Pleno Extraordinario

Eventos Non hai comentarios

30 Outubro 2008
10:30 am

Xoves día 30 de outubro, ás 10:30 horas, Pleno Estraordinario do Concello de Sanxenxo para tratar a modificación dos Impostos e Taxas que se cobrarán no ano 2.009.

Taxa do Lixo

Política local Non hai comentarios

Segundo o estudo de custes realizado polo goberno para a actualización da taxa da recollida do lixo en Sanxenxo, no ano 2.007, último exercicio liquidado, os datos das vivendas e súa recadación foron os seguintes:
- 7.371 vivendas en zona urbana: 719.437,36 €
- 3.785 vivendas en zona rural: 154.520,00 €
Total: 873.957,36 €
No mesmo estudo infórmase que os datos do ano 2.008 son:
- 7.371 vivendas en zona urbana: 735.264,98 €
- 3.785 vivendas en zona rural: 154.730,80 €
Total: 889.995,78 €
As previsións, que figuran no documento, para o ano 2.009 son:
- 7.371 vivendas en zona urbana: 735.274,98 €
- 3.785 vivendas en zona rural: 172.860,95 €
Total: 908.125,93 €
Diferenza co ano 2.008: + 18.130,15 €
Como se pode comprobar por estes datos a diferenza na recadación está unicamente nas vivendas en zona rural, e supón un 11,717% de suba!
Ula demagoxia do BNG?
Pero si as vivendas familiares do rural son castigadas pola taxa do lixo para o ano 2.009, non é só este sector de veciños e veciñas o único discriminado polo goberno do PP.
Podemos constatar, segundo o devandito estudo de custes, que os 264 pequenos comercios do concello de Sanxenxo pagaron pola recollida do lixo este ano 2.008 un recibo de 80,75 euros, pois ben, para o ano 2.009 terán que pagar un recibo de 102,20 o que representa unha suba do 26,5 %.
Pola contra as 6 grandes superficies que hai no concello de máis de 400 m2, que no ano 2.008 pagaron un recibo de 4.091,50 euros por este servizo, pasarán a pagar no ano 2.009: 1.218,70 € os 3 de 401 a 600 m2, 1.584.31 € os 2 de 601 a 800 m2 e 2.059,60 € o que hai de máis de 801 m2. Isto supón unha rebaixa do 64,5% no conxunto dos 6 establecementos!
Esta é a axuda ao pequeño comercio da que fala o PP?
Mentres aos Bancos e Caixas de Aforro conxélaselle o recibo do lixo, os 173 bares existentes no municipio, que pagaron un recibo de 313,09 euros no ano 2.008, terán que pagar 612,95 os de Sanxenxo e Portonovo e 490,36 euros os do resto do concello, o que representa unha suba do 95,77 % e do 56,62% respectivamente.
Queda claro que a política do Partido Popular é a de sempre: axudar ao poderoso e castigar aos máis débiles!

Taxas e Impostos

Política local 3 Comentarios

Hoxe celebrouse no Concello a Comisión de Contas, na que se tratou a modificación das Taxas e Impostos municipais que se cobrarán aos veciños e veciñas de Sanxenxo durante o ano 2.009.
O goberno do PP ven de anunciar que, de todos os impostos e taxas, ningún ía a subir por enriba do I.P.C., algunhas por debaixo e mesmamente que algunha quedaría como estaba.
Non hai peor mentira que as verdades a medias!
Isto ocorre de xeito global na maioría das taxas e impostos tratados mais, ao estudar cada unha polo miúdo, comprobamos que a realidade é ben distinta.
No Imposto de Bens Inmobles dixeron que só subía o 3,5%, pero a proposta da Alcaldía reflectía que o tipo de gravame para a urbana pasaba do 0,45% ao 0,47% o que supoñía unha suba do 4,6% e na rústica pasaba do 0,35% ao 0,37% o que implicaba un incremento do 5,72%. A concelleira de facenda dixo que era polo “redondeo”. Debe ser que, como eles están acostumbrados a cobrar grandes cantidades, cando falamos de decimales non lle dan importancia.
Menos mal que, ao por eu estes datos enriba da mesa, deron marcha atrás e deixaronos no 0,46 e 0,36 respectivamente.
Pero o caso máis escandaloso dáse na taxa pola recollida do lixo na que, mentres as vivendas das zonas urbanas seguirán pagado os mesmos 91,33 euros que no ano 2.008, as das zonas rurais pasarán de pagar un recibo de 45,67 euros en vez dos 40,88 euros que pagaron este ano, o que representa unha suba do 11,72%!
A xustificación que deron na comisión, a señora alcaldesa e a concelleira de facenda, foi que no rural o custo da recollida é maior porque as vivendas estan espalladas!
Os veciños e veciñas das zonas urbanas teñen contedores soterrados ou senón de superficie á porta das súas vivendas, que son limpados de maneira periódica, e valeirados unha ou dúas veces no día, mentres os habitantes dos núcleos rurais teñen que desprazarse centos de metros, cando non a quilómetros, para depositar o lixo nuns contedores que se limpan e valeiran cando lle peta á concesionaria e por isto son “castigados” cun maior incremento no recibo!
Os membros deste goberno, cos soldos que están a cobrar, colleron complexo de “novos ricos” e rexeitan todo o que soe a rural.
Esta actuación confirma o xa dito polo BNG con motivo da modificación do contrato de recollida do lixo á actual concesionaria, que ese incremento ía a ser pagado polos veciños e veciñas de Sanxenxo que viven no rural.
Non é de recibo que os veciños e veciñas de Dorrón, Bordóns, Nantes, Adina, Noalla e Vilalonga teñan que sufrir unha suba de impostos como esta para que os concelleiros e concelleiras do PP poidan seguir engordando as súas contas correntes.

