ORZAMENTOS 2008

 

Recoñecemos que non resulta doado cumprir os prazos que estipula a lei, presentar os orzamentos antes do 31 de decembro, pero lamentamos que este ano se retrase a súa presentación máis do habitual e se pase do mes de febreiro a abril. Non sabemos se a razón deste retraso pode ser a dificultade para cadrar determinadas partidas ou para cadrar os gastos e os ingresos, pero por outra banda, unha vez que hai que contar co habitual retraso, non é xusto entregarlle aos grupos municipais da oposición un documento de 354 páxinas con 5 días de prazo para a súa análise (se resulta complexa a súa elaboración, tamén resulta complexa a súa análise).

 

Estes son uns orzamentos continuístas, que no caso do Concello de Cambados isto non é precisamente un eloxio xa que veñen arrastrando un déficit e que tamén podemos considerar de continuísta. Son unha copia dos anteriores a non ser por unha operación de crédito da que pronto faremos mención.

 

Ademais son uns orzamentos lastrados pola mala xestión económica  de anos anteriores, o que implicou que no ano 2007 fora imprescindible a implantación dun PLAN DE SANEAMENTO ECONÓMICO FINANCIEIRO, logo de repetidos informes negativos da intervención municipal instando a tomar esta medida. Tras a aprobación de dito Plan (22-02-07) que tiña como finalidade equilibrar os desaxustes orzamentarios e como medida de corrección propoñía adquirir o compromiso de non aumentar a carga financieira, e dicir, non acudir a operacións de crédito durante exercicios 2007 e 2008 (intervención di textualmente sobre esta medida:“imprescindible para sanear a situación económica do concello”), e como vemos no orzamento 2008, esto non se está a cumprir, demostrando unha vez máis a falta de seriedade e responsabilidade na planificación e xestión económica deste concello.

 

Tras a análise do documento e do informe da interventora, nel contido, que con bo criterio aconsella non continuar con operacións de crédito mentres a situación non sexa favorable (compartimos a opinión da interventora de que a situación económica do Concello é mala); a interventora di textualmente: “o principio de prudencia aconsellaría pospoñer a decisión de adopción de novas operacións de crédito ata o momento no que se produza o saneamento real e efectivo do remanente de tesourería negativo” (Non é favorable a situación económica dun concello que este ano parte cun déficit de tesourería de – 1.410.951 euros; isto quere dicir que se ven gastando máis do que se ingresa e calquera cidadán ou familia sabe que unha situación así non pode ser  sostible durante moito tempo; o volume de débeda do 37´39% pasará a ser do 59´43 % ao considerar o importe da operación proxectada)

 

Na operación de préstamo do FOMIT (Fondo Financieiro do Estado para a Modernización das Infraestructuras Turísticas ), na que o Concello  solicita e se lle conceden  4´2 millóns de euros, mais para evitar a previa autorización da Xunta de Galiza, rebaixase esa cantidade a 2´2 millóns. Aínda así, esta última cifra segue a ser unha cantidade desaconsellada pola interventora debido a o endebedamento actual do Concello, polo tanto é unha irresponsabilidade tomar esta decisión .

 

Con este orzamento non se cumpren as medidas propostas pola intervención para acadar o saneamento económico que se procuraba co Plan aprobado, polo grupo de goberno, o pasado ano.  A intervención municipal propón unha serie de medidas que como  demostraremos a continuación non se están a cumprir:

 

1º medida proposta pola intervención.  “rematar coa realización de calquera tipo de gasto  que careza de crédito orzamentario dispoñible, adecuado e suficiente”

Séguese coa política de comprometer gastos con cargo a partidas nas que non había consignación suficiente. Así, no Capítulo de Gastos figuran diversos apartados co encabezamento de  “Recoñecemento extraxudicial de facturas por...”, que supoñen  máis de 200.000 euros; o que indicaría que os cartos se gastan con moita alegría e que ademais non existe o concepto de planificación económica.

