Inventario Municipal de Bens
Xaneiro 22, 2009 2:55 pm Política localNo ano 2.001, Telmo Martín, ao mesmo tempo que comezou a tramitación do PXOM tamén contratou a unha empresa (de Madrid, por suposto!) a realización dun estudo para actualizar o Inventario Municipal de Bens, polo “módico” prezo de 49.200 euros (8.200.000 pesetas daquel entón).
O estudo foi entregado ao Concello no ano 2.002.
É moi bonito! Ten unha chea de Tomos que están agardando, desde aquel entón, no despacho da Secretaría Xeral a que se constitúa a Comisión para analizalo e aprobalo!
Isto provoca que, a día de hoxe, o Concello non teña a completa seguridade de que propiedades son municipais.
Xa quedou demostrado polo BNG no ano 2.005 cando se dubidou si o Concello era propietario ou non dunha parcela dentro do Solo Urbanizábel de Miraflores.
Naquel entón, ante a denuncia do BNG, o Concello constitúe unha comisión para determinar si a parcela era propiedade municipal e o 7 de xaneiro de 2.005 a devandita comisión levanta unha acta confirmando a titularidade do Concello.
O 31 de xaneiro do mesmo ano o goberno municipal recoñece, mediante nota de prensa a titularidade da parcela.
O día 8 de febreiro seguinte, outra comisión corrixe á primeira e confirma que a parcela non é municipal.
Todo este “esperpento” confirma o descontrol que hai no Concello no que atinxe aos bens de titularidade pública.
O actual goberno do PP, lonxe de corrixir este xeito de actuar, segue o mesmo camiño.
No ano 2.005 o Concello mercou as fincas de O Revel. No ano 2.007 mercou parcelas en Dorrón para ampliar o colexio público. Hoxe, 2 e 4 anos despois, levouse á Comisión de Contas a inclusión no Inventario Municipal de Bens destas propiedades.
Sen tempo non é!
Mais, pensades que foi por decisión propia? Pois non!
Isto faise porque no mes de maio de 2.008, hai case un ano, a Consellaría de Educación requírelle ao Concello un certificado da Secretaría Xeral no que se faga constar que as parcelas, para a construción dos novos colexios de Vilalonga e Dorrón, figuran no inventario de bens.
Unha vez mais teño que rematar dicindo: éche o que hai!



