Sobre min
Eu nacín en Vilalonga un 23 de maio de 1957, así que nas vésperas das eleccións cumprirei 50 anos. Son o fillo pequeno de Pepe do Carballal e Fina a Xestriña; a meu irmán Miguel Anxo, seguro que xa o coñecedes: é o actual alcalde de Pontevedra.
Cando tiña oito anos fun sacristán, aquilo durou tres anos, e era o que nos tocaba por entón a todos os cativos que viviamos nas proximidades da igrexa. Xa naquela época iniciei a miña andaia cantareira, acompañando ao cura durante os oficios.
Fixen Bacharelato no Instituto Sánchez Cantón, que os da miña idade inauguramos no ano 68. Aí continuei a miña educación musical formando parte do coro do instituto.
En 1974 marchei a Santiago estudar Biolóxicas, e entrei a formar parte do Orfeón Terra Nosa, seguindo o contacto cos curas, xa que o director e fundador do Orfeón foi o franciscano Manuel Feijóo. Durante esa época compartín canto co actual reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, co cal me une unha excelente amizade.
Por aquel entón, nas vacacións do verán adicábame a realizar traballos en diferentes sectores. Fun camareiro no Gran Hotel da Toxa, empregado da fábrica de cerámica Guisasola, e rexentei unha sala de baile en Vilalonga.
Tres anos despois deixei Santiago para ir facer o servizo militar a Melilla, onde coñecín a que sería a miña dona, Rocío. Con ela teño dous fillos Diego, que se adica aos seus negocios e Álvaro, que estuda chinés na Universidade Autónoma de Barcelona.
Ao meu regreso a Galiza, xa casado, estiven vivindo tres anos en Vilanova. Polo ano 80 compaxinaba o meu traballo como administrativo nunha empresa coa a miña actividade como vocalista na orquestra “Concorde”, coa que percorrín Galiza, Asturias e parte de Zamora. Pero deixei o meu emprego como músico cando escomencei a traballar na oficina dun banco, donde fun director durante 24 anos, aínda que en diferentes oficinas. Actualmente traballo como comercial para a mesma entidade.
Non embargante, nunca abandonei a miña afición, e tempo despois gravei un disco coa agrupación santiaguesa “Cantigas e agarimos”.
Desde mediados dos anos 90 son militante do BNG. O salto á política “activa” chegou hai catro anos, cando a dirección local do BNG me ofreceu a posibilidade de encabezar a lista de Sanxenxo. Dende entón temos traballado arreo percorrendo cada recuncho do concello e preocupándonos por cada veciño. Despois destes catro anos de intenso traballo, volvo a presentarme encabezando unha lista renovada e máis chea de ilusións se cabe, para que os veciños e veciñas de Sanxenxo fagan a súa valoración.
As miñas aficións.
Como supoño que se deduce da miña biografía son un apaixoado da música. Cando era novo o meu grupo favorito era Led Zeppelin, eu tamén era un “melenudo” coma eles. A día de hoxe gústame todo tipo de música, sen exclusións.
Practico tenis, aínda que cada vez máis esporadicamente, polas miñas ocupacións. E como non pode ser doutro xeito, tendo sido presidente do Vilalonga F.C., son un apaixoado do fútbol, pero dende a bancada, pois debo confesar que nunca o practiquei, agás no patio do colexio.
A miña dona transmitiume a súa afición ao cinema, sendo o meu filme favorito “Alguén voou sobre o niño do cuco”, de cuxo protagonista, Jack Nicholson, son un fervente seguidor.
No tocante ao eido da literatura os meus gustos están abertos a calquera tipo de leitura. Mais a miña actividade política non me deixa tanto tempo para esta afición como me gustaría adicarlle. Agora mesmo estou ás voltas coas obras completas de Manuel María, do que son un auténtico entusiasta.
