29 Setembro, 2008
Política local
3 Comentarios
Hoxe rexistrei unha moción no Concello, que se debaterá no Pleno Ordinario de mañá, na que propoño unha serie de medidas económicas para axudar a pasar a crise tanto os veciños e veciñas como as maltreitas arcas municipais, xa que desde o goberno non vexo que se tomen medidas de ningún tipo.
A actual crise que estamos a vivir vai ter tamén repercusión nas contas dos concellos, especialmente nos que, como o de Sanxenxo, basearon sempre a súa economía nos ingresos procedentes do sector inmobiliario.
No BNG cremos que para poder manter os servizos que o concello presta aos veciños e veciñas todo o ano, que o nivel de benestar dos residentes en Sanxenxo non se vexa afectado pola situación na que nos atopamos e para poder levar a cabo os investimentos que se precisan, compre tomar medidas de carácter económico que se deben basear en tres aspectos fundamentais:
1º.- Contención do gasto corrente.
2º.- Procura de financiamento de outras administracións.
3º.- Incremento dos ingresos ordinarios.
Para acadar os resultados do primeiro apartado é fundamental o axuste no capítulo de gastos de persoal. Resulta desorbitada unha nómina de preto de 8 millóns de euros para un concello de 17.000 habitantes cando por exemplo en Cambados, con 2.000 habitantes menos, non chega nin á metade ou en Vilagarcía, co dobre de censo, ronda os 9 millóns.
No que atinxe ao segundo apartado chega con abandonar posturas partidistas e por en primeiro lugar, e por enriba de todo, os intereses dos veciños e veciñas do concello. Deste xeito resultaría moi doado abaratar custes en servizos como: Centro de Día, Garderías, Colexios, etc.
Por último, para conseguir o obxectivo do apartado terceiro, tendo en conta o previsíbel descenso dos ingresos por I.C.I.O., é preciso mellorar a xestión nos seguintes puntos:
a) Actualización dos padróns municipais.
b) Xestión directa da recadación.
c) Incremento da recadación por I.B.I.
A necesidade de cumprir o primeiro punto quedou demostrada na liquidación das contas do Concello dos anos 2.006 e 2.007, nas que se reflicte a total ausencia de ingresos por novas altas no padrón do I.B.I. Esta actualización aseguraría un importante incremento dos ingresos tanto en impostos como en taxas.
En canto ao segundo punto, dende o BNG consideramos que coa cuarta parte dos 369.000 euros que se pagaron no ano 2.007 pola xestión externa da recadación pódese crear un servizo municipal que garanta uns maiores ingresos e unha mellor atención aos veciños e veciñas de Sanxenxo.
Por último centrámonos no I.B.I. por tratarse do imposto que máis incidencia ten nos ingresos ordinarios.
Segundo os datos publicados pola Dirección Xeral do Catastro, no ano 2.003 o Concello de Sanxenxo tiña 492 hectáreas de solo urbano e 3.908 hectáreas de solo rústico. Coa aprobación do PXOM, no ano 2.003, pasou a catalogarse como solo urbano 809 hectáreas e como solo urbanizábel delimitado outras 262 hectáreas o que fai un total de 1.071 hectáreas, das que 579 Ha. seguen a ser actualmente consideradas como solo rústico e cotizando como tal.
Si este cambio de catalogación se actualizara no catastro, os ingresos por I.B.I. veríanse fortemente incrementados sen necesidade de aumentar o gravame para este imposto.
Por outra banda, segundo os últimos datos publicados polo I.N.E., no ano 2.001 o Concello de Sanxenxo tiña un censo de 13.705 vivendas, das que 4.713 eran principais, 1.855 secundarias e 7.113 estaban valeiras.
Se temos en conta que desde o ano 2.001 concedéronse licenzas para algo máis de 2.000 vivendas, podemos calcular que actualmente Sanxenxo conta con aproximadamente 16.000 vivendas.
En resumo, actualizando o padrón (lembremos que nos anos 2.006 e 2.007 non se deu de alta ningunha nova vivenda) e actualizando o catastro poderíase manter o gravame do IBI no actual 0,45% e bonificar aos veciños e veciñas residentes en Sanxenxo, con vivenda en propiedade ou aluguer todo o ano, nun 10% do seu recibo, acadando deste xeito tres resultados:
– Axudar á economía familiar dos veciños e veciñas de Sanxenxo.
- Aumentar os ingresos ordinarios do Concello.
– Fomentar o incremento do censo de residentes no noso concello e deste xeito obter unha maior participación nos ingresos procedentes dos Tributos do Estado.
Para acadar estes obsectivos, na moción pido que se tomen as seguintes medidas:
1º.- Que se actualice o padrón de vivendas de Sanxenxo.
2º.- Que se inicien con toda urxencia os trámites para a actualización do Catastro.
3º.- Que se conxele o tipo de gravame do I.B.I. para o ano 2.009.
