Presentación Candidatura BNG

Política xeral 2 Comentarios

Tereixa Táboas, Montse Prado e Roberto Fdez. Lores

Onte a Conselleira de Vivenda e Solo e cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra presentounos, en Vilagarcía, aos compoñentes da lista que representamos á comarca de O Salnés.

A Conselleira aproveitou o acto para informar que a consellaría que ela dirixe invisteu na nosa comarca, nos tres anos e medio de xestión, 9 millóns de euros en rehabilitación de vivendas “en áreas que non foron atendidas polo goberno anterior”.

Tamén anunciou o inminente comenzo da construción de vivendas de promoción pública en Ribadumia, obras que xa están adxudicadas.

Tereixa Táboas

Pola súa banda Montse Prado, candidata nº 7 pola provincia de Pontevedra, fixo un relatorio dos investimentos que as consellarías dirixidas por compañeiros e compañeiras do BNG, fixeron na comarca de O Salnés durante a lexislatura que esta rematando.

Deste xeito salientou, aparte dos 9 millóns da Consellaría de Vivenda e Solo, os 12 millóns no sector do agro, os 14 millóns da Consellaría de Innovación e Industria para o comercio e o turismo ou a posta en marcha de dúas galescolas, un local de ensaio, un centro de día, un centro de atención a persoas con alzheimer e un centro integracional de mozos e persoas maiores.

Aquí podedes ver a lista completa da candidatura do BNG pola provincia de Pontevedra.

Infraestruturas e soldos

Política local Non hai comentarios

Rematado o exercicio de 2.008 no Concello de Sanxenxo podemos tirar dúas conclusións: unha boa e outra mala.

A boa, segundo se mire, é que non aumentou o endebedamento financeiro.

A mala é que, ao non pedir o préstamo de 2.211.719 euros que estaba previsto no orzamento, deixáronse de executar infraestruturas moi importantes para os veciños e veciñas do Concello.

Lembremos para que eran estes 2,2 millóns de euros:

- Cidade Deportiva de Sanxenxo ………… 804.457 euros.
- Centro Socio-Cultural O Revel …….……. 562.512 euros.
- Recuperación Litoral Ría de Arousa …. 444.750 euros.
- Gardería de O Revel …………………………. 400.000 euros.

     TOTAL ………………………………….….. 2.211.719 EUROS.

E por que había que pedir un préstamo para estas obras si xa estaban previstas e figuraban no orzamento do ano 2.007?

Pois porque xurdiron dous imprevistos:

- Enlace da Autovía co Parque Empresarial ..….. 1.500.000 euros.
- Nova Estrada Parque Empresarial a Vilalonga ..… 711.719 euros.

       TOTAL ……………………..…………………………….. 2.211.719 EUROS.

Como a economía non está para pedir moitos préstamos, os gobernantes do PP de Sanxenxo pensaron (?) e decidiron:

Deixamos de facer o Centro Socio-Cultural e a Gardería de O Revel e botámoslle a culpa ao Informe ISA que nos pediu a Xunta no ano 2.007.

Tamén podemos deixar de facer a Cidade Deportiva de Sanxenxo e volvemos a botarlle a culpa á Xunta, polo da ampliación da Vía Rápida ata o Grove.

O da recuperación do Litoral da Ría de Arousa podemos deixalo sen facer, total xa o temos prometido desde hai anos e non pasou nada por non facelo.

A nova estrada do Parque Empresarial ata Vilalonga ten que agardar porque a Deputación ten que poñer outro millón e non lle deben quedar moitos cartos para iso.

O que non podemos deixar de pagar é o millón e medio do enlace co Parque Empresarial que senón cabreamos a algúns!

Tranquilos, deixamos de facer un par de proxectos máis que estaban previstos nos 26 millóns para investimentos e xa está, total ninguén nos vai dicir nada porque todo o mundo sabe que coa crise o Concello tivo menos ingresos.

Pero, inda que o Concello teña menos ingresos, os nosos 362.200 euros anuais estarán seguros, non?

Tranquilos, eses están garantidos.

Pois entón, viva la vida, as infraestruturas previstas xa se farán e cos 3 millóns de ZP xa lle dicimos aos veciños que estamos gañando o soldo!

Inventario Municipal de Bens

Política local Non hai comentarios

No ano 2.001, Telmo Martín, ao mesmo tempo que comezou a tramitación do PXOM tamén contratou a unha empresa (de Madrid, por suposto!) a realización dun estudo para actualizar  o Inventario Municipal de Bens, polo “módico” prezo de 49.200 euros (8.200.000 pesetas daquel entón).

