbo perigo… o dispositivo estivo dirixido en todo momento polo concelleiro de seguridade cidadá!
16 Xullo, 2008
Eventos
Non hai comentarios
| 22 Xullo 2008 |
| 8:30 pm | to | 9:30 pm |
Pleno Extraordinario do Concello para á aprobación dos Orzamentos – 2008
15 Xullo, 2008
Política local
1 Comentario
Hoxe, coas novas da Inmobiliaria MARTINSA-FADESA, lembreime da urbanización Altos de Miraflores en Padriñán, na que tiñan previsto construír 429 vivendas.
Esa urbanización sempre estivo rodeada de polémica e cun denominador común: o Concello de Sanxenxo.
Cando se pretenden facer as cousas “contra natura” (ese monte nunca se debeu declarar urbanizábel), mais cedo ou mais tarde, sempre rematan mal.
Todo comezou no ano 1993 cando a empresa GENERAL DE PATRIMONIOS, S.A. (GEPASA) asinou un convenio urbanístico co Concello declarando apto para urbanizar esa zona. Ese convenio non chegou a incorporarse ás Normas Subsidiarias do Concello.
No ano 2002 retomou o asunto Telmo Martín (sempre Telmo Martín!), cando tramitou o Plan Xeral, asinando un novo convenio coa empresa, nese intre propietaria, ALTOS DE MIRAFLORES, S.L.. Ese convenio, entre outros, tiña o seguinte compromiso da empresa: “Materializar o aproveitamento correspondente ao Concello, nos termos e condicións que no seu momento se fixen de mutuo acordo e que serán de características de V.P.O. de promoción pública e en vivenda colectiva”.
Esa obriga ficou anulada polo novo convenio asinado en decembro do 2004 tamén por Telmo Martín cos novos propietarios do solo, as empresas BEVENZU, S.L. e INMUEBLES BELLA RIA 2004, S.L., a cambio do seu importe en metálico que, segundo valoración da Xerencia de Urbanismo, foi de 4.981.040 euros.
Co paso dos anos resulta… (non sei que adxectivo por) curiosa(?) unha das xustificacións, que dan no informe conxunto que asinaron o secretario e o interventor do Concello, para aprobar este convenio:
“O Concello segundo criterios de oportunidade e interese público nova a obriga da reserva para V.P.O. polo seu equivalente económico, cuxo destino sería dualmente manter as previsións do orzamento de 2004 de ingresos derivados do desenvolvemento urbanístico e asemade relocalizar ese 10% en outra área que permita axilizar a súa posta a disposición dos veciños con maior rapidez ao contar con financiamento preciso para tal finalidade…”
Ula relocalización? Ula axilidade? Ulas vivendas de V.P.O.?
O día 14 de xuño dese mesmo ano 2004 prodúcese un incendio que queima a totalidade da masa forestal do solo.
No ano 2005 apróbase o Plan Parcial, desestimando as alegacións que contra a mesma presentou o BNG de Sanxenxo e as que tamén presentaron 51 veciños da contorna.
No ano 2006 as empresas venden o solo a Inmobiliaria FADESA, que xa é a cuarta propietaria!
Para rematar este “culebrón”, a Alcaldesa en funcións, Catalina González, aproba o Proxecto de Urbanización o día… 24 de maio de 2007, 3 días antes das eleccións municipais!
13 Xullo, 2008
Política local
Non hai comentarios
Por fin, despois de un ano e un mes dende que se conformou a nova corporación municipal, o grupo de goberno de Sanxenxo levou a cabo unha idea propia.
Xa temos autobuses no rural!
Ben, xa sei que o anunciaron en marzo de 2007, pero todos sabemos que as cousas da administración van lentas.
Esta é unha boa nova. Hoxe deberíamos darnos parabéns todos porque isto é unha necesidade que tiñan e os veciños e veciñas de todas as parroquias de Sanxenxo.
Agora ben, coñecendo aos nosos gobernantes e sabendo como funciona a empresa que ten adxudicado o servizo, eu, por sentido da prudencia, vou deixar que pase polo menos un ano e ver os resultados antes de mostrar a miña ledicia.
Gato escaldado escapa á auga fría.
« Entradas anteriores