Un ano máis e semella que para o sr alcalde xa se convertiu nunha tradición, cando chega o Nadal e como se dun turrón se tratase, agasállanos aos concelleiros e concelleiras cos orzamentos para o vindeiro ano.
Nestas festas do Nadal na que os nenos e nenas se enchen de ilusión ao comprobar que os maiores temos unha actitude predisposta a crear un ambiente de concordia. Incluso os pais e nais, ainda que os nosos fillos suspendan algunha asignatura, non os castigamos por estas festas a estudiar.
Para o Alcalde, nós debemos ser uns nenos moi traviesos, xa que todos os anos polo Nadal, como se fose un Papanoel que nos quere castigar, agasállanos cuns orzamentos e faino o 24 de decembro. Convócasenos para unha comisión o dia 29 e a un Pleno, hoxe dia 30. Castiganos a estudiar os orzamentos o 25 de decembro e maís sábado e domingo, ¡ Que papanoel máis cruel!
A situación parece cómica, pero a triste realidade é outra, xa que a situación na que se atopa o noso concello, os nosos veciños e veciñas é moi dramática. O peche de empresas como Cedonosa, e co paro afectando a moitas familias, son realidades que deberian facer reflexionar ao alcalde, para que nesta situación cáseque límite, fosemos escoitados todos e todas e asi, desde o diálogo chegar a un consenso que definise a folla de ruta do vindeiro ano. Pois os orzamentos non deixan de ser eso, a folla de ruta da politica municipal.
Uns orzamentos elaborados só polo equipo de goberno, que representa o 47% da poboación da nosa vila, fronte ao 53% que representamos o BNG (40%) e P.P.(13%)
Decia ao comenzo que nos agasallaba o dia 24 cuns orzamentos, como se dun turrón se tratase. Teño que dicir que cada vez ese turrón é máis duro, máis dificil de roer e de dixerir por calquera persoa que crea na democracia no seu máis amplo sentido da palabra. Este ano a tableta é máis pequena, nótase que estamos en crise. Pero claro, é máis pequena porque se nos da menos información e aquí comezamos coas discrepancias, pois para nós señor alcalde, a transparencia é un dos valores máis importantes da democracia.
Nun concello coma o noso no que só o alcalde ten dedicación exclusiva e no que os concelleiros e concelleiras temos os nosos traballos, que non nos permiten estar no concello solicitando informes ou tomanto apuntes, non se nos pode pedir que se queremos máis información que a solicitemos. Imos ter menos información é dicir menos transparencia, semella que o alcalde só está disposto a darnos a “lexitima corta”.
Estas serian xa razóns suficientes para rexeitar os orzamentos. Pero, desgraciadamente,
cando entramos a analisar o documento, a situación tórnase moito máis preocupante.
Como dixen antes, os orzamentos veñen a ser a folla de ruta para o vindeiro ano e vostede sr alcalde leva anos coa folla de ruta equivocada e a medida que sentia e sinte a presión lexitima que desde o BNG estamos a facer, para que en Catoira se fagan as cousas dun xeito racional, politicas progresistas, de crecemento sostíbel, de respeto á naturaleza , de austeridade … , vostede cada vez equivocase máis na ruta a seguir, é máis, vai en sentido contrario.
Ou non é estar na ruta equivocada cando ubica un parque empresarial nunha zona na que a maioria do pobo de Catoira estaba en desacordo?
Ou non é ruta equivocada facer no corazón da nosa vila un multiusos para ubicar unha nova casa do concello que ninguén demandaba en Catoira, destrozando o que deberia ser o noso gran parque central. Mostrando o alcalde unha preocupante falta de respeto polo medio ambiente, unha aposta politica rancia, caduca e fracasada como é a politica do ladrillo e formigón, indo contra unha das principais prácticas de politicas responsables como é austeridade no gasto? En definitiva, folla de ruta equivocada.
Claro que nesa folla de ruta hai iniciativas coas que estamos dacordo, toda a politica de saneamento é apoiada por nós, como logo se verá reflectido nunha moción que imos presentar.
Ogallá que ese comodín que aparece e desaparece nos orzamentos dos últimos anos, que é o parque eólico sea unha realidade no 2010.
Di o alcalde na memoria dos orzamentos, que non quere condicionar o futuro de vindeiras corporacións, semella ser unha broma de mal gusto, sr alcalde, un concello que fai un ano estaba endebedado en 800.000 euros e que agora está en 1.880.000 euros.
Si, 1.879514,15 euros. Que vostede diga que non quere condicionar o futuro, non é unha broma, máis ben é unha traxedia para o noso concello.
Un concello de 3.500 habitantes cun orzamento de 3.376.000 euros dos que para investimento real só se adican 814.000.
Tendo en conta que o goberno central xa anunciou que non vai haber máis plans E.
Tendo en conta ademais que no 2011 hai eleccións, sr alcalde, coñecendo os seus hábitos cando se producen estas situacións moito nos tememos que a vindeira corporación municipal vaise atopar cunha débeda superior aos 2 millóns de euros.
Se con estas cifras vostede di que non quere condicionar o futuro de corporacións vindeiras, por enriba de darnos un turrón duro de roer como son estes orzamentos, vostede quere que creamos nos reis magos.
Estes orzamentos seguen indo na ruta equivocada e polo tanto o noso grupo vai votar en contra.