11 Novembro, 2008
Política xeral
Non hai comentarios
Mariano Rajoy fixo onte unhas declaracións sobre a crise que resultan, cando menos, ”chamativas” vindo de quen veñen.
O titular dun xornal é o seguinte: “Rajoy reclama seriedade a empresas e bancos fronte ás “malas prácticas” do pasado” e logo di: “O presidente do PP censura os excesos causantes da crise”.
Permítese aconsellar a Zapatero para que siga a política levada a cabo polo goberno Aznar nos anos 96 e 97.
Facendo un pouco de memoria, vexamos que pasou neses anos.
Aznar toma posesión o 5 de maio de 1.996. No Consello de Ministros do 28 de xuño dese mesmo ano (no que estaba Mariano Rajoy) crea o Consello Consultivo de Privatizacións.
Durante os anos 96 e 97, entre outras e por poñer as máis salientábeis, fanse as OPV (Oferta Pública de Venta), falando en prata: privatizacións, das empresas de capital público seguintes :
Gas Natural
Repsol
Endesa
Telefónica
Aldeasa
Aceralia
Por estas privatizacións o goberno obtivo uns ingresos “atípicos” de 2 billóns de pesetas (12 mil millóns de euros).
Pero con estas operacións non só gañou o estado. Os bancos e caixas de aforro, que foron os “colocadores” destas accións, levaron unha comisión de entre un 2 e un 3 por cento, sen contar os ingresos dos préstamos que concederon aos particulares para que acudiran á compra de accións.
Só a “colocación” das accións de Telefónica supuxeron un montante de 660.000 millóns de pesetas. Por esta operación os bancos e caixas levaron unha comisión de 103 millóns de euros.
Agora temos a Zaplana de Delegado para Europa de Telefónica, cobrando un millón de euros ao ano.
Que veña a estas alturas Mariano Rajoy falando de “boas prácticas” do PP … manda truco!
2 Setembro, 2008
Política xeral
1 Comentario
Comecei a ler os artigos que escribe o profesor, xornalista, humanista, politólogo, Xosé Luis Barreiro, despois de escoitar unha conferencia que deu en Pontevedra, hai xa anos, nunhas xornadas sobre xornalismo e política.
Aquel día fixo un comentario que me ficou gravado: “a televisión interactiva principiou en Forcarei” (súa vila de nacemento).
Explicouno dicindo que cando el era neno, botaban na televisión a serie “El Conde de Montecristo” e como marchaba a luz a cotío, o día que isto ocorría, os que ían a feira de Silleda preguntaban polo que pasara no capítulo que non puideron ver e á volta contábanllo aos de Forcarei.
Non vou dicir que sempre estea de acordo co que escribe, pero son moitas as veces comparto as súas opinións e sobre todo gústame porque chama ás cousas polo seu nome.
O seu artigo de onte, é un exemplo disto.
Así como ía lendo estaba pensando que o escribira despois de estudar os orzamentos do Concello de Sanxenxo dos últimos anos.
Transcribo dous parágrafos para que entendades ao que me refiro:
“Pero o que non debería suceder é que, logo de cadrar e aprobado un orzamento formal e con todas as bendicións, todas as Administracións dedíquense a facer mangas e capirotes cos números, ata acabar empeñados ata as orellas, debendo pasta aos seus provedores e explicando os seus fracasos en función do mesmo orzamento que descobre e acusa os seus dislates”.
“O que agora se leva, con todo, é o orzamento ao revés. Primeiro sóñanse os paraísos e as ostentacións e prométese o que haxa que prometer. E despois acúsase ao orzamento de non adaptarse aos nosos soños e de non estar escrito sobre chicle, para podelo mascar, estirar, facer globos e pegalo -xa insípido- nos escanos da oposición. E a culpa de todo, en vez de á política? ¡impútase aos números!”
Decídeme vos se non opinades o mesmo!
25 Agosto, 2008
Política xeral
Non hai comentarios
Na negativa a modificar a lei electoral están dacordo tanto o PSOE coma o PP, inda que estes queiran ir agora de “salvadores” porque non están gobernando. Tempo tiveron dabondo para facelo e non o fixeron.
Na Galiza isto vese agravado polo “voto emigrante”, ante o rexeitamento do goberno a que as eleccións se fagan dun xeito democrático, con voto presencial en urna, evitando que poidan votar os mortos como ocorre agora!