4º.- Que se contemple unha bonificación do 10% no recibo do I.B.I. para as vivendas principais ou alugadas con inquilinos censados no Concello de Sanxenxo.
5º.- Que se cree un Servizo Municipal para a recadación directa dos impostos e taxas municipais.
Agora só depende de que os nosos gobernantes(?) acepten estas propostas ou non.
Por darlle ideas que non quede!
27 Setembro, 2008
Política local
1 Comentario
A miña compañeira do BNG e de corporación, Sandra Fernández Agraso, vai presentar unha moción no Pleno Ordinario que se celebrará o vindeiro martes día 30, ás 20:30 horas, solicitando que se habiliten “Aulas de Espera” en todos os colexios públicos do noso concello.
A continuación trancribo a moción:
Nos tempos que estamos a vivir, cada vez son máis as nais que se incorporan ao mercado laboral coa dificultade doméstica que isto xera en moitas ocasións.
No noso concello os colexios teñen uns horarios de entrada que comprenden dende as 8,45 ata as 9,30 horas e loxicamente estes horarios plantexan un serio problema aos pais e nais traballadores para a incorporación dos fillos/as á xornada lectiva.
Unha medida de axuda para estes pais e nais é a creación dunha “AULA DE ESPERA” na que teña lugar:
1.- A Recepción de alumnos/alumnas de Educación Infantil e Primaria polo monitorado nas horas previas ao inicio da xornada escolar. 2.- Taller de educación para a saúde (almorzo saudable, actividades de hixiene e colaboración nas tarefas de recollida e limpeza).
3.- Acompañamento do alumnado ás súas correspondentes aulas.
Dende o BNG consideramos que é totalmente necesario ofrecer servizos que axuden a conciliar a vida familiar e laboral. Neste caso concreto estamos a falar dun servizo que favoreza a atención dos máis pequenos, dando así a posibilidade tanto ás nais como aos pais que traballen a exercer dita elección garantindo o benestar dos seus fillos neste ámbito.
Actualmente no concello de Sanxenxo a ANPA do Colexio Cruceiro de Vilalonga está sendo pioneira ao xestionando este servizo, que asumen integramente os pais e nais.
Dende o BNG, debido a súa importancia, cremos que son as administracións as que teñen que asumir a xestión deste servizo.
Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG solicita que o Pleno da Corporación inste ao Goberno para que adopte os seguintes
A C O R D O S :
- Que se habilite unha “AULA DE ESPERA” en cada colexio público do Concello de Sanxenxo.
- Que por parte da alcaldía se proceda a asinar un convenio de colaboración coa Consellaría de Educación da Xunta de Galicia para desenvolver este servizo.
- Que se fixen as partidas orzamentarias e os prazos de cada administración, así como a elaboración dun regulamento que permita cubrir a totalidade das demandas de todos os centros na maior brevidade posible.
Agardemos que por unha vez o goberno do PP teña “sentidiño” e acepten a moción!
26 Setembro, 2008
Política local
Non hai comentarios
Na Comisión Especial de Contas, celebrada hoxe no Concello de Sanxenxo, debateuse unha proposta da Alcaldía para aprobar unha ampliación de 278.323,76 euros do custe final pola construción da nova Casa do Concello.
A obra fora adxudicada no mes de maio do ano 2.006 por un importe de 955.000 euros.
Despois de case 2 anos dende a súa inauguración, o 14 de decembro de 2.006, agora o Grupo de Goberno do PP pretende pagar máis dun 30% do importe no que foi adxudicada a obra.
Segundo se reflicte no informe fiscalizador da Intervención Xeral do Concello, o proceso está cheo de irregularidades desde que, ao parecer, se detectou que o custe da obra ía ser moi superior ao licitado inicialmente.
No relatorio dos feitos do devandito informe maniféstase:
- Realizouse un modificado, sen previa tramitación, no curso da execución da obra, que supón un incremento de 278.323,76 €.
- Non se formalizou contrato administrativo do modificado nin previa autorización.
- Non se perciben nin mala fe, nin responsabilidade polos técnicos, aínda que é mester facer incidencia na ausencia de calquera tramitación previa e preceptiva deste modificado.
E nas conclusións dise:
- Débese dar conta, aos efectos de fiscalización externa, ao Consello de Contas de Galicia, cuestión que non se cumprimentou con motivo do expediente primitivo, segundo dispón o artigo 57 do Real Decreto Lexislativo 2/2.000 de 16 de xuño.
Con esta conclusión, atopámonos no mesmo caso que aconteceu co modificado do Contrato da Recollida do Lixo, o que nos leva pensar que este xeito de actuar é norma habitual dos gobernantes do Concello de Sanxenxo.
O BNG nunca estivo de acordo con esta obra, entre outros motivos, por non dar solución aos problemas de espazo para acoller nun mesmo edificio todas as dependencias municipais tendo que, por exemplo, estar pagando 3.000 euros mensuais polo aluguer do local no que se atopa a Xerencia de Urbanismo.
