Os procesos de dominación política e expoliación económica padecidos por moitos pobos entre eles, obviamente, o noso- teñen algúns elementos en común. Recrudecidos nalgúns casos, aliviados noutros, en función das parámetros concretos nos que se fundamenta en cada caso: fortaleza da metrópole, espazo temporal de dependencia, rol económico e relacións sociais que del se derivan, e moitas outras variábeis. Mais hai tamén en todos eles un ámbito psico-ideolóxico, relativo á percepción que o pobo dominado ten de si mesmo e do extranxeiro invasor, que resulta absolutamente relevante, ben para manter a dependencia, ou ben, de se superar, para construir unha resposta colectiva liberadora.
Indo agora ao caso galego. Ademais de decapitación política, expolio económico secular, ou ataque á nosa lingua e cultura, por certo sempre baixo forma e métodos agresivamente coloniais, fixéronnos crer, historicamente, que non eramos nada, que non valíamos para nada, que somos un pobo inútil e que sempre o fomos, e que só poderemos cegar a algo, individualmente, se renunciamos ao propio e nos aderimos ao foráneo.
Neste esquema, moi valioso e funcional para a metrópole española, ten un lugar fundamental a historia. Ou se se prefire, a censura histórica, a súa manipulación e falsificación. Aos galegos e galegas non só nos roubaron a riqueza da base material, produtiva, da nosa Terra. Non. Roubáronnos tamén a historia. A nosa historia. Para que non sexamos nada, nin aspiremos a selo por nós mesmos.
Daí a importancia de pór en valor o que fomos, e o que podemos chegar a ser. Daí a importancia de lembrar e reivindicar aos nosos mártires, para pór en evidencia que o proceso de dominación política de Galiza, ao longo da historia, non contou coa resignación nin coa entrega voluntaria dos galegos. Non houbo capitulación previa: Os galegos estiveron prestos ao combate cando foi preciso. E durante séculos houbo galegos e galegas que morreron, que foron asasinados por defenderen a súa Patria.
A dependencia de Galiza, desde a súa xénese, foi un proceso violento. Castela enviou tropas castelás e mercenarias para submeter Galiza á altura de 1480. E encontráronse con resistencia activa, violentamente reprimida. E xa no século XX abría o franquismo a súa aciaga etapa na Galiza fusilando ou paseando patriotas como Alexandre Bóveda, en 1936. Fechábase en 1975, e ainda nos seus estertores tiña suficiente carraxe antigalega como para asasinar ao militante da UPG Moncho Reboiras.
Galiza tamén ten mártires, porque ten historia. E non, precisamente unha historia de docilidade e de obediencia submisa ao invasor. Tamén temos os nosos herois, como calquer outro pobo. E moito lles debemos. Galegas e galegos de ben nunca poderemos esquecer estes patriotas. Son o noso exemplo.