Transformando Galiza

Sen clasificar Non hai comentarios

No día de onte estivo no noso concello a Exposición do BNG “Transformando Galiza”.

O expléndido día que tivemos onte, foi un incentivo máis para que un grande número de veciños e veciñas de Sanxenxo se achegaran ao Parque do Espiñeiro en Portonovo e visitaran a exposición.

 Nenos e maiores puideron comprobar en directo as habilidades do noso veciño o Mago Martín.

A súa maxia encandilou aos presentes, que non perderon detalle da súa actuación.

Durante todo o día os veciños e veciñas de Sanxenxo puideron visitar a exposición e comprobar os logros que o BNG ten conseguido, dende que ten responsabilidades de goberno na Xunta de Galicia, para mellorar o benestar e a calidade de vida dos galegos e galegas.

Diario dun soñador

Política local 6 Comentarios

Teño 30 anos, estou casado e teño dous fillos. Vivo nun piso de Protección Oficial dos novos, ao carón do Carrefour. Escollín este en vez do que me tocaba, tamén de V.P.O., detrás do Templo Novo de Sanxenxo, porque traballo nunha empresa nova do Parque Empresarial de Nantes, das 200 instaladas alí que me ofertaron traballo.

Non pensedes que son un privilexiado por ter unha vivenda de V.P.O. porque agora, desde que están construídas as 318, xa non hai ninguén sen ela.

A miña dona inda non ten traballo pero agarda telo pronto porque está facendo un cursiño no Edificio Futura e cando remate ten “choio” sen problema no viveiro de empresas que hai no propio Parque Empresarial.

A situación da vivenda é moi boa porque está rodeada de supermercados, aparte do Carrefour teño a poucos metros o DIA e o LIDL e así podo facer a compra ao saír do traballo e o fillo máis vello pode ir a adestrar a Cidade Deportiva sen que teña que levalo eu.

Tamén me axudou na elección que a vivenda está case a mesma distancia das garderías de Portonovo e Vilalonga e así puiden elixir a que mellores condicións tiña para o fillo pequeno, inda que as dúas están moi ben equipadas e incluso teñen aulas de espera.

O piso é estupendo, con acabados excelentes, e ten rocho e garaxe, pero o que mais me gustou é que teño internet sen fíos, inda que iso non é só nesa zona senón que está instalado por todo o concello. Leer o resto …

TRANSFORMANDO GALIZA

Sen clasificar Non hai comentarios

A exposición do BNG “TRANSFORMANDO GALIZA”, estará este xoves día 23 no Parque do Espiñeiro de Portonovo en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.

A exposición percorrerá toda Galiza nas vindeiras semanas. Nela poderase ver un resumo das iniciativas levadas a cabo polo BNG dende a Xunta de Galiza. A exposición tamén conta co espectáculo de maxia do Mago Martín.

Transformando Galiza

Eventos Non hai comentarios

23 Outubro 2008
11:00 amto8:00 pm

A exposición do BNG “TRANSFORMANDO GALIZA”, estará este xoves día 23 no Parque do Espiñeiro de Portonovo en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.

A exposición percorrerá toda Galiza nas vindeiras semanas. Nela poderase ver un resumo das iniciativas levadas a cabo polo BNG dende a Xunta de Galiza. A exposición tamén conta con espectáculo de maxia do Mago Martín.

Parque Empresarial

Política local Non hai comentarios

Coa que está a “caer”, o Parque Empresarial debería ser o motor que axudara a salvar a destrución de emprego que temos, sobre todo nos meses de outono/inverno, en Sanxenxo.

Cos 3.000 postos de traballo que ía xerar o polígono industrial este problema estaba resolto.

Este proxecto foi usado continuamente durante todo o mandato pasado como propaganda polo goberno do PP.

Comezou Telmo Martín, cando inda non tiña prevista a súa “fuxida” para a capital, a falar da súa excelencia.

Despois continuou a, por aquel entón, alcaldesa “herdeira” e candidata do PP, Catalina González, que non quixo quedar atrás e seguiu coma mesma teima.

Os da Xunta de Compensación tamén quixeron botar unha “manciña” ao goberno do PP, incluso na xornada de reflexión.

Pero o paso do tempo pon a cada quen no seu sitio.

Agora, onde ía haber 3.000 postos de traballo hai cardos e xestas.

