Unha das cousas máis fermosas neste mundo é ver o sorriso dun neno ou dunha nena. Algo que, a priori, podemos atopar nas rúas da nosa cidade, cando chegamos a casa desde os nosos traballos. Pensamos que é algo normal, e que xurde de xeito máxico por cada recanto da cidade. Con todo, a realidade é moi distinta, tal e como distintos son os sorrisos. Moitos pais e nais traballan diariamente para o sorriso dos seus fillos, especialmente os que teñen fillos con algún tipo de discapacidade.
O pasado 2 de abril, Día Mundial do Autismo, a Fundación Menela celebrou coa apertura dunha aula multisensorial para nenos e nenas con trastornos do espectro autista. Tiven a oportunidade de acompañar a miña compañeira de corporación Iolanda Veloso. E debo dicir que foi emocionante ver como hai persoas que están comprometidas en facer a vida máis fácil para quen o precisa. Algo humano e simbólico. Esta instalación será coñecida como “Snoezelen”, unha instalación que servirá para estimular o olfacto, visión, audición e tacto para estes nenos que tamén teñen dereito a sorrir.
Desde o BNG de Vigo sempre apoiamos esas iniciativas, que complementan a sanidade pública, xa que esta por desgraza non sempre pode atender suficientemente moitas queixas de nais e pais preocupados polos seus fillos; ante as dúbidas sobre se as súas crianzas padecen (ou non padecen) autismo. Precisamente, a mesma noite do 2 de abril a Casa da Cultura Galega de Vigo iluminouse de cor azul, para recordarnos ás persoas que son diferentes.
Esta cúpula iluminada debe iluminar as esperanzas de centos de pais que dan todo para os seus fillos. E tamén gostaríamos que iluminase a un goberno galego do Partido Popular, que non presta atención aos milleiros de persoas que agardan nas listas de espera e que recorta os recursos para a sanidade pública e para os servizos sociais no medio dunha crise económica que fai máis necesarios que nunca estes recursos. Porque desde o BNG estamos comprometidos coa sanidade pública, pero tamén estamos convencidos que a sanidade pública ten a obriga de atender todas as familias con parentes que teñen algún tipo de discapacidade ou trastornos como o autismo, máis alá do fundamental papel que desempeñan as asociacións e fundacións do terceiro sector, como a propia Fundación Menela. Nestes momentos non hai suficientes especialistas para algo tan básico como a diagnose do autismo dos nenos e nenas que teñen este trastorno. Porque todos os nenos e nenas merecen ter ese sorriso.