Lo que resulta inadmisible es que permitiese que la Letrada de la parte actora formulase sus conclusiones en lengua gallega (
) Con ser ello grave, más lo es aún que el acta del juicio fuera realizada también en lengua gallega (
) Y que como culminación de todas estas irregularidades se nos remitiese la sentencia, naturalmente estimatoria de la demanda, también en lengua gallega. (sic)
Esta non é transcrición dun texto redixido hai sesenta anos, en pleno apoxeo do réxime franquista. Non: forma parte da denuncia, formalizada en Febreiro de 2008 pola empresa Radio Popular, S.A. (Cadena COPE), perante o Consello Xeral do Poder Xudicial, contra a Maxistrada titular do Xulgado do Social nº 2 de Compostela, Ana López-Suevos Fraguela, por cometer o delito de utilizar a lingua galega na propia Terra, neste caso na administración de xustiza.
Non son unicamente prexuízos os que operan á hora de motivar á Cadena COPE emisora radiofónica vinculada á Conferencia Episcopal Española- a atacar o idioma propio de Galiza. É unha auténtica persecución lingüística sustentada nunha actitude claramente xenófoba, antigalega. Pretende eliminar, literalmente, ás poucas persoas que na administración de xustiza respectan e defenden o idioma galego e os dereitos lingüísticos do pobo galego. Pretende impoñer o español, a toda costa e por calquera método, malia ser a lingua galega a única propia do noso país, e ademais de uso maioritario na poboación.
Resulta esperpéntico que, aínda a día de hoxe, se den casos de persoas, na súa propia nación, que pretendendo exercer o dereito inalienábel a seren atendidos no seu propio idioma na súa administración, se encontren con manifestacións de discriminación lingüística absolutamente aberrantes e intolerábeis do ponto de vista democrático. Aí temos os casos recentes de Paulo Carril ou Eduardo Álvarez nos xulgados dA Coruña. E cando unha xuíza pretende democratizar este estado de cousas, facendo normal o que neste momento é anómalo, isto é, a incorporación do galego no ámbito xudicial, sofre toda a contundencia dunha resposta que mostra a auténtica faciana desa liña ideolóxica que ten a súa expresión política no PP (e non só), belixerante contra a lingua e cultura do noso país e negadora dos dereitos democráticos (humanos) máis elementais.
E aínda hai quen defende que o galego é un idioma imposto na Galiza
Moito hai que avanzar, moitos espazos hai que conquistar. O próximo 18 de Maio A Mesa pola Normalización Lingüística ten convocada unha manifestación polo dereito a vivirmos en galego. Temos que converter esta mobilización, e a súa campaña previa, nunha demostración de forza da existencia e da vitalidade da lingua galega. E da reivindicación dos seus dereitos como idioma nacional. Somos unha nación e temos unha lingua.