4.Novas
Tomiño 3 de maio
O Director Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo e o Delegado da consellería explican o estado do polígono industrial de Tomiño
Con un investimento para este ano de máis de cinco millóns de euros o polígono ofrecerá a empresarios de Tomiño e outros lugares perto de medio millón de metros cadrados de superficie total.
___________________________________________________________________
Tomiño 20 de marzo
Os delegados de Medio Rural e Cultura celebran o día da árbore e da poesía en Tomiño.
A candidata
do BNG Sandra González acompañou aos delegados de da Consellería de Medio Rural e Cultura na prantación simbólica de árbores e libros.
Tomiño 20 de marzo de 2007- Co gallo do día da árbore e da poesía fíxose unha plantación simbólica de árbores na Comunidade de Montes de Estás e donouse unha cantidade de libros infantís para a Biblioteca deste Centro.
O acto tivo lugar onte ás 13:30 horas na parroquia de Estás e acudiron numerosos representantes de asociacións culturais das parroquias de Tomiño así como das comunidades de montes deste concello, ademáis dos membros do goberno galego e representantes municipais.
Alí de xeito simbólico fíxose unha plantación de 22 árbores e entregáronse os libros á biblioteca do centro cultural desta parroquia ao mesmo tempo que a Presidenta do Centro Social de Estás, Andrea Pousa, daba lectura ao Manifesto a favor da Poesía.
Para a concelleira e candidata á Alcaldía polo BNG Sandra González, “este sinxelo acto ben a simbolizar o compromiso das consellerías do BNG coa cultura e o ambiente e co propio concello de Tomiño”. Segundo a candidata nacionalista “resulta lamentable que estes libros non poidan ser depositados na biblioteca pública do concello porque non temos ningún espazo que se poida chamar deste xeito, se miramos arredor todos os concellos da comarca dispoñen da súa biblioteca a excepción de Tomiño onde os gobernantes parecen máis preocupados polas súas liortas internas e o control do urbanismo que polo benestar dos veciños e a aposta pola cultura”.
___________________________________________________________________
Tomiño 12 de marzo
O Director Xeral de Agader visita o lugar onde se vai acondicionar o ecoparque arqueolóxico do Monte Tetón
A candidata do BNG Sandra González que acompañou ao director xeral, resaltou a importancia do investimento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural dependente da Consellería de Medio Rural.
Tomiño 12 de marzo de 2007- Seguindo cos encontros que ven realizando o BNG de Tomiño entre distintos colectivos do concello e responsables do goberno galego, sábado 10 de marzo o Director de AGADER, Edelmiro López Iglesias visitou o lugar onde se vai realizar o ecoparque arqueolóxico.
A obra financiada na súa meirande porcentaxe polo PRODER II e que dependente desta dirección xeral, contempla o acondicionamento de sendeiros, parque forestal e dous miradores, así como a sinalización e protección do entorno dos petroglifos.
O director xeral quixo coñecer in situ o lugar das obras e para iso reuniuse con representantes da Comunidade de Montes de Santa María, da Asociación Cultural Val do Cereixo e da Asociación de Veciños que veñen amosando grande interese no proxecto de posta en valor deste enclave.
Acompañou ao director Xeral Sandra González, candidata do BNG á Alcaldía de Tomiño quen sinalou a importancia do investimento “ para poñer en valor o patrimonio de todos”. Segundo a candidata “o BNG no Concello tiña reclamado dende hai tempo esta interveción e supón unha boa noiticia para Tomiño que o ecoparque sexa un proxecto en breve xa que servirá para coñecer o valor incalculable do que temos máis cerca e promocionar o turismo cultural no concello, que é un valor no que temos que investir.”
A visita estivo acompañada por un arqueólogo que significou a importancia dos petroglifos do Monte Tetón, sinalando que se trata dunha das superficies prehistóricas gravadas de maior tamaño que se coñece no continente europeo.
___________________________________________________________________
Tomiño 29 de xaneiro
A delegada de industria, Montserrat Prado, reuniuse coa directiva de ADETO, comerciantes e empresarios de Tomiño
Convidada polo BNG local de Tomiño Montserrat Prado explicou as políticas da consellería nacionalista e interesouse polos problemas concretos dos comerciantes e empresarios de Tomiño.
Tomiño 29 de xaneiro de 2006.- Seguindo cos encontros que ven realizando o BNG de Tomiño entre distintos colectivos do concello e responsables do goberno galego, este luns 29 de xaneiro reuniuse a Delegada da Consellería de Innovación e Industria cos comerciantes e empresarios de Tomiño.
A delegada explicou de primeira man cales son as actuacións que se están a levar en materia de comercio: lexislación, liñas de axuda directa ao sector e ás asociacións, similar a que recibiu en 2006 ADETO, ou a mellora dos espazos de venta de productos tradicionais como son as prazas de abastos. Neste caso a praza de abastos de Goián tamén recibiu unha axuda da Consellería de Innovación e Industria para o seu arranxo.
Montserrat Prado resaltou a importancia do asociacionismo entre os pequenos comerciantes, que estean unidos para reivindicar os seus dereitos e o valor que ten o sector tanto a nível produtivo, que supón un 13% do PIB a nivel galego, como a nivel estratéxico porque axuda a asentar a poboación no medio rural, da emprego a mulleres e xente nova e cohesiona a sociedade.
Os representantes dos comerciantes amosaron a súa preocupación por problemas como as grandes áreas comerciais, o aparcamento ou os centros comerciais abertos.
