Satisfacción do deber cumprido

Política local Non hai comentarios

Como persoa e como galego sinto unha grande satisfacción por pertencer a unha organización política como é a do Bloque Nacionalista Galego.

Como militante do BNG sinto unha grande satisfacción de estar rodeado de persoas como son os militantes e simpatizantes da nosa agrupación local de Sanxenxo.

Como portavoz do grupo municipal do BNG de Sanxenxo sinto unha grande satisfacción por contar cuns compañeiros e compañeiras como Gloria González Camiña, David Otero Domínguez e Sandra Fernández Agraso.

Como veciño de Sanxenxo sinto unha grande satisfacción porque os problemas do Centro de Día quedaran definitivamente arranxados.

Tamén sinto unha grande satisfacción porque a actuación do grupo municipal do BNG foi en todo momento ética e responsábel, sendo tamén decisiva para que os problemas se solucionaran.

Se nalgún intre creouse “alarma social” con este caso foi única e exclusivamente pola resposta desairada e fora de lugar da alcaldesa do Partido Popular de Sanxenxo.

Sería reiterativo lembrar que o grupo municipal do BNG tratou de que a xestión do Centro de Día fose supervisada en Comisión, cousa á que se negou o grupo de goberno do PP.

Ante esta negativa, o grupo municipal do BNG limitouse a por en coñecemento dos veciños e veciñas de Sanxenxo unha situación que nos trasladaron as propias traballadoras do Centro de Día.

Todas e cada unha das deficiencias que denunciamos o pasado luns foron confirmadas, en maior ou menor medida, pola alcaldesa, tanto na súa primeira comparecencia como na posterior unha vez pasada a inspección.

Ao parecer, a inspección levada a cabo no centro constatou que xa non había ningún problema, que a despensa xa estaba chea, que xa lle pagaran o xoves pasado os tres meses atrasados á empresa que xestiona o centro, que as traballadoras xa cobraran a totalidade do mes de outubro, que os menús cambiáranse… pero pouco e que non teñen terapeuta ocupacional mais xa están buscando outro/a.

De todas estas circunstancias os primeiros en alegrarse somos os compoñentes do grupo municipal do BNG.

Eu sinto unha grande satisfacción persoal do traballo feito polo grupo municipal do BNG neste asunto e nomeadamente polo da compañeira Sandra.

Grazas á actuación do BNG todo volveu á normalidade: a empresa cobrou, os traballadores e traballadoras percibiron a totalidade dos seus merecidos salarios e, o que é máis importante, os usuarios e usuarias do Centro volven a dispor dunha alimentación e servizos axeitados.

Esta é a satisfacción do deber cumprido!

Centro de Día

Política local Non hai comentarios

Que pretendería demostrar a alcaldesa convidando a xantar onte no Centro de Día á prensa, a conta de todos os veciños e veciñas de Sanxenxo?

Quen creou “alarma social”, o BNG pedindo que que convocara a comisión de seguimento no mes de maio ou a alcaldesa non convocandoa e permitindo que pasara o que pasou?

Tivo que o BNG falar do asunto para que o goberno “lle pedira á empresa por escrito que lle aclarara esta situación”.

As declaracións feitas onte pola alcaldesa non fan mais que confirmar a veracidade dos feitos denunciados polo BNG, deixando patente a súa incapacidade de xestión e control ao tratar de botar a culpa da situación á empresa xestora e ás propias traballadoras do centro.

Antes de facer pública a situación de abandono do centro de día, o BNG solicitou da alcaldesa a convocatoria da Comisión de Seguimento da xestión do centro, e como resposta deulle largas, aducindo a baixa da directora pero sen preocuparse en coñecer directamente os feitos denunciados.

A responsabilidade do BNG levounos a non facer público o incendio acontecido no centro este ano, agardando a que a comisión de seguimento do centro aceptara a iniciativa do BNG para elaborar un plan de evacuación, hoxe inexistente grazas a neglixencia da alcaldesa e do goberno do PP.

O BNG está disposto a colaborar, como sempre facemos, co goberno local, pero para iso hai que estar dispostos a escoitar as nosas propostas e ser receptivos as nosas denuncias, sobre todo cando o único que pretenden e o benestar das persoas maiores e a súa seguridade.

Centro de Día

Política local 2 Comentarios

Hoxe demos unha rolda de prensa, as miñas compañeiras Sandra e Yoya e mais eu, para falar do que está a acontecer no Centro de Día de Sanxenxo.

