4 Maio, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
A PISCIFACTORIA DE TRAGOVE
A construcción dunha planta de engorde de rodaballo no porto de Tragove creou unha certa preocupación no sector marisqueiro de Cambados, pola posible repercusión que esta podería ter sobre os bancos marisqueiros próximos ao lugar da súa ubicación. Como consecuencia o grupo municipal do BNG trasladou unha serie de preguntas ao pleno do concello sobre o estudio de impacto ambiental presentado e sobre o permiso do Concello para a súa construcción. Así mesmo solicitóuselle ao parlamentario do BNG , Bieito Lobeira, que preguntara no Parlamento Galego sobre as medidas que esta empresa adoptaría para impedir os posibles impactos contaminantes sobre os bancos marisqueiros do litoral cambadés.
A contestación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos á pregunta formulada por Bieito Lobeira tenta aclarar o tratamento que se lle dará tanto as augas residuais industrias como as augas residuais fecais da planta de engorde, así como cales serán as medidas utilizadas durante a construcción do recheo para evitar o impacto sobre os bancos marisqueiros próximos.
A Consellería contesta que as augas residuais industriais procedentes do proceso de producción pasarán por un primeiro tratamento de decantación para a precipitación de sólidos (lodos) e as augas serán conducidas por un desaugadoiro de 430 m de lonxitude. A empresa ten a obriga de acudir a un xestor autorizado de lodos, non podendo depositalos en zonas onde poidan contaminar augas. Ademais o sistema de tratamento proposto para estas augas debe garantir o cumprimento dos obxectivos de calidade das augas establecidos na lexislación vixente.
Con respecto as augas procedentes da limpeza das instalacións, aclárase que se valorará o desvío destas á rede de saneamento municipal ao igual que se prevé para as augas fecais.
Nos informes non se reflicte afección ningunha co banco marisqueiro do Saco de Fefiñáns, e aclárase que se modificará a ubicación do efluente de saída da planta segundo o acordo entre a empresa e a Confraría. A empresa levará a cabo un Programa de Vixilancia e Control e os resultados obtidos recolleranse nun informe anual que deberá ser remitido á Administración competente.
No BNG cremos imprescindible que se asegure que as augas de limpeza vaian á rede de saneamento e non ao mar, así como que cómpre que a Administración sexa estricta e esixente no control das augas emitidas pola empresa para evitar calquera repercusión negativa sobre os bancos marisqueiros próximos.
1 Maio, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
O mércores 30 de abril o Alcalde de Cambados presentaba o calendario de actividades que desenvolverá o CIM (Centro de Información da Muller) durante o próximo semestre. Durante a presentación, Tourís lamentaba “a baixada de subvención da Xunta” o que implicaría que “o Concello teña que facer máis inversións que outros anos”.
O BNG sempre defendeu que o CIM e os demais servizos sociais son imprescindibles en todos os concellos e que deben estar en funcionamento durante todo o ano.
Dos 315 concellos galegos, actualmente 244 están integrados no Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar que é o modelo para unha xestión moderna e innovadora dos servizos sociais, e que propón unha xestión conxunta destes servizos entre a Vicepresidencia da Xunta e os Concellos.
Na anterior lexislatura, o BNG propuxo que o concello de Cambados pasara a formar parte do Consorcio porque, entre outras moitas vantaxes, a adhesión supoñía a seguridade na sostibilidade financieira xa que se conta cun orzamento plurianual para asegurar o funcionamento dos servizos sociais a longo prazo, aportándolle deste xeito da estabilidade que carecía.
A continua adhesión de concellos ao Consorcio desde a súa constitución, hai case que tres anos, é un sinal indicativo das vantaxes que supón para o bo funcionamento dos servizos sociais; e de seguir a adhesión de concellos a este ritmo pronto serán 314 dos 315 concellos os que formen parte del, pois o de Cambados seguirá a esperar polas subvencións.
26 Abril, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
A actuación, organizada polos libreiros de Cambados, na que Tino Baz presentaba o seu primeiro traballo discográfico, estaba prevista para o 25 de abril no Auditorio da Xuventude pero, finalmente, tivo lugar en Exposalnés xa que a utilización do auditorio foi denegada para dito acto.