O estudo foi entregado ao Concello no ano 2.002.

É moi bonito! Ten unha chea de Tomos que están agardando, desde aquel entón, no despacho da Secretaría Xeral a que se constitúa a Comisión para analizalo e aprobalo!

Isto provoca que, a día de hoxe, o Concello non teña a completa seguridade de que propiedades son municipais.

Xa quedou demostrado polo BNG no ano 2.005 cando se dubidou si o Concello era propietario ou non dunha parcela dentro do Solo Urbanizábel de Miraflores.

Naquel entón, ante a denuncia do BNG, o Concello constitúe unha comisión para determinar si a parcela era propiedade municipal e o 7 de xaneiro de 2.005 a devandita comisión levanta unha acta confirmando a titularidade do Concello.

O 31 de xaneiro do mesmo ano o goberno municipal recoñece, mediante nota de prensa a titularidade da parcela.

O día 8 de febreiro seguinte, outra comisión corrixe á primeira e confirma que a parcela non é municipal.

Todo este “esperpento” confirma o descontrol que hai no Concello no que atinxe aos bens de titularidade pública.

O actual goberno do PP, lonxe de corrixir este xeito de actuar, segue o mesmo camiño.

No ano 2.005 o Concello mercou as fincas de O Revel. No ano 2.007 mercou parcelas en Dorrón para ampliar o colexio público. Hoxe, 2 e 4 anos despois, levouse á Comisión de Contas a inclusión no Inventario Municipal de Bens destas propiedades.

Sen tempo non é!

Mais, pensades que foi por decisión propia? Pois non!

Isto faise porque no mes de maio de 2.008, hai case un ano, a Consellaría de Educación requírelle ao Concello un certificado da Secretaría Xeral no que se faga constar que as parcelas, para a construción dos novos colexios de Vilalonga e Dorrón, figuran no inventario de bens.

Unha vez mais teño que rematar dicindo: éche o que hai!

Pleno Extraordinario

Política local Non hai comentarios

Onte celebrouse o pleno para aprobar os proxectos que se van facer co Fondo Estatal de Investimento Local.

Foron aprobados claro. Os concelleiros e concelleiras do BNG votamos en contra, non porque non queiramos que se fagan os proxectos, senón polo xeito.

En primeiro lugar porque o BNG xa manifestou no seu día que o decreto do goberno central é un parche para tapar as carencias de financiamento que teñen as corporacións locais.

O goberno de Madrid non quere saber nada de abrir un debate para chegar a acordos que solucionen dunha vez este problema.

Esta foi outra das medidas ao estilo Zapatero: “café para todos”. Lembremos os 2.500 euros por fillo ou os 400 euros das rendas. Tanto da os ingresos que teñan as familias.

Agora fan o mesmo con este fondo. Dividiron os 8.000 millóns de euros entre o número de habitantes dos concellos e ala, o que tocara! Non se teñen en conta para nada outras circunstancias que diferenzan aos concellos galegos. Tanto da un concello de Castela cun só núcleo de poboación que un galego con 100 núcleos espallados!

Con estes cartos, “caídos do ceo”, gobernos municipais como o de Sanxenxo, que nunca teñen en conta a opinión dos grupos da oposición, van vender estas obras como xestión propia e para seguir mercando vontades!

Que importa que estes proxectos non cren novos empregos, o importante é que se beneficie aos veciños afíns e que as “nosas” empresas sigan tendo “choio”!

A alcaldesa dixo que igual que son estes 32 proxectos podían ser outros 30 calquera. Mais son estes o non outros, porque será?

Nin o portavoz do PP nin a alcaldesa foron capaces onte de defender a súa proposta de obras. En vez de facer isto, dedicáronse a descualificar ao BNG (estamos en campaña!), chegando a dicir que eles facían as cousas con transparencia non como o BNG que ten comprados aos medios de comunicación!

Xa facía tempo que non me ría tanto!

Fondo Estatal (III)

Política local Non hai comentarios

Outro dos proxectos que presenta o Concello para gastar os cartos do Fondo Estatal de Investimento é o asfaltado do vial que vai de Dadín ata Gondar, na curva do Reiniño para entendernos.

Plano PXOM

Por parte deste vial transcorre a nova estrada, proxectada no PXOM, que vai do Parque Empresarial ata A Xuncabranca en Vilalonga.

Dadín

A construción deste novo vial foi anunciado pola alcaldesa o día 8 de marzo do ano pasado, dicindo que se faría no ano 2009 mediante un convenio coa Deputación e que tería un custe de 1,7 millóns de euros.