Este é un exemplo mais da herdanza e xeito de gobernar que nos deixou Telmo Martín e que tan fielmente recolleu e segue a practicar a actual rexedora Catalina González.
O problema é que as consecuencias das “chapuzas” feitas polos gobernantes do PP páganas sempre os mesmos: os veciños e veciñas de Sanxenxo!.
24 Setembro, 2008
Política local
Non hai comentarios
No mes de agosto faleivos da proposta que fixo o grupo de goberno para modificar o contrato da recollida do lixo. Ao final o PP aplicou o “rodillo” e aprobouno no Pleno celebrado o día 26 de agosto.
O noso grupo votou en contra porque consideramos que se trataba dunha clara irregularidade e só tiña a finalidade de mellorar os ingresos da empresa concesionaria.
Hoxe presentei no Rexistro do Concello un Recurso de Reposición contra ese acordo plenario, no que basicamente se expón o seguinte:
A resolución que se recorre non só conculca o espírito da Lei, senón que tamén obvia as esixencias do procedemento, as garantías, a preservación dos principios de publicidade, concorrencia e transparencia, incrementando a inseguridade xurídica, eliminando a competencia entre as empresas e, sobre todo, a selección da oferta economicamente máis vantaxosa, co conseguinte quebranto das arcas públicas.
A modificación e ampliación do contrato obedece a un autoritarismo voluntario para premiar a unha determinada empresa á marxe da transparencia e do acceso público á información que debe rexer a actividade contractual do sector público e, para amparar tal ilegalidade, fánselle buscar aos Servizos Municipais vías estrañas que só se poden explicar desde esta óptica.
O informe dos Servizos Municipais dan o mesmo tratamento á adxudicación directa do servizo de mantemento e limpeza de papeleiras, que viña prestando outra empresa ata ó seu vencemento, cun incremento no custo dun 63%, sen xustificación algunha, evitando a libre concorrencia, coma si se tratase dunha causa imprevista, metendo todo no mesmo saco, para mellorar sensiblemente a conta de resultados da empresa adxudicataria en prexuízo do propio Concello.
Dentro desta arbitrariedade e escurantismo non podemos pasar por alto o informe dos Servizos Municipais e a proposta da Alcaldía no senso de dar conta desta modificación ao Consello de Contas de Galicia que, como ben reflicte o informe, pese ás advertencias da Intervención Xeral do Concello, non se cumprimentou esta obriga, nin no expediente primitivo, nin nos modificados primeiro, segundo e terceiro, polo que podemos presumir que tampouco hai agora intención de cumprir con esta esixencia, para que “todo quede na casa”, ninguén coñeza as irregularidades e así poidan esixir responsabilidades.
Agardo que este recurso non teña o mesmo destino que os presentados polo BNG noutras ocasións: o caldeiro do lixo!
Claro que tratándose do que se trata… non sei!
Aquí podedes ver o texto completo.
2 Setembro, 2008
Política xeral
1 Comentario
Comecei a ler os artigos que escribe o profesor, xornalista, humanista, politólogo, Xosé Luis Barreiro, despois de escoitar unha conferencia que deu en Pontevedra, hai xa anos, nunhas xornadas sobre xornalismo e política.
Aquel día fixo un comentario que me ficou gravado: “a televisión interactiva principiou en Forcarei” (súa vila de nacemento).
Explicouno dicindo que cando el era neno, botaban na televisión a serie “El Conde de Montecristo” e como marchaba a luz a cotío, o día que isto ocorría, os que ían a feira de Silleda preguntaban polo que pasara no capítulo que non puideron ver e á volta contábanllo aos de Forcarei.
Non vou dicir que sempre estea de acordo co que escribe, pero son moitas as veces comparto as súas opinións e sobre todo gústame porque chama ás cousas polo seu nome.
O seu artigo de onte, é un exemplo disto.
Así como ía lendo estaba pensando que o escribira despois de estudar os orzamentos do Concello de Sanxenxo dos últimos anos.
Transcribo dous parágrafos para que entendades ao que me refiro:
“Pero o que non debería suceder é que, logo de cadrar e aprobado un orzamento formal e con todas as bendicións, todas as Administracións dedíquense a facer mangas e capirotes cos números, ata acabar empeñados ata as orellas, debendo pasta aos seus provedores e explicando os seus fracasos en función do mesmo orzamento que descobre e acusa os seus dislates”.
“O que agora se leva, con todo, é o orzamento ao revés. Primeiro sóñanse os paraísos e as ostentacións e prométese o que haxa que prometer. E despois acúsase ao orzamento de non adaptarse aos nosos soños e de non estar escrito sobre chicle, para podelo mascar, estirar, facer globos e pegalo -xa insípido- nos escanos da oposición. E a culpa de todo, en vez de á política? ¡impútase aos números!”
Decídeme vos se non opinades o mesmo!