Aqui vos deixo un resumo do que dixemos: Leer o resto …

Contención do gasto

Política local Non hai comentarios

Sempre dixen, desde que son portavoz do BNG en Sanxenxo, que os orzamentos deste Concello están feitos sen rigor e aumentados coa única intención de ser un titular de prensa cando os presentan.

A veces penso cal pode ser a intención do grupo de goberno ao facer isto así, ano tras ano, cando saben que coa liquidación das contas queda ao descuberto a realidade.

Pero cando digo que están “inflados” estou a falar das cifras totais, debido sobre todo ao capítulo de investimentos, porque as miúdas, na maioría dos casos, están axustadas á realidade.

Un exemplo disto é o importe que, no orzamento do 2.008, se destinan a alugueres: 350.000 euros anuais!

Deste importe total, 160.000 euros son para aluguer de instalacións. Mais a política de contención do gasto, da que presume o goberno, non chegou a este capítulo. Acabamos de renovar o contrato de aluguer do local no que está instalada a Xerencia de Urbanismo por 3.105 euros ao mes (máis IVE).

Isto podedes comprobalo na páxina web do Concello, no apartado “Perfil do contratante”, para que non vos digan que é unha mentira do BNG.

Gastáronse 1.233.000 euros na remodelación da Casa do Concello e temos que seguir alugando locais para atender os servizos municipais!

Outro día falarei dos 124.000 euros que pagamos ao ano por aluguer de vehículos.

Radio Galega

Política local 1 Comentario

Esta semana fixéronlle á Sra. Alcaldesa de Sanxenxo unha entrevista na Radio Galega.

A cousa non tería a maior importancia senón fora porque máis que unha entrevista radiofónica a unha alcaldesa, desde un medio de comunicación público, parece o espazo publicitario dun político en campaña.

Desde logo o entrevistador “currouse” o asunto. Buscou veciños “anónimos” para facerlle preguntas á alcaldesa: o presidente do CETS e o presidente de Entretendas! 

Hai que recoñecer que, inda que a “interviu” foi do mais “rosa”, a nosa rexedora ten unha especial habilidade para dar unha imaxe de “bondade” que xa quixeran outros/as.

O problema é que esa imaxe só a poden crer os que non saiban de que vai o conto, ou o que é o mesmo, os que non son de Sanxenxo.

Foi especialmente elocuente cando dixo: “Non entendo estes encrespamentos que hai cando alguén pensa distinto…” “… a capacidade de defender que outra persoa poida ter plantexamentos distintos…”

Lembrádesvos dun anuncio (non sei de que era) de televisión que remataba: “Mentiroooooso!”

Agora ben, o que en realidade me deixou preocupado foi a reacción da locutora da radio cando a alcaldesa falou da súa filla.

Se non tivestes ocasión de escoitala podedes facelo aquí.

Taxa do Lixo

Política local Non hai comentarios

Segundo o estudo de custes realizado polo goberno para a actualización da taxa da recollida do lixo en Sanxenxo, no ano 2.007, último exercicio liquidado, os datos das vivendas e súa recadación foron os seguintes:
- 7.371 vivendas en zona urbana: 719.437,36 €
- 3.785 vivendas en zona rural: 154.520,00 €
Total: 873.957,36 €
No mesmo estudo infórmase que os datos do ano 2.008 son:
- 7.371 vivendas en zona urbana: 735.264,98 €
- 3.785 vivendas en zona rural: 154.730,80 €
Total: 889.995,78 €
As previsións, que figuran no documento, para o ano 2.009 son:
- 7.371 vivendas en zona urbana: 735.274,98 €
- 3.785 vivendas en zona rural: 172.860,95 €
Total: 908.125,93 €
Diferenza co ano 2.008: + 18.130,15 €
Como se pode comprobar por estes datos a diferenza na recadación está unicamente nas vivendas en zona rural, e supón un 11,717% de suba!
Ula demagoxia do BNG?
Pero si as vivendas familiares do rural son castigadas pola taxa do lixo para o ano 2.009, non é só este sector de veciños e veciñas o único discriminado polo goberno do PP.
Podemos constatar, segundo o devandito estudo de custes, que os 264 pequenos comercios do concello de Sanxenxo pagaron pola recollida do lixo este ano 2.008 un recibo de 80,75 euros, pois ben, para o ano 2.009 terán que pagar un recibo de 102,20 o que representa unha suba do 26,5 %.
Pola contra as 6 grandes superficies que hai no concello de máis de 400 m2, que no ano 2.008 pagaron un recibo de 4.091,50 euros por este servizo, pasarán a pagar no ano 2.009: 1.218,70 € os 3 de 401 a 600 m2, 1.584.31 € os 2 de 601 a 800 m2 e 2.059,60 € o que hai de máis de 801 m2. Isto supón unha rebaixa do 64,5% no conxunto dos 6 establecementos!
Esta é a axuda ao pequeño comercio da que fala o PP?
Mentres aos Bancos e Caixas de Aforro conxélaselle o recibo do lixo, os 173 bares existentes no municipio, que pagaron un recibo de 313,09 euros no ano 2.008, terán que pagar 612,95 os de Sanxenxo e Portonovo e 490,36 euros os do resto do concello, o que representa unha suba do 95,77 % e do 56,62% respectivamente.
Queda claro que a política do Partido Popular é a de sempre: axudar ao poderoso e castigar aos máis débiles!

