31 Marzo, 2009
Política local
15 Comentarios
Esta mañá presentei a miña renuncia como concelleiro de Sanxenxo.
En política, como na vida, cada cousa ten o seu tempo e o meu tempo como concelleiro do BNG en Sanxenxo coido que tiña que rematar xa.
Os que nos presentamos como candidatos, encabezando unha lista, a calquera cargo público, estamos condicionados polo apoio que os votantes queiran darnos e cando se ve que estes apoios son menos, temos a obriga de deixar paso.
Isto é o que pasou coa candidatura do BNG en Sanxenxo nas últimas eleccións municipais.
Eu estou convencido de que é preciso un goberno nacionalista en Sanxenxo e que unha parte importante da súa poboación tamén. Mais tamén sei que os veciños e veciñas do noso concello dixeron, co seu voto, que non querían que eu fose alcalde.
Xuntando eses dous factores, desde o BNG, imos darlle á cidadanía a oportunidade de que poida elixir o goberno que quere sen que eu sexa un inconveniente.
Dentro do BNG, e na súa contorna, hai xente capacitada para poder liderar ese proxecto. Agora temos dous anos para atopar a persoa máis axeitada para iso e estou seguro que o conseguiremos.
A min agora só me queda dicir dúas cousas: desculpas e grazas.
Desculpas, por unha banda, a todos aqueles que, de palabra ou acción, puiden ofender, sen pretendelo, no exercicio do meu cargo e por outra, aos que depositaron a súa confianza na miña persoa e non viron colmadas as súas pretensións.
Grazas, a todas e a todos que sempre me apoiaron incondicionalmente. Aos militantes do BNG, aos simpatizantes e a todos e todas que por algunha razón confiaron en min: grazas, unha e mil veces grazas!
26 Marzo, 2009
Política local
2 Comentarios
O grupo de goberno do PP de Sanxenxo aprobou, na Comisión de Contas celebrada hoxe, as tarifas para o programa “Paifillonai” que se desenvolve nos meses de verán.
Segundo informan, na prensa de hoxe, a suba das tarifas con relación ás do ano pasado van desde o 18,4 ao 20% para os residentes no municipio.
Ademais engaden que “con estas tarifas queren primar ás familias de Sanxenxo”.
Esta actuación ven a confirmar o que o BNG leva anunciando desde hai tempo, que nos momentos de crise, como a actual, os gobernos do PP comezarían as “rebaixas” pola desatención nas áreas do benestar social.
Non é de recibo que, mentres os concelleiros do PP manteñen os seus soldos millonarios, lembremos que a alcaldesa cobra 4.600 euros ao mes, incrementen nun 20% un servizo que é fundamental para que moitas familias de Sanxenxo poidan traballar nos meses de verán.
Como pode unha familia que cobra 800 ou 900 euros ao mes pagar 136 por deixar atendidos aos seus fillos para poder traballar? Non digamos si teñen que pagar por dous!
Así é como comprende o benestar unha alcaldesa que presume de levar persoalmente esa área de goberno. Non pode entenderse que nuns orzamentos multimillonarios como os de Sanxenxo non se favoreza as axudas ás familias que son as verdadeiras necesitadas.
O grupo de goberno do PP de Sanxenxo non quere primar ás familias do municipio, senón que o quere con estas tarifas é tomalos por “primos”!
6 Marzo, 2009
Política local
6 Comentarios
A empresa municipal Ínsula Sanxenxo, S.L. foi constituída no ano 2006 e a día de hoxe, 3 anos despois, o goberno do PP de Sanxenxo inda non foi capaz de facer a inscrición definitiva no Rexistro Mercantil, o que demostra a súa incompetencia mais absoluta.
O día 14 de agosto de 2.007 celebrouse unha Xunta Xeral da devandita empresa na que se modificaron os estatutos, segundo indicaba o Rexistro Mercantil.
O día 22 de xullo de 2.008 volveuse a celebrar unha Xunta Xeral na que se modificaron outra vez os estatutos, seguindo as directrices que esixía o Rexistro Mercantil.
O pasado luns, día 2, recibimos a convocatoria dunha nova Xunta Xeral de Ínsula Sanxenxo, S.L. para celebrar o xoves día 5 na que, entre outros asuntos, vólvense a modificar os estatutos, a requerimento do Rexistro Mercantil, para a súa correcta inscrición.
O BNG votou en contra da ratificación da realización da Xunta polos defectos de forma na súa convocatoria.
A lei 2/1995, de Sociedades de Responsabilidade Limitada, no seu artigo 45.2, di que as convocatorias deberanse facer polos administradores da mesma. Esta convocatoria foi feita e asinada só pola alcaldesa.