A razón argumentada para esta denegación pola concelleira de cultura, foi que a actuación coincidía cun acto previamente concertado. Efectivamente, onte “improvisouse” un acto no Auditorio da Xuventude, consistente nunha proxección para os alumnos do Conservatorio Municipal.
Poucas cousas cambiaron no Concello de Cambados nos últimos vinte anos no eido cultural. Si, hai máis actos culturais e, en ocasións, como gran novidade somos invitados e, por certo, asistimos e o agradecemos a invitación. Pero as formas seguen a ser as de sempre, de xeito que segue a ser moi difícil facer cultura en Cambados se previamente necesitas da axuda do Concello. Aquí só se promociona unha cultura; a cultura oficialista, a cultura que non necesita de ninguén excepto para colaborar enchendo as cadeiras do público, é dicir, a súa cultura.
O excelente acto da noite do venres en Exposalnés, no que un tenro Tino Baz foi capaz de conmovernos a todos os presentes coa súa palabra e as súas cancións, non pode estar por detrás dunha improvisada proxección no Auditorio. Para promocionar a cultura o primeiro que se debe facer é apoiar aos que verdadeiramente queren facer cultura en Cambados e non pensar sempre en acaparar o protagonismo. A participación veciñal é unha das eivas dos consecutivos gobernos municipais do PP en Cambados, de xeito que aquí non se mova nada que eles non controlen. Pois a cultura non se pode controlar, pero si empobrecer que é o que se consegue con comportamentos como o apuntado nesta ocasión.
Resulta difícil entender porque se lle poñen trabas á organización dunha actuación cultural como esta, pero de ser certo que nos atopamos ante un “acto de censura” como apuntaron os organizadores, o salto ao pasado neste concello sería tan grande que tal decisión só merecería a dimisión de quen a tomou ou a secundou.
14 Abril, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
Recoñecemos que non resulta doado cumprir os prazos que estipula a lei, presentar os orzamentos antes do 31 de decembro, pero lamentamos que este ano se retrase a súa presentación máis do habitual e se pase do mes de febreiro a abril. Non sabemos se a razón deste retraso pode ser a dificultade para cadrar determinadas partidas ou para cadrar os gastos e os ingresos, pero por outra banda, unha vez que hai que contar co habitual retraso, non é xusto entregarlle aos grupos municipais da oposición un documento de 354 páxinas con 5 días de prazo para a súa análise (se resulta complexa a súa elaboración, tamén resulta complexa a súa análise).[…]
14 Abril, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
Víctor Caamaño Rivas, con DNI nº 35437835X, portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello de Cambados,
EXPÓN: que no Pleno Extraordinario do 9 de novembro de 2007 aprobouse por unanimidade unha moción presentada polo PP sobre a celebración do ANO CABANILLAS 2009; en dita moción incluíuse a seguinte enmenda presentada polo grupo municipal do BNG:
Punto 2º da moción.-
- Crear unha Comisión Organizadora dos actos do Ano Cabanillas 2009 que recolla as propostas dos diferentes sectores. Estaría integrada por Institucións Académicas (universidades, centros de ensino), Políticas (Comisión Informativa de Cultura, Xuventude e Deportes, Consellerías, Deputación), Culturais (Asociacións culturais, de ensinantes), Sociais (Asociacións de veciños, Confraría) e representantes da Familia Cabanillas.
- A execución dos actos propostos por esta Comisión recaería na Comisión Informativa de Cultura, Xuventude e Deportes.
A diversidade de sectores que formarían esta Comisión aseguraría unha gran variedade e riqueza de propostas culturais a realizar no 2009 ao redor da figura de Cabanillas e ademais implicaría a un gran número de cambadeses na participación en ditos actos, co cal o éxito deste evento estaría asegurado.
Cómpre darse presa na constitución da Comisión, pois xa estamos no mes de abril e a elaboración e programación dos actos necesitan un tempo de antelación suficiente para evitar presas a última hora.
SOLICITA: que se constitúa canto antes a Comisión Organizadora dos actos culturais a celebrar no Ano Cabanillas 2009.
