A amnesia da Alcaldesa
Xullo 30, 2008 2:13 pm Política localOnte tivemos Pleno Ordinario en Sanxenxo. Como novidade pódese destacar que rematou moito antes das 12 da noite.
Como punto importante estaba a aprobación do II Plan de Igualdade do Concello.
O noso grupo abstívose na votación, non porque non esteamos a favor de que se fagan planos de igualdade, senón porque o que se fai en Sanxenxo é só declaracións de intencións.
Nunha excelente intervención da miña compañeira Sandra ficou demostrado que o grupo de goberno non ten interese en cumprir o que pon nos papeis.
Como exemplo subliñou o da composición do Consello de Administración da sociedade municipal Nauta Sanxenxo, S.L., que está formado por 5 homes e dúas mulleres, ao que respostou a alcaldesa que ela non ía poñer alí unha muller por cumprir coas cotas senón pola súa valía.
Con isto querería dicir que das mulleres que ten no goberno algunha non vale?
Na quenda de preguntas, o compañeiro do BNG, David Otero, preguntou pola situación do cemiterio de Dorrón, como estaban os trámites para a súa apertura, para cando estaba prevista e si os promotores das vivendas, que provocaron a actual situación, puxeran algún contencioso.
A resposta da alcaldesa foi que estaba pendente da autorización de Sanidade e que non lembraba si os promotores puxeran algún contencioso.
Hai amnesias que cheiran a “corno queimado”!
