Plan Sectorial de Vivenda
Decembro 3, 2008 1:34 pm Política localAo goberno do PP de Sanxenxo estáselle rematando a pouca credibilidade que podía ter.
Unha alcaldesa que está instalada na mentira cotiá, mas cedo ou mais tarde, cae vítima da súa propia estratexia.
Non se pode enganar permanentemente aos veciños e veciñas só por unha actuación partidista, demagóxica e falta de rigor, como fai a alcaldesa.
O Plan Sectorial de Vivenda Protexida previsto para Sanxenxo é de innegábel necesidade. Poderá gustar ou non a ubicación que se plantexa, mais non se pode por trabas a súa tramitación só porque deixa en evidencia a nula xestión do goberno municipal nesta materia.
A Consellaría de Vivenda e Solo actuou sempre con claridade e transparencia, pondo o Plan en coñecemento de quen correspondía no momento preciso.
Para clarexar algunhas dúbidas hai que ter en conta os seguintes aspectos xerais:
- O Plan foi presentado pola Consellaría á alcaldesa o día 8 de setembro pasado entregándoselle copia do mesmo.
- O Plan foi presentado pola Conselleira de Vivenda e Solo no Parlamento de Galiza o día 21 de outubro pasado.
- O Plan Sectorial está a exposición pública desde o 27 de outubro ata o 27 de decembro.
Calquera cidadán pode ver a totalidade do Plan na páxina da Consellaría de Vivenda e Solo.
As características do Plan Sectorial para Sanxenxo son as seguintes:
- O ámbito delimitado é de 102.744 metros cadrados situados en Padriñán.
- A edificabilidade é do 0,46 m2/m2.
- As vivendas previstas son: 333 de protección e 72 libres a prezo limitado.
- O investimento total previsto pola Consellaría en Sanxenxo é de 15 millóns de euros:
- 4,24 millóns para a urbanización.
- 10,80 millóns para adquisición do solo (a 105,08 euros/m2).
Outro dato de relevante importancia é que a día de hoxe hai 247 veciños e veciñas do concello de Sanxenxo anotados no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda Protexida da Xunta.
Lembremos tamén que desde o goberno municipal sempre se dixo que no rexistro de demandantes de vivenda, creado polo concello, tiñan anotados a máis de 600 solicitantes.
Despois de case 10 anos de goberno do Partido Popular en Sanxenxo non se construíu unha soa vivenda de protección.
Tivo que chegar o BNG ao goberno da Xunta para que se leve a cabo unha actuación tan necesaria e demandada polos veciños e veciñas de Sanxenxo.
Iso é o que non pode soportar a alcaldesa!

