así son
Nacín o 2 de abril do ano 1969 na cidade de Hildesheim situada no land da Baixa Saxonia en Alemaña, como tantas mulleres e homes da Galiza, son unha filla da emigración. Son a quinta dunha familia de 8 irmáns.
Practicamente toda a miña vida ten transcurrido en Cerceda, lugar onde estudei a EXB ademáis do primeiro grao de FP na rama Administrativa; despois remataría os meus estudos de FP na cidade da Coruña así como a diplomatura universitaria en Graduado Social.
Resido en Cerceda, lugar onde tamén traballo (non sabedes a fortuna que é poder vir camiñando até a oficina!). Son unha traballadora autónoma, e como tal, sei das dificuldades e das necesidades que temos as persoas que decidimos exercer as nosas actividades por conta propria. No mesmo centro da parroquia de Cerceda son titular dunha asesoría na que tratamos de facilitarlles as xestións cos organismos oficiais a pequenas empresas, autónom@s ou particulares.
Defínome como unha muller nacionalista, feminista e ecoloxista, e todas e cada unha destas cualidades exérzoas con naturalidade tanto dentro como fóra da nosa organización. Milito formalmente no BNG dende o ano 1998, aínda que a miña vinculación co nacionalismo xa ven do ano 1988. Formei parte do Consello Comarcal da Coruña durante os últimos 4 anos e da Executiva Comarcal nos últimos 2, sendo a responsábel comarcal da Comisión da Muller. Na actualidade son a única concelleira do BNG no concello de Cerceda, cargo no que levo dende o 2003, ano no que conseguimos voltar á corporación municipal despois dun paréntese de 4 anos.
Participo noutras asociacións, e nalgunhas teño desempeñado algún cargo de responsabilidade. Así fun a Tesoureira de ADEGA durante 2 anos e da Asociación de Mulleres de Cerceda durante outros 3