Si agora queren asfaltar parte dese vial, unha de dúas, ou non teñen pensado facer a nova estrada ou  vanse “tirar” 51.617 euros do erario público!

Claro que, como os cartos veñen de Madrid…

Fondo Estatal (II)

Política local Non hai comentarios

Onte dixen que a maioría dos proxectos presentados polo PP, como destino dos fondos estatais, son necesarios.

 Dixen a maioría, e non todos, porque hai algúns investimentos que terán que xustificar moito a súa necesidade.

Comezarei hoxe co denominado: “Pavimentación de vial en Seixal – Parroquia de Padrinán” .

Segundo o plano que acompaña ao proxecto, trátase dun camiño que non leva a ningures.

Seixal - Padriñán

A que veciños pode beneficiar o asfaltado dun camiño que remata en solo non sectorizado?

Plano PXOM

De que van a servir os 33.597,56 euros que se van gastar aí?

Mañá seguirei con máis proxectos!

Fondo Estatal de Investimento Local

Política local Non hai comentarios

O goberno municipal de Sanxenxo vai investir os 3 millóns de euros procedentes do Fondo Estatal de Investimento Local en 32 proxectos que, segundo o concelleiro responsábel, son para “realizar obras que os veciños das parroquias de Sanxenxo califican de imprescindibles”.
Ao Partido Popular fíxolle falta 8 anos de goberno e 2 anos de alcaldesa para que se deran conta das carencias que teñen as parroquias de Sanxenxo!
Nos orzamentos do Concello de Sanxenxo dos anos 2007 e 2008 figuraban para investimentos un importe total de 134 millóns de euros. Desta cantidade non había previsto un só euro para os proxectos que agora cualifican de “imprescindibles”.
Tamén dixo o concelleiro de obras que “Non podemos dirixir recursos a grandes actuacións e deixar de lado pequenos proxectos que, en suma, elevan de xeito considerable a calidade de vida dos veciños do rural e, ademais, son moi demandados por eles”.
Isto foi dito por un concelleiro do actual goberno despois de gastar 7,5 millóns de euros en mercar Punta Vicaño!
Desde o BNG consideramos que a maioría dos proxectos presentados polo PP son necesarios, pero tamén temos que dicir que son obras que non cumpren o obxectivo dos fondos de acometer proxectos con alto impacto na xeración de emprego e promoción industrial, xa que, unha vez rematadas, non deixarán creado un só posto de traballo.
Con estes proxectos, ao contrario do que pretendían as propostas presentadas polo BNG, non se promociona o turismo, non se axuda ao comercio local, non se protexe e conserva o patrimonio, non se dinamiza a industria e, o que é mais grave, non se crea emprego.
Por outro banda consideramos que os proxectos que pretende executar o goberno de Sanxenxo deben ser financiados con fondos propios do Concello ou en colaboración coa Deputación Provincial, xa que esta é unha das súas principais funcións.
A alcaldesa de Sanxenxo tiña que, en vez de asinar convenios coa Deputación para facer un aparcadoiro na rúa Luís Rocafort por 7 millóns de euros, que só beneficiaría a uns poucos, empregar eses cartos en realizar os proxectos que agora presenta e inda lle sobrarían 4 millóns para facer outros 40 proxectos necesarios para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de todo o concello.
O goberno do PP vai usar estes proxectos para facer propaganda electoral e ao mesmo tempo beneficiar ás catro empresas “amigas” que sempre son as adxudicatarias dos contratos menores que o concello fai sen concurso público.

O debate

Política xeral Non hai comentarios

O debate

1º de xaneiro… e que?

Política local Non hai comentarios

Cando cambia o ano todos temos intención de mellorar as cousas que nos foron mal mais, ano tras ano,  sempre pasa o mesmo e todo segue igual.

As cousas non trocan se non trocan as ideas e as ideas non trocan dun día para outro, inda que un día sexa o 31 de decembro e o outro sexa o 1º de xaneiro.

O peor de todo é que ás veces non trocan inda que pasen anos!

Pode que troquen as marcas e, o que no Chile de Victor Jara era “resipol”, hoxe sexa “cemento-cola”; o que era “Prolen” hoxe é “Armani” e o que entón eran ”Peugeot” hoxe sexan “Audi ou Mercedes”.

Mais as ideas seguen a ser a mesmas, tanto da no ano 1.973 nas ladeiras de Santiago de Chile como no 2.009 nas ladeiras de Monte Faro en Sanxenxo, todos queren “casitas” no Barrio Alto!

Iso si, temos que trocar “brige” por golf.