Son moi previsíbeis!
Febreiro 22, 2009 12:16 pm Política localDicía eu nunha entrada neste blog, o día 12 de xaneiro, que o goberno do PP ía usar os 3 millóns de euros do Fondo Estatal de Investimento Local como propaganda electoral.
Iso non quere dicir que eu sexa adiviño, nin moito menos, o que pasa é que despois de case 6 anos “lidiando” con eles un xa sabe de antemán como van actuar.
Onte a páxina web do Concello publica a seguinte nova: “O Concello de Sanxenxo destinará máis de 280.000 euros ao acondicionamento de 21 áreas infantís”. (Ben, como xa sabedes, isto está traducido!).
Esta nota é a que mandaron á prensa e que sae publicada hoxe.
Con esta nova, La Voz de Galicia vai máis alá e, lendo o titular, xa lle atribúe o investimento non ao Concello de Sanxenxo senón que son cartos da propia alcaldesa!
Se non fora que este investimento está reflictido na proposta da alcaldía, para usar os cartos do Fondo Estatal, case me convencerían a min tamén.
Agora só nos resta saber a que empresas lle “conceden” as obras.
Saberémolo en poucos días… e tereivos informados.



