A LEI DO ABORTO apróbase no Parlamento Español no ano 1986 sen lle dar resposta con isto a unha reivindicación antiga do movimento feminista e das organizacións sociais que sempre pediron a regulación do dereito das mulleres a interromper o embarazo dentro dun prazo de tempo determinado, e por suposto sen custo ningún para elas. A pesares disto o goberno daquel momento estabelece unha lei de supostos facendo unha nova concesión aos sectores mais reaccionarios da sociedade e deixando sen resolver o problema.
Así as mulleres quedamos novamente situadas en posición de delinquir se facemos uso do noso lexítimo dereito a interromper un embarazo porque coa actual lexislación só se despenaliza a IVE en determinados supostos.
Umha vez mais o goberno español ignora as consecuencias de facer concesións á dereita porque esta non se vai conformar nunca, por moi grandes que sexan as devanditas concesións, e temos exemplos moi claros dos que botar man para ilustrar este asunto: non se conformou cando se descafeinou a Lei da Memoria Histórica, non se conformou coa regulamentación do ensino da relixión na escola pública e non o fixo cando se regulou o matrimonio entre persoas do mesmo sexo... E todas estas leis aprobáronse con clarísimas eivas derivadas das concesións que se lle fixeron previamente á dereita. Pois ben, unha vez máis presenciamos as consecuencias dunha lei eivada na súa orixe polo mesmo tipo de concesións e que agora é utilizada para sacar réditos eleitorais pero que sobre todo menoscaba unha vez máis os direitos das mulleres.
Ao abeiro dunha lei que indica que unha muller pode interromper o embarazo, entre outros, no suposto de que exista perigo para a súa saúde psíquica, iníciase unha auténtica persecución contra as mulleres, contra as e os profisionais da saúde mental que certifican a existencia deste risco e contra as clínicas autorizadas para levar a cabo este tipo de intervencións.De que vale por tanto facerlle unha concesión á dereita contra os dereitos da cidadanía se se deixa aberta a porta para que a esencia mesma desta lei sexa utilizada na súa contra? Isto parece perverso, máis perverso aínda se temos en conta que estamos a presenciar unha manobra claramente orientada á obtención de réditos eleitorais porque o PP sospeita que suscitando esta polémica, o goberno español vai saír perdendo faga o que faga, ao deixar sempre descontento a un sector da cidadanía. Polo tanto probabelmente non esteamos neste momento frente a un debate ideolóxico senón mais ben frente a unha táctica arteira de posibilismo eleitoral que non ten inconveniente ningún en conculcar os dereitos da cidadanía para satisfacer os seus intereses.
As consecuencias desta ofensiva contra os dereitos das mulleres e contra as mulleres que exercen estes dereitos, está a dar lugar a que se produzan unha serie de agresións gravísimas contra elas e contra as e os profisionais que prestan os seus servizos nesta materia. Así as clínicas son atacadas (especialmente aquelas mais vinculadas coa tradición feminista), as e os profesionais ameazados e as mulleres que acoden a estes dispositivos agredidas, mesmo implicadas en procesos de investigación xudicial (a día de hoxe hai 28 mulleres citadas para declarar). Estes son algúns dos inconvenientes que ten alimentar un monstro, intoxicar a cidadanía con informacións maledicentes e malintencionadas que teñen como finalidade lograr a adhesión do maior número de sectores posíbeis á súa causa, pero non podemos esquecer cal é a súa causa: perpetuar a sociedade patriarcal e a desigualdade e privar a cidadanía dos dereitos conquistados tras moito sufrimento e sangue, ignorando en todo caso o sufrimento que supón para as mulleres o teren que abortar, ou mesmo frivolizando con este, na medida en que se dá a entender que acoden ás clínicas como quen vai de excursión. En definitiva menosprezando os sentimentos e as emocións das mulleres unha vez máis.
No BNG consideramos que se impón a apertura dun debate serio sobre a regulamentación do dereito das mulleres á interrupción voluntaria do embarazo dentro dun prazo e con todas as garantías xurídicas, sanitarias e sociais. Ante isto a nosa postura é a modificación da actual lei e a substitución dos supostos de despenalización pola legalización da IVE dentro dun prazo. Esta legalización debería levar implícita en todo caso a garantía de gratuidade para as mulleres, de calidade do servizo a prestar na rede pública con todo o apoio psicolóxico e social que fose necesario en cada caso. Todo isto xa quedou de manifesto na iniciativa parlamentaria do BNG que presentou a nosa deputada Ana Pontón no mes de novembro e pola cal se reclamou que o goberno galego instase ao goberno de Madrid para a modificación da lei do aborto cara a unha lei de prazo.
Mais o BNG non quere esquecer que regulamentar o dereito ao aborto é por si só unha medida claramente insuficiente para garantir a saúde e o benestar das mulleres. Entendemos que o aborto é sempre o último recurso, xa que supón un trauma físico e emocional para as mulleres, polo cal nunca é desexado. Que o interesante é previr o embarazo e para previr o embarazo hai que tomar medidas educativas serias e responsábeis; hai que incorporar proxectos de intervención permanente de educación afectivo-sexual desde a escola infantil en adiante; hai que estimular a colaboración das familias e hai en definitiva que apostar por un modelo co-educativo saudábel. Xa non nos vale querer cubrir o expediente proporcionando unha simple información sobre os métodos anticonceptivos porque xa está demostrado que isto non abonda. Exiximos o deseño e a implementación de modelos educativos que aborden integralmente as actitudes, cara a sexualidade, cara a afectividade e cara a vida, que garantan un desenvolvemento integral da persoa para unha vida saudábel e feliz.
En definitiva, facendo uso dunha vella consigna do movimento feminista: QUEREMOS O DEREITO AO ABORTO. NON QUEREMOS ABORTAR.