Pola súa banda a concelleira e candidata do BNG á Alcaldía Sandra González referiuse ao urbanismo comercial que deben ter concellos como Tomiño, e como dende as instancias locais se debe fomentar que a xente se quede a mercar no concello facendo uns planeamento axeitado, que faga agradable mercar no comercio de proximidade. ___________________________________________________________________
Tomiño 28 de febreiro
Aprobada por unanimidade unha moción do BNG para impulsar programas de igualdade
A moción foi proposta pola concelleira Sandra González co gallo da 8 de marzo “Día Internacional das mulleres”
Tomiño 28 de febreiro de 2007.- O Pleno do concello de Tomiño aprobou por unanimidade o pasado sábado unha serie de acordos que van encamiñados a impulsar programas e accións de igualdade entre mulleres e homes.
Segundo a concelleira Sandra González e candidata á Alcaldía polo BNG, “trátase dun feito importante porque os catro grupos políticos se puxeron dacordo na necesidade de promover programas específicos para a muller, entre os que se inclúen programas de promoción da saúde, fomento da educación non sexista ou marcarse o obxectivo de que equilibrar nos órganos de xestión a presenza de mulleres e homes.”
Segundo a intervención da candidata no pleno “é preciso facer unha aposta decidida pola concellalía da muller e deixar de facer simplemente actividades simbólicas do estilo de concursos de redacción, ou cursos de cociña para homes” A igualdade requiere de programas específicos e dunha aposta decidida para implementar políticas que incorporen a perspectiva de xénero en áreas fundamentais como a saúde e a educación.
Na moción tamén se incluía un apartado que inclúe a recuperación da Historia das Mulleres, para actuar localmente na súa recuperación. Neste sentido a concelleira nacionalista tivo unha especial lembranza para mulleres como Isaura Gómez, de Figueiró, muller que loitou a prol da libertade e da democracia e que tivo unha importancia fundamental na historia do Baixo Miño ou Josefa García Segret, mestra de Forcadela represaliada polo franquismo e autora do libro “Abajo las dictaduras”.
___________________________________________________________________
Tomiño 19 de decembro
O director xeral de montes reúnese en tomiño con directivas de comunidades de montes e veciños.
O acto, organizado polo BNG de Tomiño, contou coa asistencia de perto de setenta persoas que pertencían maiormente ás directivas das comunidades de montes.
Tomiño 19 de decembro de 2006.- O acto tivo lugar a fin de semana no Centro Social de Tebra e contou coa presenza do Director Xeral de Montes, Alberte Blanco e Xosé A. Pereira Presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes.
A nível de financiamento anunciou un aumento do 40% no orzamento da Dirección Xeral o que supón unha apostadecidida do goberno galego polo sector forestal como estratéxico para o páis e así mesmo anunciou a promulgación da próxima Lei de Montes no primeiro trimestre de 2007
Pola súa banda Sandra González, candidata do BNG á alcaldía de Tomiño, resaltou a importancia do monte para as parroquias como parte fundamental da súa riqueza e do seu patrimonio, e afirmou que non pode seguir dándose a paradoxa de que as comunidades teñan que facer todo aquilo a donde non chega o concello. “É desexable que haxa cooperación entre o concello e as comunidades, pero dende a igualdade, é decir que cando a comunidade de montes faga algo que é competencia municipal as parroquias deben obter a cambio algún tipo de compensación en forma de outros servizos.” Segundo a candidata, “a xestión e administración do monte pertence aos comuneiros e ás súas directivas, pero dende o ámbito local é preciso coordinar coas comunidades accións encamiñadas a poñer en valor o monte como rotas turísticas, paisaxísticas, que ademáis sirvan de dinamizador turístico facendo ver a veciños e visitantes a relevancia que ten para o noso concello o medio natural”.
___________________________________________________________________
Tomiño 22 de novembro.
Vicepresidencia subvencionará a reposición de parques infantís en Tomiño froito dunha recente liña de colaboración cos concellos
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego en Tomiño felicita ao concello e vicepresidencia por esta colaboración e pide que se revise a participación en outros convenios.
Tomiño 22 de novembro.- O convenio de colaboración entre o Concello de Tomiño e a Vicepresidencia da Xunta rexentada polo nacionalista Anxo Quintana suporá un investimento de sete mil cincocentos euros para o acondicionamento de parques infantís en Tomiño.
O Convenio pertence ao Plan Galecer 2007-2008, unha iniciativa que ten como obxectivo favorecer o dereito ao xogo ao lecer e ao tempo libre da infancia en Galiza poñendo especial atención nos concellos rurais e con importante dispersión poboacional.
Segundo Sandra González, candidata do BNG á aldaldía de Tomiño “esta era unha demanda de pais e nais, xa que algúns parques infantís do concello estaban en condicións lamentables. Agora sería desexable que no núcleo urbano de Tomiño se acompañara isto do acondicionamento dunha zona verde para desfrute de todos, pequenos e maiores. De feito en Tomiño os nenos do Seixo xogan ao balón diante do concello, nun espazo que resulta perigoso por estar moi cerca de carreteras que o circundan.” Para o grupo municipal nacionalista non se comprende que un concello coas previsións de crecemento do tomiñés non teña contemplado no seu Plan Xeral suficientes zonas verdes e de lecer nos núcleos urbanos.
Segundo a concelleira nacionalista non se pode comprender como non se incorpora Tomiño ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que podería traer entre outros beneficios unha segunda gardería ou un Centro de Día para os noso maiores, tan necesarios en Tomiño. Nestes dous casos o Concello simplemente tería que ofrecer o local e vicepresidencia se encarga do resto “realmente resula difícil de explicarlle aos veciños por que non temos estas ventaxas en Tomiño cando hai máis de cento vinte concellos en Galiza que xa o asinaron, sería lamentable que por cuestións partidistas estemos a privar aos veciños e veciñas de servizos aos que teñen dereito e que as familias que se ven na necesidade de deixar os maiores nun centro de día teñan que facelo pagando”.



