Fondo Estatal de Investimento Local
Xaneiro 12, 2009 5:41 pm Política localO goberno municipal de Sanxenxo vai investir os 3 millóns de euros procedentes do Fondo Estatal de Investimento Local en 32 proxectos que, segundo o concelleiro responsábel, son para “realizar obras que os veciños das parroquias de Sanxenxo califican de imprescindibles”.
Ao Partido Popular fíxolle falta 8 anos de goberno e 2 anos de alcaldesa para que se deran conta das carencias que teñen as parroquias de Sanxenxo!
Nos orzamentos do Concello de Sanxenxo dos anos 2007 e 2008 figuraban para investimentos un importe total de 134 millóns de euros. Desta cantidade non había previsto un só euro para os proxectos que agora cualifican de “imprescindibles”.
Tamén dixo o concelleiro de obras que “Non podemos dirixir recursos a grandes actuacións e deixar de lado pequenos proxectos que, en suma, elevan de xeito considerable a calidade de vida dos veciños do rural e, ademais, son moi demandados por eles”.
Isto foi dito por un concelleiro do actual goberno despois de gastar 7,5 millóns de euros en mercar Punta Vicaño!
Desde o BNG consideramos que a maioría dos proxectos presentados polo PP son necesarios, pero tamén temos que dicir que son obras que non cumpren o obxectivo dos fondos de acometer proxectos con alto impacto na xeración de emprego e promoción industrial, xa que, unha vez rematadas, non deixarán creado un só posto de traballo.
Con estes proxectos, ao contrario do que pretendían as propostas presentadas polo BNG, non se promociona o turismo, non se axuda ao comercio local, non se protexe e conserva o patrimonio, non se dinamiza a industria e, o que é mais grave, non se crea emprego.
Por outro banda consideramos que os proxectos que pretende executar o goberno de Sanxenxo deben ser financiados con fondos propios do Concello ou en colaboración coa Deputación Provincial, xa que esta é unha das súas principais funcións.
A alcaldesa de Sanxenxo tiña que, en vez de asinar convenios coa Deputación para facer un aparcadoiro na rúa Luís Rocafort por 7 millóns de euros, que só beneficiaría a uns poucos, empregar eses cartos en realizar os proxectos que agora presenta e inda lle sobrarían 4 millóns para facer outros 40 proxectos necesarios para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de todo o concello.
O goberno do PP vai usar estes proxectos para facer propaganda electoral e ao mesmo tempo beneficiar ás catro empresas “amigas” que sempre son as adxudicatarias dos contratos menores que o concello fai sen concurso público.



