Inglaterra aínda vos dominará. Dominaravos a medio dos seus capitalistas, a medio dos seus terratenientes, a medio dos seus financieros, a medio da serie de institucións comerciais e individuais que plantou neste país e regou coas bágoas das nosas nais e o sangue dos nosos mártires. Inglaterra aínda vos dominará até a vosa ruina, incluso mentres os vosos beizos oferezan unha hipócrita homenaxe ao altar desa liberdade que traizoastes.
Este texto, escrito en Xaneiro de 1897 por James Connolly, patriota irlandés fusilado en 1916 polas tropas británicas, cobra inusitada actualidade á luz do proceso que se está a dar na Unión Europea, e na que por certo o pobo irlandés tivo, felizmente, especial incidencia. É posíbel exercer o efectivo dereito de autodeterminación nun contexto marcado polas regras de xogo do imperialismo, neste caso no marco dunha UE, concebida como o que hoxe é? É real o conceito de soberanía política, mesmo para estados constituidos, cando boa parte das decisións (estímase nun 70%) se adoptan en Bruxelas, sen control democrático merecente de tal nome?
Connolly tíñao ben claro para Irlanda. Obviamente sendo importante, non sería suficiente para as aspiracións históricas dese movemento político un estado irlandés sometido económicamente pola metrópole. A estrutura política, o estado, as institucións propias, son instrumentos indispensábeis para o futuro de calquera pobo. Mais cando as decisións chave en materia económico-financeira, as que lle afectan directamente á sociedade, están en mans alleas, non se pode falar en rigor de soberanía real. A iso nos enfrontamos. E moito máis grave no caso da Galiza, cunha raquítica autonomía controlada férreamente dende Madrid e baixo os ditados imperiais da UE e dos Estados Unidos. O capitalismo é incompatíbel coa liberdade e a soberanía dos pobos.
Teño escoitado con atención as teses europeistas que, baixo coordenadas aparentemente nacionalistas, defenden o futuro da Galiza no marco da UE. Cren que ese é o mellor dos modelos aos que se pode aspirar, garante, segundo indican, da democracia e da xustiza.
E eu, honestamente, non podo entender como unha nación como a nosa, que tanto ten sofrido desde a integración do Estado español no Mercado Común, mesmo antes da data formal de ingreso, 1986, pode ter na Europa comunitaria o modelo económico e social e de desenvolvemento. A chave está na soberanía, e non concebida de xeito simbólico, aparencial ou meramente declarativo, senón efectiva: control real polo pobo galego dos seus recursos, da súa economía, e do proceso de toma de decisión política. Esa é a cuestión. O resto, foguetería.
Mais aínda falta un longo camiño por percorrer. O Día da Patria Galega, este 25 de Xullo de 2008, debe server tamén para avanzar nel. O esforzo do BNG por facer desta manifestación unha convocatoria histórica polo número de asistentes debe culminar con éxito. O traballo dos nacionalistas no Goberno, nas institucións, e na rúa, emárcase precisamente nese proceso histórico de liberación nacional. Pasos para avanzar políticamente, non para nos deter no camiño. Para acompañar a máis pobo nesta nobre tarefa de reconquistar o que é noso. A nosa liberdade.