DENEGACIÓN DO AUDITORIO DA XUVENTUDE AO CONCERTO DE TINO BAZ
Abril 26, 2008 10:17 pm Sen clasificarA actuación, organizada polos libreiros de Cambados, na que Tino Baz presentaba o seu primeiro traballo discográfico, estaba prevista para o 25 de abril no Auditorio da Xuventude pero, finalmente, tivo lugar en Exposalnés xa que a utilización do auditorio foi denegada para dito acto.
A razón argumentada para esta denegación pola concelleira de cultura, foi que a actuación coincidía cun acto previamente concertado. Efectivamente, onte “improvisouse” un acto no Auditorio da Xuventude, consistente nunha proxección para os alumnos do Conservatorio Municipal.
Poucas cousas cambiaron no Concello de Cambados nos últimos vinte anos no eido cultural. Si, hai máis actos culturais e, en ocasións, como gran novidade somos invitados e, por certo, asistimos e o agradecemos a invitación. Pero as formas seguen a ser as de sempre, de xeito que segue a ser moi difícil facer cultura en Cambados se previamente necesitas da axuda do Concello. Aquí só se promociona unha cultura; a cultura oficialista, a cultura que non necesita de ninguén excepto para colaborar enchendo as cadeiras do público, é dicir, a súa cultura.
O excelente acto da noite do venres en Exposalnés, no que un tenro Tino Baz foi capaz de conmovernos a todos os presentes coa súa palabra e as súas cancións, non pode estar por detrás dunha improvisada proxección no Auditorio. Para promocionar a cultura o primeiro que se debe facer é apoiar aos que verdadeiramente queren facer cultura en Cambados e non pensar sempre en acaparar o protagonismo. A participación veciñal é unha das eivas dos consecutivos gobernos municipais do PP en Cambados, de xeito que aquí non se mova nada que eles non controlen. Pois a cultura non se pode controlar, pero si empobrecer que é o que se consegue con comportamentos como o apuntado nesta ocasión.
Resulta difícil entender porque se lle poñen trabas á organización dunha actuación cultural como esta, pero de ser certo que nos atopamos ante un “acto de censura” como apuntaron os organizadores, o salto ao pasado neste concello sería tan grande que tal decisión só merecería a dimisión de quen a tomou ou a secundou.
