Antena de telefonía en Arra

2:29 pm Política local

A instalación de Antenas de Telecomunicación no concello de Sanxenxo está regulada por unha ordenanza que figura no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Esta ordenanza que consta de 38 artigos e unha Disposición Adicional Única, regula claramente a tramitación das licenzas para este uso.
O artigo 5 da ordenanza di:
“As operadoras de radiocomunicación están suxeitas á aprobación dun Plan de Implantación e Desenvolvemento do conxunto de toda a rede que contemple as instalacións fixas xa existentes e as previsións de implantación e desenvolvemento de toda a súa rede dentro do término municipal”.
O artigo 6, polo que se ordena o contido do Plan de Implantación, di no seu apartado 1.c:
“Programa e calendario de execución das novas instalacións”.
O artigo 10, que trata da vixencia do Plan de Implantación di:
“Os Plans de Implantación terán unha vixencia de dous anos. Transcorrido este prazo, os operadores haberán de adaptar o plan ou presentar un novo de cobertura actualizada”.

Para clarexar inda máis se cabe este asunto, cumpre subliñar o que di o artigo 16 da ordenaza:
“Na solicitude e tramitación das licenzas urbanísticas para as instalacións de radiocomunicación en calqueira clase de solo, a mencionada licenza só se poderá outorgar previa aprobación do Plan de Implantación e sempre que este Plan se axuste ás previsións ou ás progresivas actualizacións”.


Con estes antecedentes, desde o BNG supoñemos que a Sra. Alcaldesa sabía perfectamente que se ía instalar unha antena de telefonía no lugar de Arra, porque entendemos que a operadora tiña aprobado o Plan de Implantación e polo tanto presentado o programa e calendario das novas instalacións.
Claro que, sendo o Concello o primeiro en non respectar o que di o PXOM na mesma ordenanza de antenas, xa que a día de hoxe non ten creado o Rexistro Especial no que se deben inscribir todas as instalacións de emisión e recepción dos servizos de telecomunicación existentes, cando tiña que estar creado ao ano da aprobación do PXOM, tal como contempla a Disposición Adicional da ordenanza, podemos pensar que a antena que se pretende instalar en Arra tampouco cumpre coa normativa.
O que ten que facer a Sra. Alcaldesa é dicirlle claramente aos veciños e veciñas de Arra si a instalación desta antena estaba prevista ou non e deixar de enganalos botándolle a culpa aos demais, cando a responsabilidade é única e exclusivamente súa.



Fai un comentario!!!

O teu comentario

Pode usar as seguintes etiquetas HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Nota: Estaá habilitada a moderación de comentarios, e a publicacións dos mesmos retrasarase un pouquiño. Non é necesario que reenvíes o teu comentario. Grazas.