Mais tratando só o censo de residentes, podemos comprobar as diferencias que, dentro do estado, teñen uns territorios con outros.
Así temos provincias que con menos habitantes elixen máis deputados e deputadas para as Cortes Xerais que outras con máis.
Vexamos algúns exemplos:
A Coruña cun censo de 949.000 votantes, elixiu 8 deputados/as.
- Murcia con 951.000 votantes …. 10 deputados/as.
- Cádiz con 939.000 votantes …… 9 deputados/as.
Pontevedra con 770.000 votantes, elixiu 7 deputados/as.
- As Palmas con 745.000 votantes …. 8 deputados/as.
Estes datos nunca son tema de debate por parte dos partidos estatais. Tanto ao PP como ao PSOE non lles interesan. Así deixaron que Galiza pasara de elixir a 25 deputados nas eleccións xerais do ano 2001 aos 23 que se elixiron neste ano 2008.
E que mais lles da, total a única diferenza é que no ano 2001 a procesión dos “caladiños” era de 22 e agora é de 21!
Non lles interesa porque entón podería gañar mais forza en Madrid o BNG. Si con 2 deputados fan preguntas para ter sabedores aos galegos e galegas do que se “coce na capital”, imaxinádevos que tiveran grupo parlamentar!
Estes días deron resposta a unha pregunta do deputado do BNG, Francisco Jorquera, sobre os investimentos que fixeron dende Madrid en seguridade viaria nas nosas estradas e sobre a recadación da Xefatura de Tráfico por infraccións.
A resposta do “Gobierno de España” deixa ben ás claras como tratan ao noso País:
- Recadado no ano 2007 ………….. 32.071.731 Euros.
- Investido no ano 2007 ………….. 3.100.248 Euros.
Cantos deputados e deputadas do PP ou do PSOE deron a coñecer estes datos?
Temos as peores estradas, xa que logo temos mais accidentes, con máis mortos e feridos, polo que entón temos os seguros dos coches mais caros, e o estado inviste en seguridade viaria o 10% do que recada!
Esta é a solidariedade da que falan?
5 Agosto, 2008
Política xeral
1 Comentario
Onte dicía eu que a culpa da crise internacional non era dá alcaldesa de Sanxenxo. Home, para chegar a esa conclusión non fai falta escribir un blog, diredes vos e tendes razón.
Ogallá fora dela, porque entón tería unha solución doada, pero por desgraza non é así e a solución é moi difícil e vai para longo. Xa pode dicir “misa” o ministro Solbes.
Hoxe podíamos ler que o 10% da banca norteamericana declárase en banca rota.
Velaí o comezo do problema!
Eu non teño os coñecementos suficientes nin a capacidade didáctica para explicalo, pero o outro día atopei de casualidade un blog que o fai dun xeito moi sinxelo para que poidamos entendelo todos.
O blog é dun profesor que se chama Leopoldo Abadía e titula o post como: “Crise financeira NINJA”.
Aconséllovos a súa lectura. É un pouco extenso, pero ameno e moi interesante. Paga a pena lelo ata o final.
1 Agosto, 2008
Política xeral
Non hai comentarios
Mentres sigamos a vivir neste sistema capitalista, globalizado, neoliberal e todos os outros adxectivos que lle queirades por, non temos nada que facer para mellorar o benestar dos cidadáns e cidadás de a pe.
Dende o goberno do estado seguen a ”vendernos a burra” de que hai que apertar o cinto porque a crise é moi forte.
As medidas que nos propoñen son as de sempre: conxelar os salarios, pechar a billa da auga, trocar as bombillas tradicionais por outras de baixo consumo (como novidade parece ser que nos van agasallar con unha por familia), etc., etc.
Pola contra permiten que se suprima a tarifa nocturna ou que as eléctricas suban os seus recibos un 7%.
E que pasa coas empresas? Nada!
Que corren malos tempos para o sector inmobiliario… pois a investir no sector da enerxía!
E aos grandes empresarios que arriscan (?) o seu patrimonio? Nada!
Que un negocio non lle vai como quixera … pois a aprobar unhas “stock options” e a vender á mellor poxa!
Para reducir o consumo das familias e non aumentar a inflación, soben os tipos de xuro. Claro que, como xa “semos europeos”, aquí o goberno non ten (din eles) moito que facer porque é cousa do Banco Central Europeo.
Pero entón, si baixa o consumo, os bancos non dan préstamos e perderán negocio e beneficios?