Taxas e Impostos

Política local 3 Comentarios

Hoxe celebrouse no Concello a Comisión de Contas, na que se tratou a modificación das Taxas e Impostos municipais que se cobrarán aos veciños e veciñas de Sanxenxo durante o ano 2.009.
O goberno do PP ven de anunciar que, de todos os impostos e taxas, ningún ía a subir por enriba do I.P.C., algunhas por debaixo e mesmamente que algunha quedaría como estaba.
Non hai peor mentira que as verdades a medias!
Isto ocorre de xeito global na maioría das taxas e impostos tratados mais, ao estudar cada unha polo miúdo, comprobamos que a realidade é ben distinta.
No Imposto de Bens Inmobles dixeron que só subía o 3,5%, pero a proposta da Alcaldía reflectía que o tipo de gravame para a urbana pasaba do 0,45% ao 0,47% o que supoñía unha suba do 4,6% e na rústica pasaba do 0,35% ao 0,37% o que implicaba un incremento do 5,72%. A concelleira de facenda dixo que era polo “redondeo”. Debe ser que, como eles están acostumbrados a cobrar grandes cantidades, cando falamos de decimales non lle dan importancia.
Menos mal que, ao por eu estes datos enriba da mesa, deron marcha atrás e deixaronos no 0,46 e 0,36 respectivamente.
Pero o caso máis escandaloso dáse na taxa pola recollida do lixo na que, mentres as vivendas das zonas urbanas seguirán pagado os mesmos 91,33 euros que no ano 2.008, as das zonas rurais pasarán de pagar un recibo de 45,67 euros en vez dos 40,88 euros que pagaron este ano, o que representa unha suba do 11,72%!
A xustificación que deron na comisión, a señora alcaldesa e a concelleira de facenda, foi que no rural o custo da recollida é maior porque as vivendas estan espalladas!
Os veciños e veciñas das zonas urbanas teñen contedores soterrados ou senón de superficie á porta das súas vivendas, que son limpados de maneira periódica, e valeirados unha ou dúas veces no día, mentres os habitantes dos núcleos rurais teñen que desprazarse centos de metros, cando non a quilómetros, para depositar o lixo nuns contedores que se limpan e valeiran cando lle peta á concesionaria e por isto son “castigados” cun maior incremento no recibo!
Os membros deste goberno, cos soldos que están a cobrar, colleron complexo de “novos ricos” e rexeitan todo o que soe a rural.
Esta actuación confirma o xa dito polo BNG con motivo da modificación do contrato de recollida do lixo á actual concesionaria, que ese incremento ía a ser pagado polos veciños e veciñas de Sanxenxo que viven no rural.
Non é de recibo que os veciños e veciñas de Dorrón, Bordóns, Nantes, Adina, Noalla e Vilalonga teñan que sufrir unha suba de impostos como esta para que os concelleiros e concelleiras do PP poidan seguir engordando as súas contas correntes.

Diario dun soñador

Política local 6 Comentarios

Teño 30 anos, estou casado e teño dous fillos. Vivo nun piso de Protección Oficial dos novos, ao carón do Carrefour. Escollín este en vez do que me tocaba, tamén de V.P.O., detrás do Templo Novo de Sanxenxo, porque traballo nunha empresa nova do Parque Empresarial de Nantes, das 200 instaladas alí que me ofertaron traballo.

Non pensedes que son un privilexiado por ter unha vivenda de V.P.O. porque agora, desde que están construídas as 318, xa non hai ninguén sen ela.

A miña dona inda non ten traballo pero agarda telo pronto porque está facendo un cursiño no Edificio Futura e cando remate ten “choio” sen problema no viveiro de empresas que hai no propio Parque Empresarial.

