Monte Faro e as mentiras da alcaldesa de Sanxenxo
Decembro 27, 2008 2:14 pm Política localA alcaldesa de Sanxenxo dixo no último pleno celebrado que: “Onde hai documentos, calan barbas”.
Aplicando ese certeiro dito, hoxe temos que “tirar” de documentación para demostrar que está mentindo can di que, “O desenvolvemento de Monte Faro íase facer polo sistema de cooperación, pero os promotores propuxeron ao Concello que se fixese por compensación. Pareceunos ben e a cantidade que aportaron de ¬8.628.488 euros¬ foi por este cambio, por nada máis. O Concello non se comprometeu a eximirlles de nada, nin se lles vendeu edificabilidade, nin é certa ningunha das afirmacións que o BNG ven vertendo reiteradamente desde aquel momento”.
O informe feito pola Xerente de Urbanismo, que serviu de base para o convenio cos promotores de Monte Faro, di:
5.- O apartado 2) dese mesmo artigo 127 indica que a determinación do sistema de actuación debe incluírse obrigatoriamente nos instrumentos de planeamento que conteñan a ordenación detallada do solo (no caso que nos ocupa, o plan parcial correspondente).
Nese mesmo senso pronúnciase o artigo 64.k) desa Lei 9/2002, ao establecer como determinación propia dos plans parciais a delimitación dos polígonos nos que se divida o sector e determinación do sistema de actuación.
O Solo Urbanizable Nº 14, non ten comezado o seu desenvolvemento urbanístico, non tendo establecido en consecuencia o sistema de actuación.
6.- Pola Mercantil “Mirador de Sanxenxo, S.L:”, que acredita representar a propiedade do 70’56% da superficie do sector, polo que conta coa lexitimación esixida nos artigos 74.c) e 155.1) da Lei 9/2002, maniféstase a súa intención de levar a cabo a transformación urbanística do sector de Solo Urbanizable Nº 14 mediante a presentación do correspondente Plan Parcial, coa asignación do sistema de actuación por COMPENSACIÓN.
Para continuar dicindo:
10.- Doutra banda, ponse asemade en cuestión a esixencia de reserva do 20% da edificabilidade residencial para a promoción de vivendas suxeitas a algún réxime de protección pública, toda vez que ao abeiro do establecido no artigo 64.f) da Lei 9/2002, cando a edificabilidade total do sector non supere os 0’20 m2/m2 (no caso que nos ocupa a edificabilidade total do sector é de 0’136) o Plan Parcial poderá suprimir esa reserva.
11.- A eses efectos, cómpre sinalar que pola Xunta de Compensación do S.U. 9, sector no que concorren as mesmas circunstancias de edificabilidade, solicitouse a mesma exención, sen que pola Presidencia desta Xerencia se accedese.
En base a este informe, a Presidencia da Xerencia de Urbanismo ditou unha Resolución que di:
PRIMEIRO.- Prestar conformidade ao desenvolvemento do Solo Urbanizable Nº 14 pola Mercantil “MIRADOR DE SANXENXO, S.L.” mediante o sistema de actuación por Compensación, con suxeición ao cumprimento dos prazos sinalados.
SEGUNDO.- Prestar aprobación á valoración estimada de 4.797.796 € (Catro millóns, setecentos noventa e sete mil, setecentos noventa e seis euros) sobre a exención da obriga de reserva de edificabilidade destinada a vivenda suxeita a algún réxime de protección pública.
Esta Resolución é idéntica á do Solo Urbanizábel Nº 13 pero por 3.830.692 €.
Por se isto é pouco, o Interventor Xeral do Concello, no seu informe da Conta Xeral do ano 2007, di o seguinte:
“…Tamén dúas entregas pola exención da obriga de reservar un 20% do aproveitamento resultante para vivendas suxeitas a algún réxime de protección oficial, por ter unha densidade inferior a 0,2 m2/m2 nos ámbitos dos solos urbanizábeis 13 e 14”.
Ao non estar aprobados definitivamente os Plans Parciais que desenvolven os solos de Monte Faro, hai que cumprir a lei 2/2008 que obriga á construción de vivenda de VPO.
Agora o goberno de Sanxenxo terá que dar explicacións aos promotores dos solos de Monte Faro e xustificar porque lle cobraron os 8,6 millóns de euros. Agardemos que non teñamos que devolverllos.
O BNG nunca minte. Xa está ben de que a alcaldesa trate de enganar aos veciños e veciñas de Sanxenxo. Moito nos tememos que estamos ás portas doutros dous contenciosos!