Tranquilos, non vos preocupedes polo sector financeiro que cunha operación, para “axudar” a que as grandes empresas non entren en crise, xa superan aos créditos que puideran pedir mais dun millón de familias, traballadores autónomos ou pequenas empresas.
E todo iso en 24 horas!
A que vos tamén conseguides un préstamo de 6.000 euros en 24 horas?
24 Xullo, 2008
Política xeral
1 Comentario

Mañá 25 de xullo, celebraremos o día do noso país, que en palabras de Castelao é: “a festa maior de Galicia, a festa de todos os galegos”.
Esta celebración iniciouse no ano 1920, cando as Irmandades da Fala organizaron o primeiro Día de Galicia como acto de afirmación da nosa identidade colectiva.
As Irmandades da Fala xa proclamaron aquel ano: “esta data do 25 de Santiago, en todos os lugares do mundo onde latexa un peito galego, é data de lembranza da Patria natural que dende antigo, como agora e sempre, ha ser a única patria verdadeira dos galegos”.
O BNG como herdeiro das Irmandades da Fala e de Castelao, celebra todos os anos o 25 de xullo, o Día da Patria Galega.
Este ano queremos que sexa especial, por iso o BNG levou a cabo unha campaña durante a que celebramos máis de 200 actos públicos por todo o país, como o que fixemos en Sanxenxo o pasado 20 de xuño coa presenza do Portavoz Nacional do BNG e Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana.
Esta campaña rematará coa gran manifestación de mañá 25 de xullo, día en que todos e todas que levamos a Galiza no peito ateigaremos as rúas de Compostela dando unha mostra da forza que o nacionalismo ten, e que os galegos e galegas queren para este País, manifestación á que quedades todos e todas convidados.
Un País dono de seu, que poida por en valor as súas potencialidades e aproveitar os recursos produtivos que o convertan nun PAÍS NOVO, como pedíamos na campaña das eleccións galegas do 2005.
A día de hoxe, xa estamos a vivir nese PAÍS NOVO e esta transformación chegou grazas a que, co apoio dos galegos e galegas, o BNG goberna na Xunta de Galiza.
Un goberno cun Vicepresidente nacionalista que deu mostras dabondo de como se debe gobernar, un Vicepresidente que xa non vai a Madrid a pedir esmola e a ver canto lle tocaba a Galiza no reparto, como se facía antes, senón que vai a Madrid a ESIXIR O QUE POR DEREITO NOS CORRESPONDE!
Hoxe temos un goberno que conta con homes e mulleres nacionalistas que só pensan en Galiza e nos intereses dos galegos e galegas!
Hoxe, na véspera do Día da Patria, quero lembrar as palabras que dixo Castelao no seu discurso “Alba de Groria” en Bos Aires o 25-7-48:
“Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares.”
11 Xuño, 2008
Política xeral
Non hai comentarios
A algúns estráñalle a medida acordada pola UE de ampliar a 65 horas semanais a xornada laboral.
E logo que agardaban con Angela Merkel mandando en Alemania, Nicolas Sarkozy gañando as eleccións en Francia e os italianos votando maioritariamente a Silvio Berlusconi?
O acordo foi tomado sen ningún voto en contra e só coa abstención dalgúns países.
“O goberno español, que inicialmente anunciara en público que mantiña unha posición contraria a esta medida, decidiu finalmente absterse na votación. A delegación encabezada polo ministro de Traballo, Celestino Corbacho, escusouse dicindo que será posíbel máis adiante emendar o texto final”.
O Partido Popular estará encantado!
Esta norma o que vai facer é deixar dentro da legalidade a certos empresarios que xa a estaban a aplicar!
Voltamos ás xornadas de 12 horas de luns a venres e ás 5 do sábado pola mañá.
Non queríamos ser europeos?
Pois ala, todos contentos: xa volvemos a ter sábado inglés!
25 Maio, 2008
Política xeral
Non hai comentarios
Nos círculos financeiros dise que a Galiza as situacións de bonanza ou febleza económicas chegan con un/dous anos de retraso con respecto ao resto do estado.
Un bo exemplo de que isto é así témolo na “crise do ladrillo” que estamos comezando a sufrir aquí agora, cando no levante levan máis de dous anos con ela.
Tamén se sabe que no noso país as crises económicas nunca son tan fortes como no resto do estado, debido principalmente a dous motivos: a baixa industrialización do noso territorio, cunha maior dependencia dos sectores primarios e, sobre todo, ao carácter conservador do noso empresariado e á capacidade/mentalidade de aforro dos galegos e galegas en xeral.
