Posted: July 3, 2007, 1:00am CEST
Hoxe escoitei a Núñez Feijoo pontificar sobre o novo Decreto do galego no ensino, e animoume a titular este artigo Os inimigos do galego. Sería xusto e rigoroso rótulo ás insidias vertidas sobre o noso idioma cando de conquistar lexítimos espazos de uso no ensino se trata. Mais finalmente, optei por destacar o que nos define, como nacionalistas, na conquista de liberdades e dereitos democráticos colectivos. Un deles, e non o menor, o dereito de todos os pobos a posuiren plenamente normalizada a lingua de seu.
A polémica xerada en torno á aprobación desta nova norma legal (reitero: medio e non fin para o BNG, conquista táctica), e o rexeitamento á mesma desde o PP e outros sectores do españolismo de extrema dereita afortunadamente minoritarios na nosa sociedade (mais magnificados por determinados medios de comunicación galegos), está a situar no primeiro plano o debate lingüístico. Iso si, en termos ben desafortunados.
O PP non ten absolutamente ningunha base argumental, obxectiva, que fundamente a ruptura do consenso previamente existente en torno ao texto do Decreto, finalmente aprobado no Consello da Xunta do 28 de Xuño e publicado no Diario Oficial de Galiza o día seguinte. Son exclusivamente razóns de orde ideolóxica e ideolóxico-política as que poden xustificar a nova posición do Partido Popular.
Nin máis nin menos. Con este paso, a sucursal galega do PP, através do seu Presidente Rexional (sic), e co concurso da súa Xunta Directiva Rexional (sic), alíñase definitivamente cos sectores máis ultrarreaccionarios e antigalegos que, dende Madrid, bombardean diariamente as súas proclamas xenófobas con altofalantes mediáticos. O pior non é que sucumba Núñez Feijoo diante deste panorama, ou por razón de presión ambiental (efecto Bernabeu, como o denominan eles). Non. O grave é estou convencido- que el mesmo asume plenamente estes principios. Son directrices da Conferencia Episcopal Española, da COPE, de Aznar e subordinados (Rajoy, Zaplana e compañía) que el presidentiño rexional- aceita e nas que se recoñece con naturalidade. Porque é como eles.
A decapitación da xa cativa e morna autonomía da sección galega do PP é toda unha realidade. É posíbel, contodo, que non teña repercusións internas de relevancia, aínda que é certo, do ponto de vista lingüístico, que había dous PPs: Un, de españolismo exacerbado, que usa o galego só de xeito litúrxico e aparencial. O outro, de extracción social máis popular, que o viña utilizando con máis naturalidade, aínda que sen consecuencias normalizadoras práticas. A anulación do segundo é xa un feito. E a desautorización política do propio Grupo Parlamentar en relación con este asunto tamén.
Mais observemos, á marxe da dialéctica política interna dese segmento do españolismo denominado PP (do outro xa faleremos), o intento burdo de construir unha realidade barbaramente falseada en relación co suposto intento de impoñer a nosa lingua na nosa propia nación. Expuña Núñez Feijoo os seguintes argumentos:
Levábamos vintecinco anos facendo política lingüística por consenso en Galicia(sic). Matizacións necesarias: A Lei de Normalización Lingüística (1983) co BNG fóra do Parlamento, o Decreto 247/95 que regulaba o galego no ensino (1995) aprobado unilateralmente e sen consulta polo goberno Fraga. O único consenso coñecido viña sendo até o momento o existente entre PP e PSOE nesta materia, cos resultados xa coñecidos. No caso do novo Decreto, gozou do apoio dos tres grupos parlamentares, organizacións estudantís, sindicatos do ensino, confederacións de nais e pais do alunado, A Mesa, etc. Non coñezo un antecedente de norma legal en forma de Decreto- con tan elevado nivel de acordo previo á súa publicación.
Hasta o momento o galego non era un problema en Galicia. Practicábase o bilingüismo harmónico que deu os seus froitos(sic). Froitos consistentes, efectivamente, en acelerada perda de falantes en galego, ou na consideración do sistema educativo como instrumento españolizador, tal e como indican os dados feitos públicos recentemente polo Consello Escolar de Galiza.
Non conta co apoio do Consello Consultivo. Ditame que non é vinculante, e órgano que non é neutro, nin imparcial nin obxectivo. Composición designada no seu día directamente por Manuel Fraga, inclúe algún declarado inimigo da nosa lingua e cultura.
Polos dereitos, pola libertad, e pola educación de calidade(sic). Aí chegamos. O galego, como é coñecido, é idioma intrinsecamente incompatíbel non só coa educación de cualidade senón que tamén coa liberdade e os dereitos. Dito doutro xeito, os galegos, na nosa propia Terra, non posuimos dereitos lingüísticos. Que no noso país a un neno galego-falante se lle impoña o español no ensino é para Núñez Feijoo un signo de cualidade e de libre elección.
Alá o PP coa súa política. Nós aínda temos por diante o proceso de aplicación práctica do Decreto, que non vai ser tarefa doada. Terá que contar con todo o apoio e o esforzo de todas e todos aqueles que temos como bandeira a defensa do noso idioma nacional. Que non somos poucos. Dados estatísticos recentes demostran que a maioría do pobo galego é favorábel a introdución de medidas que introduzan o galego no ensino. Mesmo en segmentos que a día de hoxe non utilizan habitualmente a nosa lingua. Así que adiante. E remato con máis ánimo, que se me permitides, dirixo á miña compañeira Ermitas Valencia, digna concelleira de normalización lingüística (porfin!) no concello de A Coruña. Forza e coraxe!