MITIN CAMBADOS
Maio 17, 2007 8:35 pm Sen clasificar
Onte foi o mitin central da Campaña en Cambados. Conseguimos encher de novo o auditorio da Xuventude a pesar de que había futbol e estaba moi bo día. Acompañoume toda a candidatura e o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, que resaltou a importancia histórica de que os galegos e galegas co noso voto contribuamos a facer un auténtico cambio nos concellos e en todo o país, acabando co goberno do PP nos concellos e na Deputación.
Montse Prado, delegada da Consellería de Industria e candidata, fixo unha intervención apaixoada na que deixou claro que non se pode confiar no PP nin en Cores Tourís porque levan anos enganando á cidadania, endebedaron o concello, non pagan aos acreedores nin resolven os problemas graves que ten Cambados.
Na miña intervención destaquei a importancia de votar polo proxecto do BNG, que eu lidero, para rematar coa mala herencia que deixa o PP, os cheiros, a política de enfrontamento permanente, o enchufismo, a busca de beneficio persoal… Fronte a todo eso eu ofrezo transparencia, honradez e dedicación ao traballo e, sobre todo, un proxecto para facer avanzar a Cambados.
E non esquezamos que co noso voto no Salnés podemos botar ao PP da deputación.
