Transformando Galiza

Sen clasificar Non hai comentarios

No día de onte estivo no noso concello a Exposición do BNG “Transformando Galiza”.

O expléndido día que tivemos onte, foi un incentivo máis para que un grande número de veciños e veciñas de Sanxenxo se achegaran ao Parque do Espiñeiro en Portonovo e visitaran a exposición.

 Nenos e maiores puideron comprobar en directo as habilidades do noso veciño o Mago Martín.

A súa maxia encandilou aos presentes, que non perderon detalle da súa actuación.

Durante todo o día os veciños e veciñas de Sanxenxo puideron visitar a exposición e comprobar os logros que o BNG ten conseguido, dende que ten responsabilidades de goberno na Xunta de Galicia, para mellorar o benestar e a calidade de vida dos galegos e galegas.

TRANSFORMANDO GALIZA

Sen clasificar Non hai comentarios

A exposición do BNG “TRANSFORMANDO GALIZA”, estará este xoves día 23 no Parque do Espiñeiro de Portonovo en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.

A exposición percorrerá toda Galiza nas vindeiras semanas. Nela poderase ver un resumo das iniciativas levadas a cabo polo BNG dende a Xunta de Galiza. A exposición tamén conta co espectáculo de maxia do Mago Martín.

ACTO PÚBLICO DO BNG EN SANXENXO

Sen clasificar Non hai comentarios

ACTO PÚBLICO DO BNG EN SANXENXO

MAÑÁ VENRES, DÍA 20 DE XUÑO

ÁS 20:30 HORAS

NA SALA DE EXPOSICIÓNS DE NAUTA SANXENXO, NO PORTO DEPORTIVO

Intervirán:

ANXO QUINTANA. Portavoz Nacional do BNG e Vicepresidente da Xunta.

MONTSERRAT PRADO. Delegada Provincial da Consellería de Innovación e Industria.

ROBERTO FERNANDEZ LORES. Portavoz Municipal do BNG.

Estades todas e todos convidados!

Sempre gañan os mesmos

Sen clasificar Non hai comentarios

Haxa crise ou non haxa crise, os que sempre gañan son os mesmos: a banca!

Tanto da que o goberno sexa de esquerdas, centro ou dereita, que os que levan as rendas da economía sexan do PP ou do PSOE, o poder da banca é intocábel.

Cando Miguel de Cervantes, alá polo ano 1.605, escribiu o Quixote inda non existía o sistema bancario actual que se non a tan “manida” frase tería outra óptica: “con la banca hemos topado, amigo Sancho!”

Mais non lles chega con ser sempre os gañadores, se non que atrévense a dar consellos de como teñen que levar a súa economía os cidadáns e cidadás para sobrevivir en tempos de crise.

Sendo eles os únicos culpábeis da situación actual, queren que as consecuencias as sufran só os demais!

Lembremos que todo comezou alá por mediados do ano 2007, coa crise da banca en EE.UU., como consecuencia das chamadas hipotecas “subprime”.

Aquí chegou pola “globalización”, pola política de fomentar o consumo mediante un endebedamento desmesurado (a quen non lle chegou publicidade da súa entidade financeira, informándolle da concesión dun préstamo só coa súa sinatura?) e pola concentración do investimento no sector do “ladrillo”.

En todos os casos coa intervención/mediación das empresas financeiras.

E agora din que somos nos quen temos que apertar o cinto!

Ata cando imos aguantar con estas inxustizas?

Vivenzas

Sen clasificar 3 Comentarios

Hoxe “caíron” os 51!

Cando era neno e me dicían que alguén tiña 51 anos, pensaba para min: que vello é que pouco lle queda!

Agora vexo ben distinto, que vou dicir eu!

Non me vou por nostálxico, mais de vez en cando si me gusta repasar as miñas vivenzas.

Lémbrome dos anos 61 a 66 na escola do pósito nos Caseiros en Noalla (hoxe restaurante) en pantalón curto, a leite en po dos recreos (Benvido Mister Marshall!) e os xogos na estrada de O Grove sen que pasaran apenas coches.

Que gran novidade no ano 67 cando se inaugurou o colexio público de Vilalonga!

Logo, no ano 68, a primeira viaxe a Pontevedra (que lonxe estaba!) para facer o bacharelato no recen inaugurado Instituto Sanchez Cantón.

