Propostas

A NECESIDADE DUN NOVO PLAN XERAL.

O BNG  ven demostrando dende fai tempo que o progreso  dos  pobos e  polo tanto de Galiza é un dos obxectivos principais nos que se fundamenta a súa política. Queremos que o crecemento das vilas se faga con sentido, orden e de xeito racional, pensando no presente  e no futuro, de forma que o interese individual sexa compatible co colectivo. Así como para realizar un bo edificio compre un bo proxecto, si queremos ter un bo pobo deberiamos dispor dun  Plan Xeral de calidade,  feito por un equipo de garantía e probada experiencia. Un plan que serva de referencia para as futuras construcións que vaian configurando o noso contorno, sobre todo pensando no uso e goce das persoas. Isto so se acadará a través do uso racional do solo dacordo coas necesidades colectivas,  presentes e futuras, e no marco da ordenación do territorio. Asegurando no medio urbano a suficiencia e funcionalidade dos espazos,   equipamentos, infraestructuras e servizos e unha distribución territorial razoable que permita o desenvolvemento  harmónico efectivo das dimensións da vida humana relativas á residencia e ao ben estar social.Combatendo a especulación do solo, regulando o mercado inmobiliario e as demandas de vivenda social e outros usos de interese público, dacordo coas características do municipio e coas necesidades da poboación.Deste xeito rematariamos coa actual improvisación do PP en Cambados, onde se  construíron edificacións públicas en lugares inaxeitados, onde se foi estragando a fachada marítima e as posibilidades de aparcamento, construíndose rúas raquíticas ou cegas,  etc.Cambados non pode permitirse isto, ten que rematar con este tipo de accións  cambiando os seus xestores, e así permitir que se afronte con novas directrices,  máis acordes coa realidade actual, a redacción dun novo Plan Xeral e Plan Especial de protección do casco histórico ou tamén terá que sumar o caos urbanístico ó caos financeiro das arcas municipais.

A FUNDACIÓN “RAMÓN CABANILLAS” SERÁ UNHA REALIDADE 
 

victor-bara-14-3-07-5.gif 

Aínda que poida parecer o contrario, a figura e a obra de Ramón Cabanillas non son moi coñecidas en Cambados. É por iso que son moitos os cambadeses e cambadesas que opinan que debería existir un organismo que dese a coñecer e divulgar tanto a súa obra como a súa dimensión humana, como personaxe que foi fundamental non só na vida literaria da primeira metade do século XX, senón tamén nos distintos movementos sociais e políticos que se desenvolveron en Cambados e en Galiza nas primeiras décadas.Nunha recente homenaxe que se lle fixo en Cambados ao noso poeta, no pasado mes de decembro, o cambadés Francisco Fernández Rei, membro da  Academia Galega, expoñía publicamente por primeira vez a necesidade da creación dunha Fundación sobre Ramón Cabanillas.O BNG, facéndose eco deste sentir existente no seo de amplos sectores da sociedade cambadesa, levará no seu programa para as vindeiras eleccións municipais a creación da Fundación Ramón Cabanillas, así como a celebración do Ano Cabanillas no 2009, 50 aniversario da súa morte.De todos os xeitos, o BNG non vai esperar a estar no goberno municipal para levar adiante esta idea e xa iniciou unha serie de contactos e xestións para conseguir o apoio de persoas e institucións. Así, o pasado día 14, o candidato do BNG á Alcaldía de Cambados, Víctor Caamaño, mantivo unha entrevista co Director Xeral de Creación e Difusión Cultural, Lois Bará, ao que lle plantexou a posibilidade de crear a Fundación Ramón Cabanillas. Por parte do Director Xeral ofreceuse todo o apoio preciso da Consellería de Cultura para a posta en marcha dun proxecto que, en palabras do Director Xeral “é moi importante non só para Cambados, senón para Galiza e a consellería do BNG está disposta a desenvolver todos os aspectos da súa figura”. Falouse de varios temas relacionados co funcionamento, como a participación de particulares, Concello, Xunta, Universidade…; o contar cunha sede; a realización de actos, cursos, investigacións…; a divulgación e transmisión de información; etc. A creación da Fundación Ramón Cabanillas estamos certos de que vai contribuir decisivamente a un maior coñecemento dunha das obras literarias máis importante dos últimos tempos; así como tamén nos aproximará ao Cabanillas republicano, anticaciquil e galegista, que exerceu de conciencia crítica dun sistema que, ás veces, dá a impresión de non ter cambiado moito.

O FUTURO DOS SERVIZOS SOCIAIS EN CAMBADOS

victor-vicepresidencia-4.gif 

O futuro dos servizos sociais, no noso concello, pasa porque o goberno municipal de Cambados solicite o ingreso no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, integrado pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia e, actualmente, por 165 concellos galegos, é a fórmula xurídica máis axeitada para unha xestión moderna e innovadora dos servizos sociais.É o ente que dá cobertura para que, tanto a Vicepresidencia da Xunta coma os concellos integrados, acheguen o financiamento preciso e acordado. Deste xeito garántese que cada proxecto conte cun orzamento plurianual e asegúrase a súa sostibilidade financieira e a estabilidade no funcionamento, garantindo a prestación de servizos de calidade con niveis suficientes de cobertura, fronte á incertidume e inestabilidade que dá o non ter a certeza de se o servizo vai contar ou non con subvención.No Pleno da Corporación de Cambados, de data 27/10/06, o grupo municipal do BNG presentou unha moción para que o Concello de Cambados tomase o acordo de ingresar no Consorcio. O PP de Cambados votou en contra e non quixo saber nada do Consorcio. Un par de meses despois, dous concellos da comarca gobernados polo PP (Vilanova de Arousa e O Grove) solicitaban o seu ingreso. Aos poucos días Vicepresidencia anunciaba a creación dun centro de día en cada un  destes concellos.Dende o BNG apostamos por facer as cousas con base real. O primeiro é ingresar no Consorcio, darlle estabilidade e continuidade aos servizos que actualmente existen (servizos sociais, axuda á familia, centro de información á muller, gardería…), e despois solicitar a creación dun centro de día. Este podería ubicarse nun edificio de nova construción, aportando o concello de Cambados terreos; ou tamén  podería habilitarse un dos múltiples edificios do patrimonio municipal. O camiño a seguir no Consorcio levaríanos, posteriormente, a formar parte da rede de galescolas (garderías de 0 a 3 anos) creando, ademais, unha nova galescola para os nenos e nenas dos traballadores e traballadoras do Polígono Industrial e, no futuro, mellorar os servizos sociais de Cambados cunha ludoteca, así como plantexarse o chegar a formar parte da rede de kanguras/os que, proximamente, porá en marcha a Vicepresidencia da Xunta.Os servizos sociais públicos son un dereito e o Consorcio é o órgano que regula a súa xestión e o seu financiamento, garantindo a igualdade de oportunidades e a calidade destes servizos.