Onde ía haber “tropecentas” multinacionais hai unha soa nave e dunha empresa xa afincada en Sanxenxo.

Onde había que ampliar porque non quedaban parcelas valeiras só hai carteis anunciadores de solares á venda. Iso si… en primeira liña de autovía!

Antena de telefonía en Arra

Política local Non hai comentarios

A instalación de Antenas de Telecomunicación no concello de Sanxenxo está regulada por unha ordenanza que figura no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Esta ordenanza que consta de 38 artigos e unha Disposición Adicional Única, regula claramente a tramitación das licenzas para este uso.
O artigo 5 da ordenanza di:
“As operadoras de radiocomunicación están suxeitas á aprobación dun Plan de Implantación e Desenvolvemento do conxunto de toda a rede que contemple as instalacións fixas xa existentes e as previsións de implantación e desenvolvemento de toda a súa rede dentro do término municipal”.
O artigo 6, polo que se ordena o contido do Plan de Implantación, di no seu apartado 1.c:
“Programa e calendario de execución das novas instalacións”.
O artigo 10, que trata da vixencia do Plan de Implantación di:
“Os Plans de Implantación terán unha vixencia de dous anos. Transcorrido este prazo, os operadores haberán de adaptar o plan ou presentar un novo de cobertura actualizada”.

Para clarexar inda máis se cabe este asunto, cumpre subliñar o que di o artigo 16 da ordenaza:
“Na solicitude e tramitación das licenzas urbanísticas para as instalacións de radiocomunicación en calqueira clase de solo, a mencionada licenza só se poderá outorgar previa aprobación do Plan de Implantación e sempre que este Plan se axuste ás previsións ou ás progresivas actualizacións”.


Con estes antecedentes, desde o BNG supoñemos que a Sra. Alcaldesa sabía perfectamente que se ía instalar unha antena de telefonía no lugar de Arra, porque entendemos que a operadora tiña aprobado o Plan de Implantación e polo tanto presentado o programa e calendario das novas instalacións.
Claro que, sendo o Concello o primeiro en non respectar o que di o PXOM na mesma ordenanza de antenas, xa que a día de hoxe non ten creado o Rexistro Especial no que se deben inscribir todas as instalacións de emisión e recepción dos servizos de telecomunicación existentes, cando tiña que estar creado ao ano da aprobación do PXOM, tal como contempla a Disposición Adicional da ordenanza, podemos pensar que a antena que se pretende instalar en Arra tampouco cumpre coa normativa.
O que ten que facer a Sra. Alcaldesa é dicirlle claramente aos veciños e veciñas de Arra si a instalación desta antena estaba prevista ou non e deixar de enganalos botándolle a culpa aos demais, cando a responsabilidade é única e exclusivamente súa.

Vilalonga e o PXOM

Política local Non hai comentarios

Eu sempre mantiven que a parroquia de Vilalonga foi discriminada polo PXOM aprobado no ano 2003 por Telmo Martín, co visto e prace da Xunta gobernada polo PP.

Dos cinco núcleos urbanos contemplados no Plan Xeral, o de Vilalonga é o único que só permite 3 alturas, menos que nos núcleos de A Granxa ou A Revolta.

Pero o máis grave, se cabe, son as aliñacións que afectan a estrada xeral, tanto da PO-504 de Sanxenxo a Vilalonga como da C-550 dende Vilalonga ata A Revolta. Nos dous tramos o PXOM marca unhas aliñacións de 32 metros, único caso en todas as estradas do término municipal.

A consecuencia desta realidade é que a inmensa maioría das vivendas que están ao carón destas estradas quedaron en situación irregular, o que se chama en términos técnicos: fora de ordenación. Isto supón que esas vivendas só poden facer obras de mantemento.

Como o PXOM de Sanxenxo foi aprobado ao estilo “TELMO”: a correr e sen previsión, a meirande parte dos veciños e veciñas non se enteraron en que situación quedaban as súas propiedades e só se dan conta do problema cando precisan de facer algunha actuación e van solicitar permiso ao Concello ou por razóns externas, como é o caso dos veciños e veciñas afectados polo proxecto de seguridade viaria da PO-504.

Hoxe, no Consello da Xerencia de Urbanismo, denegóuselle a licenza a un establecemento de hostalería de Vilalonga por esa razón.

Pero, en que estarían pensando ou que motivos terían os redactores do Plan cando acordaron esta barbaridade?

E, o mais importante, por que o consentiu o alcalde?

Pretendería facer unha autoestrada (o ancho marcado dálle dabondo!) de Sanxenxo a O Bao?

A realidade é que el marchou a outras andainas “capitalinas” e os veciños e veciñas de Vilalonga quedan co problema ao lombo!

Si en Sanxenxo tiveramos uns gobernantes capacitados e preocupados pola cidadanía iniciarían de inmediato un proceso de Revisión do PXOM!

Por certo, deste xeito tamén poderíamos solucionar dunha vez o tema da Praza “Pública” de Vilalonga!

« Entradas anteriores