O artigo 46.3, da mesma lei, di textualmente: “Entre a convocatoria e a data prevista para a celebración da reunión deberá existir un prazo de, ao menos, 15 días”. Esta convocatoria foi feita e asinada o día 2 para celebrar o día 5.
As convocatorias anteriores foron feitas cumprindo a lei.
Non pode entenderse tanta presa despois de agardar case tres anos para inscribir definitivamente a sociedade!
Dicir que o BNG impediu a celebración da Xunta Xeral porque “non lle ía ben a hora” só pode entenderse desde unhas mentes valeiras como as dos nosos gobernantes do PP.
A soberbia da que fan gala desde que están subidos no seu “becerro de ouro” non lles permite ter o máis mínimo respecto polos concelleiros e concelleiras da oposición, convocando xuntas e plenos en horario laboral, sen importarlle que teñan que ausentarse dos seus postos de traballo, co risco que iso ten para quen traballa na empresa privada.
Cando o grupo de goberno “autoimpúxose” os seus desorbitados soldos, dixeron que ían dedicarlle ao Concello as 24 horas do día. Pasados 2 anos xa todos os veciños e veciñas de Sanxenxo saben que a súa “dedicación” é só á hora de cobrar e por iso moléstalles celebrar as reunións fora do “seu horario de traballo”.
Os membros do grupo de goberno do PP de Sanxenxo pensan que o posto de alta remuneración que gozan na actualidade vailles durar toda a vida.
Si en 3 anos non foron quen de inscribir a sociedade no Rexistro Mercantil, a saber canto tardarán en facer a primeira vivenda.
Mentres tanto dedícanse a “despilfarrar” cartos públicos en soldos inútiles e alugueiros, como están a facer na empresa Ínsula, que conta con 3 empregados e un local, sen ter actividade algunha.
3 Marzo, 2009
Política xeral
2 Comentarios
Facer análise duns resultados electorais non é doado. Non por falta de capacidade analítica senón porque, por moitos factores que se barallen, sempre quedará algún motivo sen ter en conta e que foi determinante, de xeito individualizado, para decidir o voto.
Uns/as votaron porque lle gustaba fisicamente o candidato, outros/as porque unha vez lle deu a man ou un bico e resultoulle moi simpático.
Algúns/as votaron porque os do seu partido deulle traballo a el/ela, ou a algún familiar, no Concello que están gobernando.
Uns/as porque falaba galego e outros/as porque falaba castelán.
Un porque lle deron euro e medio (hai 2 anos foran 4, pero xa se sabe: a crise!).
Ate os/as hai que votaron por ideoloxía!
Podería seguir poñendo exemplos ata os 1.629.555 galegos e galegas que votaron o domingo.
Despois de escoitar as teorías de todos e todas que opinaron sobre o resultado das eleccións que se celebraron o pasado domingo, que alguén me diga si é capaz de afirmar cal foi o motivo, ou motivos, que levou a que se dera este resultado.
Nunha lectura global e moi simple podería dicirse, como fixo algún xornal, que Galiza “dereitizóuse”, que agora é máis do PP. Pero os datos reais non din iso: o PP en todo o País só obtivo 4.029 votos máis que no ano 2005.
Si só na comarca de O Salnés o PP subiu 5.347 votos, quere dicir que noutros lados tivo que baixar.
A nivel local, os resultados de Sanxenxo, cun incremento de 1.000 votos para o PP con respecto ao ano 2.005, levaron a que os dirixentes dese partido, segundo reflicte a prensa de hoxe, crean que se deberon a dous motivos: o traballo realizado pola agrupación local e ao “sectarismo” da Xunta co noso concello.
Se isto fora certo suporía que, por unha banda, o actual grupo de goberno estao a facer mellor que o de Telmo Martín, cousa que non merece comentario, e por outra, que nos concellos gobernados polo BNG e o PSOE sairían beneficiados, teoría incerta se comprobamos os resultados de concellos como O Grove, Vilagarcía, Pontevedra, Poio, Bueu, etc.
En Sanxenxo o PSOE sacou os mesmos votos que no ano 2.005, polo que podemos dicir que os 534 votos que perdeu o BNG foron parar ao PP.
Isto lévanos á conclusión de que os galegos e galegas maduraron democraticamente e votan en función do tipo de elección que sexa.
Eu hoxe só quero darlle os parabéns ao PP pola súa innegable vitoria e o agradecemento aos 1.511 veciños e veciñas de Sanxenxo que depositaron a súa confianza no BNG e dicirlles que seguiremos traballando para non defraudar ese apoio, na confianza de que o facemos para mellorar o benestar dos galegos e galegas.
Só nos queda convencelos de que isto é asi!