1. Sobre min
Nacín en Estás en 1973. Comencei a escolarización na miña parroquia, curiosamente nunha desas escolas de indianos que construiu o meu tío bisavó. Lémbrome de estar sentada nun pupitre inclinado coa miña amiga, desas que ainda que pasen os anos seguen estando aí.
Logo deume clase Don Manolo, como chamabamos a Manuel Garcés, que agora lle dá nome ao Colexio Rural Agrupado de Tomiño. Por último
en Tomiño estiven no que agora se chama Pedro Caselles e que daquela se coñecía por Mosteiro. Alí fixen moitos dos meus amigos e amigas. Foron épocas moi bonitas tanto cos compañeiros e compañeiras como cos mestres, dos que algún segue a ser hoxe un bo amigo. Logo, co paso do tempo, decateime de que eles tamén eran moi novos, pois daquela algún non chegaba aos trinta.
Tamén estudei no Instituto da Guarda e posteriormente, en Santiago de Compostela, licencieime en Ciencias Políticas, na especialidade de Administración Pública. Vivín cinco anos nesa fermosa cidade, coa que gardo unha relación moi especial.
Despois de rematar a carreira estiven un tempo en Bristol (Inglaterra) e ao voltar cursei un Máster en Desenvolvemento Local e Comarcal. Ademais, realicei estudos de Postgrao en Organizacións Non Lucrativas pola Universidade Ramón Llul de Cataluña. En fin, que pasei unha parte importante do meu tempo de mocidade estudando, pero non só pola obriga contraída comigo mesma, senón tamén porque me gusta facelo. Agora realmente non teño tempo…
Traballo desde hai cinco anos na Fundación Galiza Sempre -www.galizasempre.org, presidida por Xosé Manuel Beiras. A m
iña tarefa está relacionada coa elaboración e tramitación de proxectos moi variados e interesantes como a publicación de libros, a organización de seminarios e xornadas ou a xestión de actividades culturais. Por sorte, este traballo permíteme ter un horario flexible, o que me facilita a súa compatibilidade coa tarefa de concelleira -e agora candidata- do BNG en Tomiño e coa faceta de nai, pois teño un fillo de 15 meses que ocupa todos e cada un dos meus minutos libres.
Gústame pasear polo monte e ler, ainda que agora teño un pouco aparcadas as miñas afeccións pola campaña e porque adico o tempo libre a estar co meu neno. Neste último ano teño lido moito sobre o tema do coidado e crianza dos fillos. O último que lin é Bésame mucho do pediatra Carlos González, libro que recomendo a todos os pais e nais. Un libro de cabeceira para min é O principiño de Antoine de Saint-Exupéry, téñoo nunha edición moi fermosa que me regalou meu compañeiro e gústame relelo porque significa a búsqueda da bondade, da solidaridade e do coñecemento como elementos que enchen o espírituo máis alá de cousas materiais. Outra das miñas paixóns é viaxar, paréceme un dos mellores investimentos, recentemente estivemos en Nova Iorque e Noruega, lugares que estarán na miña retina por moito tempo. Gústame ver sitios e xente diferente porque se estás atento sempre podes aprender cousas.
Preséntome con ilusión como cabeza de lista do BNG convencida de poder levar adiante desde a Alcaldía un proxecto transformador e de mellora para os meus veciños e veciñas. No BNG imos ás eleccións como a alternativa experimentada e unida que Tomiño desexa, con un equipo de goberno capaz de xestionar de maneira eficaz os problemas dos veciños e veciñas. Cremos que os vindeiros catro anos van ser decisivos para sair do estancamento en que se atopa o noso concello e como goberno municipal estableceremos un diálogo fluido coa Xunta de Galicia que teña como resultado as melloras que precisamos, aproveitando o feito de ter no goberno galego consellerías nacionalistas.





