Posted: December 17, 2007, 12:00am CET
17 de Decembro de 1483. Hai hoxe, exactamente, 524 anos. Na Praza Maior de Mondoñedo era executado polas tropas castelás baixo mando do capitán Luis de Mudarra, o mariscal Pero Pardo de Cela, símbolo da rebeldía galega face á política asimilista de Castela e dos Reis Católicos sobre Galiza. Xunto a el, eran tamén executados os seus guerreiros máis leais: Pero de Miranda Saavedra e Castro (seu propio fillo), García Rodrígues, e Bartolomé de Baamonde.
Tráxico final, que ten a súa explicación máis imediata na Real Cédula asinada en Toledo polos Reis Católicos o 3 de Agosto de 1480, pola que envía a Galiza a Fernando de Acuña como Xusticieiro Maior, o licenciado Garci López de Chinchilla como Alcalde Maior, e Luis de Mudarra como capitán dun continxente militar castelán de varios centos de xinetes e dun número indeterminado de guerreiros de infantaría a pé. O obxectivo político-militar, eliminar por calquera método calquera caste de oposición na Galiza ao proxecto imperialista impulsado polos Reis Católicos, que daría pé ao nascimento do Estado español.
Previamente, outra Real Cédula (18 de Febreiro de 1478) instaura a Santa Hermandad na Galiza como auténtica policía política ao servizo de Castela. Dirixe este corpo Antonio de Paz e o licenciado Fernando Gómez de Tordehumos. O descontento social xerado pola violencia, a crueldade e os castigos infrinxidos pola Santa Hermandad está documentado. Entre outras razóns, pola implantación de duros impostos (18.000 maravedís por cada cen veciños) para manter economicamente o propio corpo represivo. O historiador aragonés Zurita descrebe o despregue da Santa Hermandad na Galiza contra la voluntad de todo aquel reyno, estando todos en resistencia. E non oculta o obxectivo final: pregonar desde el Miño hasta la mar hacer al Rey y a la Reina Señores de aquel Reyno.
A resposta galega a este proceso nasce, nunha primeira fase, cun acordo político entre a nobreza galega, de apoio mútuo en caso de agresión, mais que lamentabelmente -para o futuro da Galiza- non perdurou. Na segunda fase, co enfrontamento armado directo, liderado no sul por Pero Álvarez de Soutomaior (con conexións con Portugal), e no norte co mariscal Pardo de Cela.
Pardo de Cela resistiu un cerco de entre dous a tres anos (depende das fontes) no inexpugnábel castelo da Frouseira. En calquera caso, o asedio foi longo e cruento, con numerosos mortos, tanto polo bando galego como polo castelán. A imposibilidade de conquista da Frouseira levou ao mando castelán a empregar o método da traizón, perfeitamente documentada, e que efectivamente levou ao mariscal a ser finalmente preso polo inimigo.
Morto Pardo de Cela, o combate continuou, neste caso co protagonismo dunha muller: Constanza de Castro, filla do mariscal. Ela é quen de dirixir un grupo de guerreiros galegos leais e de manter as hostilidades contra as tropas castelás. Despois dun tempo é finalmente cercada no castelo de Vilaxoán (a famosa Torre da Cal da Loba, ainda en pé, no concello de Cospeito, na Terra Chá). Resiste durante once meses o cerco militar, e non se rende. Morre, probabelmente envelenada pola auga podre do alxibe, mais non se rende. Quen si pacta a súa capitulación após a morte de Constanza é o seu home, Fernán Ares de Saavedra, que salva a súa vida comprometéndose a servir aos Reis Católicos na guerra de Granada.
En 1487, xa pacificado o Reino de Galiza, visitaban o noso país os Reis Católicos. Había 110 anos que un monarca castelán non pisaba terra galega. E ficaba xa definitivamente aberto o camiño que posteriormente se definiría, sen eufemismos, Doma y Castración del Reino de Galicia. As consecuencias prácticas ficaban ben á vista: 150 castelos, torres e fortalezas derrubadas, imposición do sistema castelán de pesos e medidas, proibición de reunións numerosas (mesmo en vodas e bautizos), estado represivo controlado pola Santa Hermandad, substitución lingüística, bula papal a bispos de Ávila, Segovia, Córdoba e León con dereitos sobre os mosteiros galegos; expulsión e/ou eliminación dunha parte importante das clases dirixentes, nobiliarias e eclesiásticas. En definitiva, fin da existencia do Reino de Galiza como espazo con dimensión e dialéctica política de seu, ficando dominado militarmente e inserido politicamente baixo dependencia de Castela/España.
