O futuro de Sanxenxo
Xullo 31, 2008 9:32 pm Política localNa miña intervención no Pleno de aprobación dos orzamentos dixen que o modelo de xestión que ten este Concello, iniciado por Telmo Martín e seguido pola actual alcaldesa, está esgotado porque basea os seus ingresos na xestión urbanística.
Unha vez rematada a puxanza do sector do “ladrillo”, ao estoupar a burbulla inmobiliaria, o Concello ficará sen eses ingresos “atípicos” pero o custo dos servizos e da plantilla de empregados será, no mellor dos casos, o mesmo.
Con esta situación económica e o modelo de xestión seguido polo PP de manter as súas redes clientelares a base de incrementar a plantilla ano a ano, a marxe que queda para investimentos é: “cero patatero”.
Canto nos imos lembrar da compra de Punta Vicaño!
Cun goberno que se dedica a facer oposición ás outras administracións en vez de negociar con elas para conseguir financiamento de novos proxectos, o futuro de Sanxenxo é bastante escuro, por non dicir negro coma un “chamizo”.
A xestión do goberno para conseguir que os veciños e veciñas de Sanxenxo non teñan que depender unicamente do sector servizos foi nula e imos a pagalo moi caro nos vindeiros anos.
Non hai mais que botarlle unha ollada aos datos do emprego en Sanxenxo por sectores:
Ano 2.006 Ano 2.007
persoas % persoas %
- Agro/pesca . . . . . 669 11,7 652 10,6
- Industria . . . . . . . 459 8,0 502 8,1
- Construción . . . . 1.337 23,4 1.471 23,8
- Servizos . . . . . . . 3.251 56,9 3.555 57,5
Que vai pasar agora con todos os empregados do sector da construción?
Para que vos fagades unha idea do problema, sabede que no conxunto de Galiza o sector da construción emprega só a un 13% da poboación activa e na provincia de Pontevedra só representa o 12%.
E mentres tanto o Parque Empresarial sen empresas e polo momento (agardemos) sen enlace coa autovía.
Pois nada… todos a traballar na hostalería e, iso si, rezando para que non chova!
