Inconscientes
19 Xullo, 2008 Política local Non hai comentariosAs cousas están mudando no Partido Popular. Cando mandaba Fraga, facía as “concentracións” nos mosteiros, agora fanas ao carón da praia de Silgar, en Sanxenxo!
Pena que xa non estea Zaplana para mellorar o seu “bronceado”.
Claro que, con esta desculpa a nosa alcaldesa tivo o seu minuto de groria. E aproveitouno!
Ela pensou: “Os meus xefes do PP van botar aquí 3 días, por si escoitan o que a xente de Sanxenxo opina do meu goberno, voullo a dicir eu antes e así saben que eu tamén me decato”.
E entón dirixiuse ao auditorio (en castelán por suposto!):
“Sanxenxo está atravesando una de sus peores etapas”
“Ni Sanxenxo ni Galicia pueden estar ni un minuto más en manos de estos inconscientes”
Ben, xa sei que non foi esa a súa intención mais, a que podía selo?
O que me ten desconcertado é outra frase que dixo: “…los miembros del Partido Popular no podemos dejar que nos avergüence nuestro lado más humano”.
Levo dándolle voltas todo o día e só se me ocorre que se estaba referindo a felicitar as festas do Nadal ao carón de dous velliños do Centro de Día, como fixo ela!
Acusou á Xunta de maltratar a Sanxenxo, usou cualificativos de todo tipo contra a outra administración mais, tranquilos son cousas da política, o vindeiro martes estará dándolle bicos e apertas á Conselleira na inauguración da autovía de O Salnés.
E mentres isto ocorría nun lado de Sanxenxo, a menos de cincocentos metros os veciños e veciñas da rúa Progreso tiveron o corazón nun puño durante máis de dúas horas por un escape de gas.
Claro que, non houbo perigo… o dispositivo estivo dirixido en todo momento polo concelleiro de seguridade cidadá!



