Mitin do BNG en Sanxenxo

6:24 pm Política xeral

Mitin do BNG en Sanxenxo

Táboas dí que haberá vivenda protexida en Sanxenxo nos núcleos de poboación.

Sanxenxo, 15 Febreiro 09. A candidata número 1 do BNG pola provincia de Pontevedra, Teresa Táboas, asegurou esta mañá en Sanxenxo que este concello “contará con vivenda protexida nos núcleos de poboación e non arredada deles”, nun acto que tivo lugar no Hotel Justo ante 150 persoas, unha afirmación que xa reiterara outro dos intervintes no acto, Roberto Fernández Lores.

Así, Táboas destacou as políticas de Vivenda levadas a cabo polo BNG no goberno galego: “Agora por fin temos políticas públicas de Vivenda”. “Cando aprobamos as normas do hábitat, fixémolo pensando na xente que se estaba metendo en pisos mínimos e hipotecados para toda a vida”, sinalou.

Unhas eleccións para escoller o presidente de Galiza

“Nestas eleccións imos escoller o Parlamento e o novo presidente de Galiza, non o de outro lugar”, asegurou a candidata número 1 do BNG. A nacionalista sinalou a actualidade do Sempre en Galiza, citando unha frase do libro de Castelao: “Agora é cando deberiamos combatir con argumentos incontrovertíbeis a subordinación de Galiza a partidos centralizados en Madrid”.

Na mesma liña argumental, Táboas lembrou que o PP ten 11 deputados en Madrid e 10 o PSOE, “dos que non sabemos nada”. “En cambio, a xente sabe quen son Olaia e Jorquera”, dixo.

“Ao PP gústanlle os filmes de espías”

“Ao PP gústalle a ficción, as películas de espías e as de negocios suxos, o que non fan é non traballar, pero iso é porque non teñen propostas en positivo”, afirmou Táboas, quen dixo que “non montan un circo porque senón médranlle os ananos”.

“Catro anos máis”

“Precisamos catro anos máis para estender as políticas nacionalistas a áreas como infraestruturas, sanidade, educación e medio ambiente”, dixo. Nesa liña, desenvolveu as propostas do BNG: un ente ferroviario galego que xestione as liñas de cercanías ou un Instituto de Crédito Galego. Así mesmo, propuxo a reforma da Lei de Caixas, “para que as caixas galegas apoien os sectores produtivos do noso país, que é para o que foron creadas”, insistiu.

“O BNG si fai propostas, os demais non; propostas feitas desde a necesidade de gobernarnos por nós mesmos”, segundo Táboas. A candidata chamou aos asistentes a apostar polo autogoberno, “porque ten que rematar esa imaxe de ir coa pucha a Madrid a ver canto nos dan”

O mellor programa e o mellor candidato.

“Pídovos o voto para unha forza política que non xestiona o medo como o PP, senón a esperanza. Temos o mellor programa e temos o mellor candidato, Anxo Quintana. Entre todos temos que encher, non os sacos nin as saquetas, senón as urnas, con votos ao BNG este un de Marzo”, concluíu.

Montse Prado

A candidata número 7 do BNG, a cambadesa Montserrat Prado, asegurou que tras o 2005, “por fin houbo un goberno disposto a traballar en favor da maioría e non de pequenos grupos de interese”. “Cando houbo que decidir onde colocar unha galescola ou onde apoiar o medio rural, o BNG actuou pensando na responsabilidade social, e non na responsabilidade electoral”, dixo. Así mesmo, Prado destacou a relevancia de medidas lexislativas como a Lei de Comercio ou a Lei de Turismo.

Roberto Fernández Lores

O candidato número 12 pola provincia e portavoz municipal en Sanxenxo, acusou ao PP de “enlodar o campo de xogo, como fan os malos adestradores de fútbol”. “O BNG demostra cada día que non todos o políticos son iguais”, dixo. Nesa liña, exemplificou a diferencia entre os populares e os nacionalistas coas actuacións en materia de vivenda protexida entre os gobernos municipais populares e o papel da consellaría de Vivenda xestionada polo BNG. E comparou, sobre todo, a actitude dialogante dos nacionalistas, coa negativa dos gobernos do PP a negociar no seu día cos afectados da Ronda.



Fai un comentario!!!

O teu comentario

Pode usar as seguintes etiquetas HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Nota: Estaá habilitada a moderación de comentarios, e a publicacións dos mesmos retrasarase un pouquiño. Non é necesario que reenvíes o teu comentario. Grazas.