A vergoña dos plenos de Sanxenxo
Febreiro 7, 2009 6:12 pm Política localO pasado luns día 2, celebrouse o pleno extraordinario para elixir aos membros das mesas electorais nas eleccións ao Parlamento de Galiza do vindeiro 1 de marzo.
Este é un pleno de trámite que sempre hai que celebrar cando se convocan eleccións. Estes plenos nunca tiveron transcendencia mediática, porque nunca prantexaron problemas. Teñen un único punto e non hai debate nin votacións.
O sorteo faise mediante un programa informático.
Tivo que chegar este novo grupo de goberno do PP, ou mellor dito: tivo que chegar esta alcaldesa, para que un asunto de mero trámite tivera repercusión nos medios de comunicación e, como sempre, de xeito negativo.
A polémica xurdiu ao darse unha explicación no pleno de que primeiro se ía facer o sorteo para elixir aos “suplentes” e logo aos “titulares”, expresións que levan a pensar que estamos a falar de persoas e non de sorteos.
Ante o debate suscitado por esta “aclaración”, a alcaldesa solicitou a presenza do funcionario encargado do sorteo para que explicara o motivo de facer primeiro o dos “suplentes” e logo o dos “titulares”, manifestando este que se facía así porque o último sorteo era o que quedaba “grabado” no ordenador.
En ningún momento se dixo que eran dous sorteos iguais nos que se elixían todos os membros das mesas, tanto titulares como suplentes, e que se facía un segundo sorteo “reserva” para que, no caso de haber algunha reclamación ou erro, non se tivera que convocar outro pleno, explicación que deixaría claro o asunto e evitaría a polémica xurdida.
Onte día 6 convocouse un pleno urxente, para volver a facer o sorteo, con dous puntos na orde do día: o primeiro para anular o sorteo do día 2 e o segundo para facer o novo sorteo.
Ao comezo da sesión a alcaldesa informou que ao ir a notificar ás persoas elixidas, no pleno do día 2, detectouse que algunhas xa non estaban censadas no concello e que, ao buscar onde estaba o erro, comprobouse que para facer aquel sorteo utilizárase erroneamente o censo das eleccións xerais do ano pasado.
Na quenda de intervencións eu manifestei que os veciños e veciñas de Sanxenxo non tiñan porque pagar os erros cometidos polo Concello e que polo tanto os concelleiros do grupo municipal do BNG renunciabamos ao cobro da asistencia a este pleno e pedín que así constara na acta.
Á alcaldesa, como sempre, –pau se remas, pau se non remas- semellou non gustarlle o noso posicionamento e dixo que xa vía os titulares da prensa do día seguinte, nos que o BNG anunciaba a renuncia ao cobro das asistencias. Tamén especulou con que os nacionalistas utilizabamos calquera erro dos funcionarios para saír na prensa.
Cal non sería a miña sorpresa, ao repasar a prensa de hoxe, cando, en vez de ver o titular que anunciaba a alcaldesa (cousa que non me extrañou porque non lle dixéramos nada), vexo que é ela a protagonista dos titulares, e “cargando” contra os funcionarios.
“Cosas veredes amigo Sancho!”
O desta muller coido que é cuestión de estudo!



