A evolución da frota bacalloeira galega representa un dos exemplos máis claros do desmantelamento do sector pesqueiro galego. Só nos últimos vintecinco anos, como consecuencia de decisións políticas das que a nosa nación Galiza- está ausente, e que son completamente alleas á profisionalidade dos mariñeiros e á competitividade de buques e empresas, Galiza perdeu o 90% dos buques dedicados a esta pescaría e milleiros de postos de traballo.
A día de hoxe, as escasas unidades que fican operativas só poden faenar nas imediacións do arquipélago das Svalbard (zonas CIEM I e IIb), cunhas ridículas cotas de captura, que só permiten campañas pesqueiras durante unha media de tres meses ao ano. O resto (9 meses), os buques fican amarrados a porto, e os tripulantes na procura doutras alternativas laborais. A frota galega ten asumido unha cota de captura de bacallau para o presente ano 2007 de 9.294 tns, aproximadamente o 15% das capturas totais desta especie. Velaí a lamentábel realidade da nosa frota bacalloeira, que contrasta con esa outra visión fiticia evidentemente interesada- que nos ten cualificado aos galegos, de xeito tan inxusto como irreal, de esquilmadores do mar.
Contra o que se poida pensar, o problema de fundo non se deriva do mal estado dos recursos, senón da distribución dos mesmos entre as diversas frotas. Galiza non conta con voz nin voto nese proceso de asignación de cotas, e o Estado español, historicamente, ten abdicado da defensa do sector pesqueiro galego neses caladoiros. En definitiva, o problema é eminentemente político, non de falta de recursos.
Claramente, o peculiar criterio de reparto de cotas de captura de bacallau que se ten utilizado, tamén por parte da Unión Europea, resulta abertamente discriminatorio con Galiza, pois relega á nosa frota a unha posición marxinal, excluíndoa na prática como frota comunitaria.
Basten algúns exemplos para ilustrar esta realidade marxinadora. En augas de Gronelandia (territorio, por certo, baixo soberanía danesa estado membro da UE- mais que conta cun acordo pesqueiro coa propia UE), só poden faenar buques daneses, franceses, alemáns e británicos; nas illas Feroe (tamén dependentes de Dinamarca), buques de Alemaña, Franza, Reino Unido e Dinamarca; en Kattegat buques con bandeira de Dinamarca, Alemaña e Suecia; na zona IIIa do Mar do Norte (augas comunitarias nas que non deixan pescar aos buques galegos), poden faenar buques de Bélxica, Alemaña, Dinamarca, Franza, Holanda, Suecia, Reino Unido e Noruega (estado que non forma parte da UE!!); na zona III bcd, tamén en augas da UE, poden faenar buques de Dinamarca, Alemaña, Finlandia, Suecia, Letonia e Polonia; na zona de Skagerrak buques de Bélxica, Dinamarca, Alemaña, Holanda e Suecia. En todos estes caladoiros Galiza ten expresamente prohibida a pesca de bacallau.
Porén, e completamente á marxe da realidade descrita, en moitas ocasións tense construido, como cobertura ideolóxica de decisións políticas contrarias aos noso intereses, unha idea que ten calado en parte da sociedade galega: Que a pesca é unha actividade que ten que ir morrendo, que non ten futuro, e que ademais a frota pesqueira galega é especialmente esquilmadora. En definitiva, o caldo de cultivo ideal, no plano ideolóxico, para xustificar a desaparición do sector pesqueiro galego. Sexamos conscientes desta realidade e dos poderosos intereses económicos e comerciais, foráneos, que impulsan esta corrente de pensamento.