Nova Casa do Concello

1:32 pm Política local

Na Comisión Especial de Contas, celebrada hoxe no Concello de Sanxenxo, debateuse unha proposta da Alcaldía para aprobar unha ampliación de 278.323,76 euros do custe final pola construción da nova Casa do Concello.
A obra fora adxudicada no mes de maio do ano 2.006 por un importe de 955.000 euros.

Despois de case 2 anos dende a súa inauguración, o 14 de decembro de 2.006, agora o Grupo de Goberno do PP pretende pagar máis dun 30% do importe no que foi adxudicada a obra.
Segundo se reflicte no informe fiscalizador da Intervención Xeral do Concello, o proceso está cheo de irregularidades desde que, ao parecer, se detectou que o custe da obra ía ser moi superior ao licitado inicialmente.
No relatorio dos feitos do devandito informe maniféstase:
- Realizouse un modificado, sen previa tramitación, no curso da execución da obra, que supón un incremento de 278.323,76 €.
- Non se formalizou contrato administrativo do modificado nin previa autorización.
- Non se perciben nin mala fe, nin responsabilidade polos técnicos, aínda que é mester facer incidencia na ausencia de calquera tramitación previa e preceptiva deste modificado.
E nas conclusións dise:
- Débese dar conta, aos efectos de fiscalización externa, ao Consello de Contas de Galicia, cuestión que non se cumprimentou con motivo do expediente primitivo, segundo dispón o artigo 57 do Real Decreto Lexislativo 2/2.000 de 16 de xuño.
Con esta conclusión, atopámonos no mesmo caso que aconteceu co modificado do Contrato da Recollida do Lixo, o que nos leva pensar que este xeito de actuar é norma habitual dos gobernantes do Concello de Sanxenxo.
O BNG nunca estivo de acordo con esta obra, entre outros motivos, por non dar solución aos problemas de espazo para acoller nun mesmo edificio todas as dependencias municipais tendo que, por exemplo, estar pagando 3.000 euros mensuais polo aluguer do local no que se atopa a Xerencia de Urbanismo.
Este é un exemplo mais da herdanza e xeito de gobernar que nos deixou Telmo Martín e que tan fielmente recolleu e segue a practicar a actual rexedora Catalina González.
O problema é que as consecuencias das “chapuzas” feitas polos gobernantes do PP páganas sempre os mesmos: os veciños e veciñas de Sanxenxo!.



Fai un comentario!!!

O teu comentario

Pode usar as seguintes etiquetas HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Nota: Estaá habilitada a moderación de comentarios, e a publicacións dos mesmos retrasarase un pouquiño. Non é necesario que reenvíes o teu comentario. Grazas.