En Cambados a 7 de abril de 2008
Asinado: Víctor Caamaño Rivas
SR. ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE CAMBADOS
23 Maio, 2007
Sen clasificar
Non hai comentarios

Hoxe tivemos a visita do Conselleiro de Industria, Fernando Blanco acompañado da Delegada Montserrat Prado e xunto cos membros da candidatura fixemos unha visita á praza de abastos e repartimos propaganda.
Máis tarde, no parador, tivemos un encontro con empresarios, comerciantes, hosteleiros, autónomos, empresas turísticas… para explicarlles as propostas do BNG para os diferentes sectores económicos os proxectos da Consellería de Innovación e Industria para o sector do comercio e promover o turismo en Cambados
e no Salnés.
21 Maio, 2007
Sen clasificar
Non hai comentarios

Hoxe pola tarde fixemos unha presentación na Praza de Fefiñáns xunto coa Conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas e os Delegados de Industria e Vivenda.
Un proxecto moi ambicioso e pioneiro en Galiza no que se implican as consellerías de Vivenda, Innovación e Industria e Cultura para tentar converter a praza de Fefiñáns nun espazo peonil aberto para a convivencia e o disfrute das persoas de Cambados e dos turistas que nos visitan.
Inclúe un convenio cos propietarios do Pazo para a súa rehabilitación a cambio de adicar algúns espazos para oficina turística, aula de rehabilitación e zonas de visita. Tamén se pretende restaurar a escaleira central de acceso á igrexa de Fefiñáns. A aula de rehabilitación pode converterse nun referente para a recuperación de oficios relacionados coa construción tradicional e para formar a persoas de Cambados e doutros lugares. Para o BNG de Cambados esta é unha actuación que vai favorecer o turismo e comercio e atraer máis visitantes a Cambados, xa que a Praza de Fefiñáns, en palabras da conselleira “é un dos espazos urbáns de maior calidade de Galiza”.
Todo isto implica, por suposto, cortar o tráfico, cousa que farei en canto sexa alcalde.
17 Maio, 2007
Sen clasificar
Non hai comentarios
Hoxe tivemos un acto moi emotivo para celebrar o Día das Letras Galegas, tal como ven facendo o BNG desde hai anos, cunha ofrenda floral no monumento de Cabanillas. Os membros da candidatura leron anacos dalgúns dos poemas de cabanillas máis representativos: O carro, O Galo Negro, A Fouce Esquecida… Na miña intervención resaltei a importancia de defender no día a día a nosa cultura e a nosa lingua, en todo tipo de actividades e situacións e de promovelo tmaén desde institucións como os concellos.
17 Maio, 2007
Sen clasificar
Non hai comentarios

Onte foi o mitin central da Campaña en Cambados. Conseguimos encher de novo o auditorio da Xuventude a pesar de que había futbol e estaba moi bo día. Acompañoume toda a candidatura e o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, que resaltou a importancia histórica de que os galegos e galegas co noso voto contribuamos a facer un auténtico cambio nos concellos e en todo o país, acabando co goberno do PP nos concellos e na Deputación.
Montse Prado, delegada da Consellería de Industria e candidata, fixo unha intervención apaixoada na que deixou claro que non se pode confiar no PP nin en Cores Tourís porque levan anos enganando á cidadania, endebedaron o concello, non pagan aos acreedores nin resolven os problemas graves que ten Cambados.
Na miña intervención destaquei a importancia de votar polo proxecto do BNG, que eu lidero, para rematar coa mala herencia que deixa o PP, os cheiros, a política de enfrontamento permanente, o enchufismo, a busca de beneficio persoal… Fronte a todo eso eu ofrezo transparencia, honradez e dedicación ao traballo e, sobre todo, un proxecto para facer avanzar a Cambados.
E non esquezamos que co noso voto no Salnés podemos botar ao PP da deputación.
11 Maio, 2007
Sen clasificar
Non hai comentarios

Esta noite fun pegar o primeiro cartel. Carteis xa apegara outras veces. Pero este foi especial. Esta foi a primeira vez que apeguei un cartel coa miña foto… e da un certo aquel…¡Xa está!
Xa estou aquí, mirando a todos e para que todos me miren, agardando trasmitirlles a confianza en min, na nosa candidatura e no proxecto do BNG.
« Entradas anteriores