Estamos afeitos a escoitar promesas e compromisos dos responsables do Partido Popular e do PSOE para dar resposta ás vellas reivindicacións da cidade. Ano tras ano, os uns e os outros, reiteran a súa disposición a saldar esas débedas, pero a realidade e teimuda, o tempo pasa e os proxectos non avanzan. Os compromisos esvaécense cando as promesas deben facerse realidade, que é na elaboración dos orzamentos.
Coñecidas xa as contas da Xunta e o Estado para 2011, os investimentos que os gobernos do PP e o PSOE destinarán a Vigo son igual de decepcionantes que os de exercicios anteriores. Non hai en ningunha das dúas administracións unha aposta clara por impulsar os proxectos de infraestruturas que levamos anos reclamando, nin polas novas dotacións que precisa a cidade. As partidas para as actuacións previstas son escasas e, como ten denunciado o BNG, son a mellor proba de que unha vez máis non se van cumprir os prazos comprometidos.
Non só non cumpren senón que o que fan e deixar proxectos básicos en mans da iniciativa privada. Si o PP vai privatizar a construción e xestión do novo hospital, o PSOE sigue a súa estela e a ampliación de Rande vaina facer con financiamento privado; como consecuencia ampliarase a concesión da AP-9 e seguiremos pagando máis anos.
Sendo grave a falta de investimentos ou a privatización dos proxectos, aínda é máis criticable que ni PP nin PSOE impulsan nos seus orzamentos medidas para a xeración de emprego. Estamos diante dunha difícil situación económica e compre que as administracións que teñen competencia na materia aposten claramente pola creación de postos de traballo. Non é así. Mentres a política do Goberno do Estado é facer que sexa a clase traballadora a que soporte as consecuencias da crise (recortes laborais, reforma das pensións…), a Xunta non move un dedo para combater a situación de crise que atravesamos.
Non merecemos gobernos así.