Ás portas do Dia da Patria Galega, é bon botarlle unha pensada ao contexto político no que se emarca esta celebración. Un ano no que o nacionalismo marcou con claridade a axenda política con exemplos moi claros: a reivindicación dun Estatuto de Nación, actuacións desde o Goberno de Galiza, ou propostas de diverso tipo que condicionaron a dialéctica política no noso país. Cumpre, ademais, que o traballo desenvolvido teña consistencia e sirva para enfrontar o futuro máis imediato.
É esencial, indispensábel, para un proxecto político contracorrente como o representado polo nacionalismo galego, inserido na realidade dunha nación negada e colonizada, priorizar o traballo organizativo, de información, formación e conscienciación da base social que posúe, e que por certo, non é precisamente cativa a día de hoxe. O intenso traballo organizativo desenvolvido con motivo das aleccións municipais, que fixo posíbel achegar a milleiros de persoas o ideario nacionalista, debe ser convenientemente aproveitado.
Por varias vías. Para comezar, incrementando a militancia do BNG a través de tanto simpatizante-activo que colaborou na última campaña electoral. Ademais, criando organización do BNG onde ainda non a hai. Candidaturas tan meritorias do BNG, como as encabezadas en Forcarei por Anabel, en Cerdedo por Ana, ou en Camariñas por Luis, e que non obtiveron representación no Concello, débense reconverter en grupos activos do BNG, facendo traballo político na sociedade, fóra da institución municipal. Mozas e mozos como eles son un bon exemplo do ánimo e da coraxe coa que enfrontan a defensa do nacionalismo en contextos máis que adversos. Así que, avante, a botarlle peito. O BNG é a esperanza para este país. Con todos os nosos defectos, mais tamén coa cobiza de autosuperación. Honestamente, fanme rir algunhas críticas sobre o BNG procedentes de sectores (seica soberanistas) que precisamente organizaban en Cangas actos públicos desa candidatura en perfeito bilingüismo harmónico. Hai que botarlle valor.
E finalmente, na defensa sen complexos da nosa alternativa política. O 25 de Xullo é o Día da Patria Galega. Así o reivindicou o nacionalismo galego historicamente, con independencia dos custos que os houbo, e moitos- para facer desta data un día de reclamación do dereito de Galiza a existir como nación libre. Non é o día de rendirlle pleitesía a España na oferenda do apóstolo. Alí, nese acto de exaltación do españolismo máis reseso, estarán o PP e o PSOE, coa propia Presidenta do Parlamento, facendo gala da súa submisión. Alá eles. Nós, os nacionalistas, onde sempre estivemos, na Praza da Quintana, proclamando con orgullo a existencia da nación galega, e defendendo o dereito de autodeterminación. Para iso nasceu e para iso traballa cada día o BNG.