A situación de crise económica ten levado ao Goberno do Estado a facer unha proposta de revisión do Pacto de Toledo cunha serie de medidas que modifican o modelo de relacións laborais vixentes. Aínda que non hai argumentos que relacionen o momento de crise co sistema laboral actual, unha vez máis as medidas propostas menoscaban os dereitos dos traballadores e as traballadoras. Sen ser os responsables do difícil momento económico que atravesamos, quérese cargar as consecuencias sobre as súas costas cunha reforma baseada na flexibilización e precarización laboral.
Co mal pretexto de querer garantir o sistema público de pensións, unha das medidas que sacou da manga o Goberno do Estado foi o incremento da idade de xubilación dos 65 aos 67 anos. Xustifican a proposta en que o incremento da esperanza de vida e o futuro incerto do número de persoas anciáns porá en perigo a viabilidade futura do sistema de pensións. Trátase dun argumento erróneo e retorcido porque, sendo certas esas premisas, non teñen en contra outros aspectos que poden modificar o resultado final. O problema non é que haxa máis pensionistas, senon que non exista un número de cotizantes suficientes para asumir ese incremento. Por iso, desde o BNG pensamos que a solución debe ser outra; crear emprego e fomentar a incorporación ao mercado de traballo para aumentar o número de cotizantes. Sen dúbida, o futuro das pensións vai ligado á capacidade da economía para crecer, incrementar a produtividade e xerar emprego.
Na proposta do Goberno do Estado asoma tamén a posibilidade de recudir a contía das pensións. Quérese ir cara a unhas pensións mínimas subministradas pola Seguridade Social, o que conlevará que a cidadanía non teña máis remedio que garantir o seu futuro con plans de pensións xestionadas por institucións financieiras. Fronte a este camiño, desde o Bloque Nacionalista Galego cremos que cómpre reforzar o sistema de pensións público, para asegurar ingresos dignos cando as persoas rematan a súa vida laboral.
A protección dos dereitos dos traballores e traballadoras serán sempre a nosa prioridade. Por iso no BNG non só nos opoñemos á proposta de reforma laboral, senon que imos máis alá. Consideramos necesario un cambio nas relacións laborais, pero xustamente na medida contraria a que está enriba da mesa. O obxectivo debe ser precisamente reforzar a protección dos empregados e empregadas.
Temos que ir a unha regulación máis equitativa, que garanta a estabilidade no emprego e marque límites á flexibilidade na contratación temporal e a tempo parcial. É preciso tamén reorientar as políticas de fomento do emprego, dirixindo as axudas para a contratación de colectivos específicos nos que se dan as maiores taxas de desemprego. O obxectivo prioritario debe ser a xeración de emprego e neste senso unha das medidas polas que debemos apostar é por un mellor reparto do tempo de traballo. Os nacionalistas defendemos que se debe incentivar a acomodación do horario á conciliación da vida familiar e propiciar un gran pacto en todos os sectores e actividades económicas para avanzar cara un novo patrón de horarios laborais.
Calquer acordo en materia económica e de emprego ten que basearse nun novo marco, abandonando a doutrina económica neoliberal, principal responsable da crise que estamos a padecer. Desde o BNG apostamos por afondar nun cambio estrutural que esté enraizado no desenvolvemento da economía baseada no traballo produtivo e non especulativo, imperante nas últimas décadas. Neste novo contexto debe cobrar especial protagonismo o sector público como garante dun desenvolvemento económico sustentábel e dun reparto xusto e equitativo da riqueza.