Este proceso histórico, chave para interpretar o desenvolvemento posterior, foi conveniente e intencionadamente ocultado polos vencedores. Os galegos non podíamos ser conscientes do noso propio pasado, e moito menos dos seus episodios heroicos. E roubáronnos a historia. Obviamente, recoñecer que o proceso de construción do Estado (moderno) español se fundamentou na violencia, na represión, na asimilación e na negación de Galiza, bota abaixo boa parte dos tópicos existentes sobre España e, sobretodo, no que ten a ver coa suposta resignación natural de galegas e galegos. Aquí o que houbo foi imposición durante 500 anos, non convivencia harmónica. E ainda así Galiza, o seu idioma, os seus sinais de identidade cultural, a súa singularidade, continúan a estar vivos e a seren reivindicados cinco séculos despois. Iso é o sorprendente.
A data do 17 de Decembro estivo a piques de ser institucionalizada polo nacionalismo galego como Día da Patria Galega, en homenaxe a esa Galiza rebelde que non se rendeu á dominación castelá. En lembranza tamén de Constanza de Castro e desa Frouseira que nunca puideron conquistar as tropas castelás, convertida desde aquela en símbolo de resistencia e liberdade para o pobo galego. Tomemos boa nota e actuemos en consecuencia.
Posted: December 3, 2007, 12:00am CET
Vivimos tempos de balbordo e confusión, tamén propiciados e inducidos por un poder o real- que constrúe discursos, ben funcionais aos seus intereses, a través das súas correas de transmisión, oportunamente controladas e magnificamente presentadas. É evidente que nese contexto, o nacionalismo galego, as súas propostas e alternativas políticas, as súas posicións, foron historicamente silenciadas, cando non manipuladas. Ás veces de xeito burdo, evidente. Outras, intelixentemente caricaturizadas ou distorsionadas. Este é o caso que nos ocupa: a posición política do BNG perante o denominado Plano Galego de Acuicultura. Cumpre aclarar as teses que se defenden a este respecto, aínda que, por certo, foron profusa e reiteradamente explicitadas no Parlamento de Galiza durante os últimos meses, tal e como testemuñan diversos Diarios de Sesións.
Vexamos. Lembraremos que o goberno agónico do PP xa en funcións- aprobou en Consello da Xunta (30 de Xuño de 2005, coas eleccións xa perdidas) o alcumado Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria, proxecto aberrante elaborado e aprobado en función dos intereses económicos dun grupo empresarial que gozou, por certo, dun hiperbólico volume de subvencións públicas para os seus negocios en todo o planeta durante os últimos quince anos-, e que tiña en Cabo Touriñán a mellor mostra do que non se pode permitir no noso litoral.
Xa co novo Goberno de Galiza, o BNG fixo todo o posíbel para anular este enxendro, acadando cando menos o acordo de proceder á súa revisión, salvando Touriñán e eliminando outros espazos que invadían a tan raquítica como cacarexada Rede Natura 2000. A partires dese momento, abríase outro proceso para a elaboración do actual Plano. Contodo, é importante sinalar aspectos que son absolutamente relevantes á hora de analisar e interpretar a evolución dos feitos, as previsións de remate do proceso, e o papel o real, non o inventado- do BNG nese contexto.
En primeiro lugar: Non é menor a evidencia de que os departamentos administrativos directamente implicados na elaboración e desenvolvemento do Plano son responsabilidade dunha forza política o PSOE- que historicamente mantivo posicións antagónicas co BNG, en concreto en materia de política pesqueira, marisqueira e acuícola. Consellaría de Pesca (protagonista na elaboración do Plano), Dirección Xeral de Urbanismo, Consellaría de Medio Ambiente, mais tamén a Dirección Xeral de Costas, do Ministerio de Medio Ambiente (non podemos esquecer que a titularidade do Dominio Público Marítimo-Terrestre, lamentabelmente, segue residenciada en Madrid), son departamentos dirixidos polo PSOE. Pode gostar ou non, mais é unha realidade. E cando falamos de decisións políticas o pior é refuxiarnos na fantasía.