É moi difícil convencer a un galego ou galega para que invista os seus aforros nalgún produto de risco ou que non sexa convencional. Como exemplo disto, sempre me lembro daquel paisano ao que eu intentaba convencer para que investira parte dos seus aforros en Pagarés de Empresa, que tiñan máis rendibilidade e mellor tratamento fiscal, e díxome: “Como dis, pagaré? Mira, pagaré… pagaré ou non pagaré, ti faime unha conta a prazo fixo!”
Esta maneira de pensar podería non ser mala se non fora porque a meirande parte das veces son cantidades pequenas e de persoas que non fan, ou non queren facer, a declaración da renda, non tendo así opción a recuperar o 18% dos xuros que lle retén facenda.
Claro que sempre hai uns poucos privilexiados aos que, coa axuda/complicidade do “Gobierno de España” (coño! diría o outro) e da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), isto non lles acontece.
Esta situación é ben coñecida polos bancos estatais, que utilizan as súas oficinas na Galiza como “piornos” aos que botar man cando chegan tempos de “vacas fracas”.
Hai entidades financeiras de ámbito estatal que o balance conxunto das súas oficinas na Galiza ten uns desequilibrios enormes, en canto ao investimento con respecto ao aforro, chegando a ser dun 35/65% respectivamente. Diferenza que se amplía en oficinas do interior do noso país nas que, nalgún caso, chega a ser do 10/90%.
Isto quere dicir que, de cada 100 euros que os galegos e galegas ingresan nesas entidades, só se invisten 10 euros en Galiza.
Para mudar esta situación, e así mellorar a nosa economía, é preciso que canto antes contemos cun banco público galego ou, cando menos, se faga unha lei de caixas de aforros que lle volva a dar o carácter social co que foron creadas.
19 Maio, 2008
Política xeral
Non hai comentarios
A estas alturas da película, xa todo o mundo sabe quen está detrás da asociación Galicia Bilingüe e o que pretenden.
Xa quixéramos nos que no 50% dos organismos públicos, das entidades financeiras, das escolas, dos centros médicos e, por que non, das igrexas, se dirixiran á cidadanía en galego como predican que defenden os desta asociación.
Os medios de comunicación que máis difusión dan a este colectivo, son os primeiros en non cumprir co que din defender.
Na última viaxe que fixen en coche a Catalunya puiden comprobar a hipocresía destes medios, sobre todo os radiofónicos.
Nada mais entrar no país catalán todas as emisoras, e cando digo todas quero dicir as catalanas e tamén as españolas, emitían en catalán.
Despois de varias horas de radio, decateime do que pasaba. As emisoras españolas, incluída a dos bispos, usaban o castelán cando a programación era estatal e o catalán en canto remataban estes programas.
Igualiño que na Galiza, non si?
Pois mal que lles pese, somos milleiros e milleiros de galegos e galegas os que defendemos que: NA GALIZA EN GALEGO! como fixemos onte en Compostela, por moito que digan eses de Galicia Bilingüe.
14 Maio, 2008
Política xeral
Non hai comentarios
É típico nos cargos do PP utilizar a fuxida cara adiante cando se meten, por culpa da súa torpeza política, en “camisas de once varas”.
No Salnés, por desgraza, temos exemplos dabondo.
O secretario xeral do PP, Alfonso Rueda, debeu coller esas mañas no seu paso polo Concello de Cambados.
Cando veu que os alcaldes do seu partido se deran conta de que o “sentidiño” é a mellor receita para gobernar, pensou que o mais doado era seguir botándolle a culpa a Vicepresidencia.
Segundo el, como o Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, non ten outra cousa que facer, agora dedícase a coller o teléfono e chamar aos alcaldes do PP!
Sr. Rueda: os nacionalistas na Xunta, comezando polo Vicepresidente e acabando polo último delegado, dedícanse a gobernar e a mellorar o benestar deste País, encomenda nada doada despois da situación no que o deixaron vostedes tras 16 anos de “desgoberno”!
As prácticas caciquís que vostedes utilizaban están esquecidas e mesmamente os seus alcaldes se dan conta de que isto é así!
A cidadanía tamén está comprobando que cos nacionalistas gobernando na Xunta de Galiza este País está mudando para mellor.
Imos ter PP na oposición por moito tempo, polo que… acougue Sr. Rueda!
« Entradas anteriores