O CIM
Maio 1, 2008 10:15 pm Sen clasificarO mércores 30 de abril o Alcalde de Cambados presentaba o calendario de actividades que desenvolverá o CIM (Centro de Información da Muller) durante o próximo semestre. Durante a presentación, Tourís lamentaba “a baixada de subvención da Xunta” o que implicaría que “o Concello teña que facer máis inversións que outros anos”.
O BNG sempre defendeu que o CIM e os demais servizos sociais son imprescindibles en todos os concellos e que deben estar en funcionamento durante todo o ano.
Dos 315 concellos galegos, actualmente 244 están integrados no Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar que é o modelo para unha xestión moderna e innovadora dos servizos sociais, e que propón unha xestión conxunta destes servizos entre a Vicepresidencia da Xunta e os Concellos.
Na anterior lexislatura, o BNG propuxo que o concello de Cambados pasara a formar parte do Consorcio porque, entre outras moitas vantaxes, a adhesión supoñía a seguridade na sostibilidade financieira xa que se conta cun orzamento plurianual para asegurar o funcionamento dos servizos sociais a longo prazo, aportándolle deste xeito da estabilidade que carecía.
A continua adhesión de concellos ao Consorcio desde a súa constitución, hai case que tres anos, é un sinal indicativo das vantaxes que supón para o bo funcionamento dos servizos sociais; e de seguir a adhesión de concellos a este ritmo pronto serán 314 dos 315 concellos os que formen parte del, pois o de Cambados seguirá a esperar polas subvencións.