En segundo lugar: O BNG non nasceu con vocación de axente comercial de ningún grupo empresarial. Nin tampouco cun modelo industrial terceiromundista, no que calquera empresa se instala onde e como queira. A súa razón de ser é a de pór en valor toda a potencialidade da nación e dos seus recursos naturais obviamente baixo criterios sustentábeis- ao servizo dos intereses do pobo galego. E é evidente que o noso litoral ten unhas características naturais extraordinarias para construír un modelo de desenvolvemento baseado na pesca, no marisqueo e na acuicultura. A acuicultura non é só a produción de peixes planos en piscifactorías. No caso galego é fundamentalmente a produción de mexillón en bateas (3ª potencia mundial en produción, 15.000 postos de traballo directos, riqueza inducida inserida en boa parte do tecido económico galego), aínda sendo conscientes de que as 3.500 bateas fondeadas nas nosas rías provocan un certo impacto ambiental, que asumimos, mais que convén minimizar. Porén, sería de inxenuos non aproveitar a nosa inmensa potencialidade natural na cría e engorde de peixes planos ou non- e noutras especies, comezando polo polbo e outros mariscos. Daquela, o BNG non considera por definición á acuicultura (toda ela) incompatíbel con outras actividades produtivas ou co equilibrio medioambiental da nosa costa. Iso si, non de xeito anárquico, senón con planificación, ordenación e cunha regulación que harmonice os diversos intereses (produtivos, ambientais, sociais) en xogo.
Finalmente: En coerencia cos principios antes expostos, e á vista da oposición social mesmo institucional- que xeraron algúns dos proxectos previstos, o BNG trasladoulle formalmente á Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos, xa hai meses, a necesidade de negociar contidos e emprazamentos do Plano de Acuicultura, atendendo aos seguintes criterios fundamentais:
a) Garantías de depuración plena, integral, das augas procedentes destas instalacións.
b) Exixencia de xeración de emprego digno e estábel (é posíbel facelo nas cláusulas de concesión) que recaia sobre a comunidade na que se asenta.
c) Minimización do impacto ambiental, tamén paisaxístico. Diferenciar entre reserva de solo e edificabilidade. As instalación non teñen porqué estar á beira do mar. E outras (administración, dirección, procesado, armacenado, comercialización, etc.) poden estar mesmo localizadas en parques ou polígonos empresariais debidamente dotados.
d) Hai emprazamentos (caso de Corrubedo) que se deben suprimir. Outros (Merexo), reducir. Noutros casos, afastar terra a dentro.
e) É preciso, con todo, unha planificación nacional de reserva de solo que evite actuacións especuladoras por parte de empresas ou concellos. Mais a proposta actual é manifestamente mellorábel.
f) Impulso á investigación para a cría de novas especies evitar monocultivos- e tamén para a mellora da sustentabilidade desta actividade.
g) Apoiar activamente fórmulas organizativas, comezando polo cooperativismo, que posibiliten o acceso das comunidades mariñeiras a esta actividade e, daquela, aos emprazamentos que se designen.
Estamos precisamente nesta fase. E por certo, advertimos vontade de diálogo. Até onde se pode chegar, non o sei. O que si é evidente é que calquera mellora deste Plano de Acuicultura pasa polo proceso de negociación que o BNG está a impulsar diante de departamentos reitero- baixo responsabilidade do PSOE. Recentemente a Asociación de Produtores de Rodaballo de Galiza (AROGA), que agrupa ás once empresas que se dedican na Galiza a esta actividade, advertían do retraso na tramitación do Plano, e sinalaban ao BNG como responsábel de que non estivera xa aprobado. Que cadaquén tire as súas conclusións. Lexitimamente pódese ou non estar dacordo con estas posicións, oficialmente explicitadas desde hai meses. Mais o que non é honesto é silencialas ou manipulalas de xeito deliberado, e cunha intencionalidade política descarada.