Eleccións Galegas: gañou a democracia!
Marzo 3, 2009 2:36 pm Política xeralFacer análise duns resultados electorais non é doado. Non por falta de capacidade analítica senón porque, por moitos factores que se barallen, sempre quedará algún motivo sen ter en conta e que foi determinante, de xeito individualizado, para decidir o voto.
Uns/as votaron porque lle gustaba fisicamente o candidato, outros/as porque unha vez lle deu a man ou un bico e resultoulle moi simpático.
Algúns/as votaron porque os do seu partido deulle traballo a el/ela, ou a algún familiar, no Concello que están gobernando.
Uns/as porque falaba galego e outros/as porque falaba castelán.
Un porque lle deron euro e medio (hai 2 anos foran 4, pero xa se sabe: a crise!).
Ate os/as hai que votaron por ideoloxía!
Podería seguir poñendo exemplos ata os 1.629.555 galegos e galegas que votaron o domingo.
Despois de escoitar as teorías de todos e todas que opinaron sobre o resultado das eleccións que se celebraron o pasado domingo, que alguén me diga si é capaz de afirmar cal foi o motivo, ou motivos, que levou a que se dera este resultado.
Nunha lectura global e moi simple podería dicirse, como fixo algún xornal, que Galiza “dereitizóuse”, que agora é máis do PP. Pero os datos reais non din iso: o PP en todo o País só obtivo 4.029 votos máis que no ano 2005.
Si só na comarca de O Salnés o PP subiu 5.347 votos, quere dicir que noutros lados tivo que baixar.
A nivel local, os resultados de Sanxenxo, cun incremento de 1.000 votos para o PP con respecto ao ano 2.005, levaron a que os dirixentes dese partido, segundo reflicte a prensa de hoxe, crean que se deberon a dous motivos: o traballo realizado pola agrupación local e ao “sectarismo” da Xunta co noso concello.
Se isto fora certo suporía que, por unha banda, o actual grupo de goberno estao a facer mellor que o de Telmo Martín, cousa que non merece comentario, e por outra, que nos concellos gobernados polo BNG e o PSOE sairían beneficiados, teoría incerta se comprobamos os resultados de concellos como O Grove, Vilagarcía, Pontevedra, Poio, Bueu, etc.
En Sanxenxo o PSOE sacou os mesmos votos que no ano 2.005, polo que podemos dicir que os 534 votos que perdeu o BNG foron parar ao PP.
Isto lévanos á conclusión de que os galegos e galegas maduraron democraticamente e votan en función do tipo de elección que sexa.
Eu hoxe só quero darlle os parabéns ao PP pola súa innegable vitoria e o agradecemento aos 1.511 veciños e veciñas de Sanxenxo que depositaron a súa confianza no BNG e dicirlles que seguiremos traballando para non defraudar ese apoio, na confianza de que o facemos para mellorar o benestar dos galegos e galegas.
Só nos queda convencelos de que isto é asi!




Marzo 5th, 2009 at 6:14 pm
“Uns/as votaron porque lle gustaba fisicamente o candidato, outros/as porque unha vez lle deu a man ou un bico e resultoulle moi simpático.”
Ahí ten a clave Sr. lores, entre outros factores, de por qué o BNG perdeu máis de 500 votos en Sanxenxo, xa que seguro que ningúen o podería votar a vostede por un destes motivos e moito menos polos tres.
Agora en serio, o anterior so era unha pincelada de humor ante este paronama tan negro, negro-black, diría eu. Con todo o respeto e sempre dende o cariño na miña humilde opinión entendo que no BNG de Sanxenxo tamén é preciso un cambio, é dicir, creo que chegou a hora do relevo xeneracional e non por idade senón por desgaste político.
Coincidirá vostede conmigo en que non se pode ir río arriba e coido que continuar nun lugar que non vai a permitir avanzar a súa agrupación senón todo o contrario non é unha postura demasiado intelixente. Partindo da base de que vostede é unha persoa espilida, seguramente tomará unha decisión sabia e convinte.
Marzo 11th, 2009 at 8:46 pm
Prezada Micaela:
No BNG, inda que desde fora sone raro, os cargos ponos e quitaos a militancia.
Eu estou a disposición do que os compañeiros e compañeiras de Sanxenxo decidan.