7 anos de viaxes diarios no “coche de línea La Unión” cos seus revisores e as súas frases para indicarlle ao chofer onde debía parar: paaara por aí , ou anunciando a parada de “Rabo de porco” , que tanta gracia nos facía.

Por certo, a estrada de Pontevedra a Sanxenxo, hoxe a PO-308, sempre estaba en obras… como agora!

Quen lle ía dicir a meu irmá por aquel entón que 30 anos máis tarde sería o Alcalde da capital!

No ano 74 traslado a Compostela. A Universidade, que privilexio! Non pola Universidade, senón por ter uns pais que loitaron como ninguén para que os seu fillos foran “estudiados”.

Época de carreiras diante dos grises, asembleas na Aula Magna da Facultade de Medicina, concertos de Bibiano e Benedito e sobre todo… a morte de Franco. No “tocata” de Trinidad, 10-2º soou toda a noite a Sinfonía do novo mundo!

Eu non me sinto vello, mais vedes como o son: xa comezo a contar batalliñas!

 

 

O galego a cotío!

Sen clasificar Non hai comentarios

Na mañá de hoxe milleiros de galegos e galegas defendemos en Compostela o noso dereito a vivirmos en galego.

Foi un día cheo de ledicia ao comprobar que somos moitos os que defendemos o dereito de poder usar o galego a cotío en todos os ámbitos da sociedade.

 

O galego é o noso sinal de identidade e con iso non se xoga!

Día das Letras Galegas

Sen clasificar Non hai comentarios

Declaración institucional do BNG

Pódese dicir máis alto, mais non máis claro!

Acto Público en Cambados

Sen clasificar Non hai comentarios

Acto Público

Hai días bos

Sen clasificar Non hai comentarios

Onte non puiden escribir porque o portátil “cascou”. Non me estraña, o probe xa non da para máis!

Hoxe tiña dúbidas sobre o que escribir.

A primeira intención era comentar as queixas dos alcaldes e alcaldesas da comarca do Salnés polo retraso nas obras da Autovía, mais díxenme: lembra o que dicía túa sogra “do que todo o mundo ve, ti non fales”.

Tamén me axudou a desbotar ese comentario que xa noutros foros a cousa era vista como corresponde (vaia cara teñen algúns mandatarios!).

Hoxe vivín unha circunstancia persoal desas que che fan pensar que paga a pena facer o que fas e como o fas, que a meirande parte da cidadanía agradece o traballo que fan/facemos algúns e que os ruíns e mal pensados son unha insignificante minoría que non paga a pena telos en conta.

Rematou de convencerme a nova que publica hoxe un xornal.

O dito: hai días bos!

Iniciativa e imaxinación

Sen clasificar Non hai comentarios

O que sempre máis admirei nas persoas, deixando a parte o clásico de honradez, fidelidade, capacidade de traballo, etc., é a iniciativa e a imaxinación.

Por iso téñolle un tremendo respecto aos compositores de calquera tipo, aos escritores, aos guionistas, e a todos/as que poñan a súa iniciativa e imaxinación en prol dos demais.

Quen non fixo algunha vez o seguinte comentario: “como non se me ocorrería a min?” ou o contrario: “isto a min nunca se me ocorrería”, cando ve algo novidoso, xa sexa no seu traballo, lendo unha novela ou ollando un anuncio publicitario?

Pola contra, téñolle verdadeiro arrepío aos que só se dedican a comentar as cousas que din/fan os demais.

Danme noxo os “tertulianos”, tanto os radiofónicos coma os televisivos,  non tanto os que debaten sobre unha materia da que son coñecedores senón os que opinan e “apostolizan” sobre calquera cousa que se mova.

Teño dúbidas sobre os/as columnistas.

Neste gremio hai de todo: os que o fan como “tertulianos” e os que teñen mais madeira de escritores.

Aos primeiros definiunos dun xeito xenial o meu amigo Manuel Jabois: “aficionado a opinar de todo para non comprometerse con nada: un impostor, un falsario”.

Tamén hai outros que teñen un poder de observación que a min fanme pensar unha variante do que dixen mais arriba: “como non o diría eu antes?”.

Botádelle unha ollada a este artigo de José Luis Sucasas e despois facede unha viaxe mental polo rural de Sanxenxo.

« Entradas anteriores