A situación da vivenda é moi boa porque está rodeada de supermercados, aparte do Carrefour teño a poucos metros o DIA e o LIDL e así podo facer a compra ao saír do traballo e o fillo máis vello pode ir a adestrar a Cidade Deportiva sen que teña que levalo eu.

Tamén me axudou na elección que a vivenda está case a mesma distancia das garderías de Portonovo e Vilalonga e así puiden elixir a que mellores condicións tiña para o fillo pequeno, inda que as dúas están moi ben equipadas e incluso teñen aulas de espera.

O piso é estupendo, con acabados excelentes, e ten rocho e garaxe, pero o que mais me gustou é que teño internet sen fíos, inda que iso non é só nesa zona senón que está instalado por todo o concello. Leer o resto …

Parque Empresarial

Política local Non hai comentarios

Coa que está a “caer”, o Parque Empresarial debería ser o motor que axudara a salvar a destrución de emprego que temos, sobre todo nos meses de outono/inverno, en Sanxenxo.

Cos 3.000 postos de traballo que ía xerar o polígono industrial este problema estaba resolto.

Este proxecto foi usado continuamente durante todo o mandato pasado como propaganda polo goberno do PP.

Comezou Telmo Martín, cando inda non tiña prevista a súa “fuxida” para a capital, a falar da súa excelencia.

Despois continuou a, por aquel entón, alcaldesa “herdeira” e candidata do PP, Catalina González, que non quixo quedar atrás e seguiu coma mesma teima.

Os da Xunta de Compensación tamén quixeron botar unha “manciña” ao goberno do PP, incluso na xornada de reflexión.

Pero o paso do tempo pon a cada quen no seu sitio.

Agora, onde ía haber 3.000 postos de traballo hai cardos e xestas.

Onde ía haber “tropecentas” multinacionais hai unha soa nave e dunha empresa xa afincada en Sanxenxo.

Onde había que ampliar porque non quedaban parcelas valeiras só hai carteis anunciadores de solares á venda. Iso si… en primeira liña de autovía!

Antena de telefonía en Arra

Política local Non hai comentarios

A instalación de Antenas de Telecomunicación no concello de Sanxenxo está regulada por unha ordenanza que figura no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Esta ordenanza que consta de 38 artigos e unha Disposición Adicional Única, regula claramente a tramitación das licenzas para este uso.
O artigo 5 da ordenanza di:
“As operadoras de radiocomunicación están suxeitas á aprobación dun Plan de Implantación e Desenvolvemento do conxunto de toda a rede que contemple as instalacións fixas xa existentes e as previsións de implantación e desenvolvemento de toda a súa rede dentro do término municipal”.
O artigo 6, polo que se ordena o contido do Plan de Implantación, di no seu apartado 1.c:
“Programa e calendario de execución das novas instalacións”.
O artigo 10, que trata da vixencia do Plan de Implantación di:
“Os Plans de Implantación terán unha vixencia de dous anos. Transcorrido este prazo, os operadores haberán de adaptar o plan ou presentar un novo de cobertura actualizada”.

Para clarexar inda máis se cabe este asunto, cumpre subliñar o que di o artigo 16 da ordenaza:
“Na solicitude e tramitación das licenzas urbanísticas para as instalacións de radiocomunicación en calqueira clase de solo, a mencionada licenza só se poderá outorgar previa aprobación do Plan de Implantación e sempre que este Plan se axuste ás previsións ou ás progresivas actualizacións”.


Con estes antecedentes, desde o BNG supoñemos que a Sra. Alcaldesa sabía perfectamente que se ía instalar unha antena de telefonía no lugar de Arra, porque entendemos que a operadora tiña aprobado o Plan de Implantación e polo tanto presentado o programa e calendario das novas instalacións.
Claro que, sendo o Concello o primeiro en non respectar o que di o PXOM na mesma ordenanza de antenas, xa que a día de hoxe non ten creado o Rexistro Especial no que se deben inscribir todas as instalacións de emisión e recepción dos servizos de telecomunicación existentes, cando tiña que estar creado ao ano da aprobación do PXOM, tal como contempla a Disposición Adicional da ordenanza, podemos pensar que a antena que se pretende instalar en Arra tampouco cumpre coa normativa.
O que ten que facer a Sra. Alcaldesa é dicirlle claramente aos veciños e veciñas de Arra si a instalación desta antena estaba prevista ou non e deixar de enganalos botándolle a culpa aos demais, cando a responsabilidade é única e exclusivamente súa.

« Entradas anteriores