 

2ª medida proposta pola intervención. “supresión ou reducción daqueles gastos que sexan voluntarios e/ou non obrigatorios”

Apartado de Festexos (300.000 euros). Pódese e débese facer unha Festa do Albariño totalmente digna sen botar a casa pola ventá. E non pedimos supresión da partida pero si reducción, sobre todo porque ano tras ano o déficit creado pola organización deste evento aumenta aritmeticamente (aplicar algún criterio razoable para as invitacións ao Xantar).

Séguense a manter postos de traballo innecesarios (innecesaria a figura de asesor-xurídico: figura que non existe en concellos de categoría semellante aos de Cambados,- ¿como sobrevive o concello actualmente sen  asesor xurídico?// Dúas prazas para inspectores e dúas para oficiais da policía local son excesivas: un xefe de policía local con categoría de oficial non existe en concellos de similar categoría // Asesor de comunicación e auxiliar de comunicación: unha soa praza sería suficiente, un concello como o noso non ten porque ter un gabinete de comunicación // Múltiples auxiliares de museos para atender unha rede museística que está fora de lugar nun concello cos recursos económicos do noso // Numerosas prazas non fixas, aínda, destinadas a non se sabe que, de persoal  que desempeñará a función de interventores nas campañas electorais).

Xa non pedimos supresión, pero si polo menos unha reducción que axude en consecutivos orzamentos a paliar o déficit económico do concello.

Pero ademais vanse a reducir partidas que non se deben reducir; como é o caso do mantemento de centros escolares (partida que pasa de 40.000 no 2007 a 25.000 euros para o ano 2008) ou a dos fondos de emerxencia social (de 35.000 a 15.000 euros), partidas xa en si pequenas, aínda que moi necesarias, e que pouco poden solucionar o déficit económico deste concello; o que ven a demostrar a falta de criterio á hora de elaborar o orzamento.

 

3ª medida proposta pola intervención.  “A estricta planificación, control, seguemento e planificación de calquera gasto municipal, sendo necesario que”

 

3.1º “Se constitúa un órgano de control de gasto, previo á fase de autorización”

Hoxe solicitamos aquí a creación da Comisión de Seguemento e que se contemple nas bases de execución deste orzamento. Mesmo cremos que esta función o podería desempeñala a Comisión Informativa de Facenda e Patrimonio, que se reuniría periodicamente para controlar a marcha de execución e o grao de cumprimento dos obxectivos trazados no Plan de Saneamento 2007.

 

3.2º “A realización de contratos de subministros e servizos para a obtención de mellores prezos”

Esta medida ata o de agora non se está a realizar e non se contempla no orzamento 2008; de facelo poderíanse conseguir mellores prezos, por exemplo, en combustibles, materiais de construcción, de oficina, productos de limpeza...

 

3.3º “En definitiva, incorporar como medida fundamental o manter unha importante contención do gasto de funcionamento ou gasto ordinario”

E como argumentamos ata o de agora, esto non se está a facer.

 

O informe da interventora, na última páxina deste documento, remata dicindo: “O presente informe de incumprimento de obxectivo de estabilidade orzamentaria nos Orzamentos do 2008, deberá remitirse no prazo de 15 días hábiles desde o seu coñecemento polo pleno, á Dirección Xeral de Coordinación Financieira coas Entidades Locais”

 

Como conclusión diremos  que estes son uns orzamentos continuístas e lastrados polos de anos anteriores, que tamén foron malos pois levaron á tesourería do concello a un déficit económico.

A causa desta situación é a falta de planificación e a irresponsabilidade do goberno municipal á hora de xestionar os recursos económicos do concello. E tamén queremos salientar que, a parte de mal xestor, o concello de Cambados segue a ser un mal pagador, pero esto xa é unha tradición.

Con este orzamento á situación económica do concello só lle queda un camiño; o de ir a peor.

En definitiva este goberno municipal funciona como unha mala directiva dun club de fútbol que se endebeda para ter o mellor equipo, pero sen ter en conta a súa verdadeira capacidade económica, pensando que no futuro aparecerá unha federación deportiva amiga que o salve da bancarrota ou, no peor dos casos, abandonar o club e deixarlle o “paquete” á directiva entrante.