7 Agosto, 2008
Artigos
Non hai comentarios
Cambre, 7 de agosto de 2008.- Pois si, algo máis dun mes sen me poñer co blog e algunhas cousas están a cambiar en Cambre. A máis importante é que acadamos un acordo co Psoe , que goberna en minoría, para apoiar os orzamentos. Resúltame curioso como, producido o feito e anunciado publicamente, explicados ademais os contidos e alcance do acordo, o interese xornalístico está en se entraremos no goberno local. Non digo que a especulación sobre esa posibilidade non teña morbo, pero para min o máis importante é que se vaia a adquirir unha parcela para un novo colexio público. Francamente, ver a desesperación dunhas nais que se senten impotentes ao non poderen escolarizar aos seus fillos no colexio do barrio por falta de prazas, paréceme de máis interese que aventurar profecías sobre o goberno.
Levo varios días respondendo preguntas sobre iso. “Que non, que se trata de orzamentos, dos de 2008 e non é sen tempo, que do futuro falaremos cando chegue”.
Agardo, como os demais, acontecementos. Pero para min a maior expectativa cínguense a comprobarmos si este goberno socialista é capaz de cumprir cos acordos e xestionar uns orzamentos de consenso. Para iso, díxenllo ao Alcalde publicamente, poden contar con nós, co BNG. Para colaborar a que saian ben as cousas que lle interesan a xente, para que dentro de tres anos non teñamos que ver a outras nais desesperadas por non ter escola para os seus fillos. Para iso mantemos a nosa man tendida. Hai que comezar en setembro cos novos orzamentos, cos de 2009. Hai que falar de desatascar o documento do Plan Xeral, hai que falar da Galescola e do Centro de Día para os maiores.
Despois diso, queda moito tempo, falaremos do goberno.
Xabier Iglesias
23 Xuño, 2008
Sem categoria
Non hai comentarios
Cambre, 23 de xuño de 2008.- Acabamos de pasar uns días intensos, de moita actividade. A mágoa é que, unha vez máis, fora para poñernos ao lado dos que reivindican e reclaman. Que sexa necesario que os cidadáns sáian a reclamar por cousas que deberían estar solucionadas hai tempo dá que pensar. Conseguiremos algo, seguro, pero non deixa de ser un anacronismo que haxa que sair á rúa para reclamar que se arranxen unhas beirarrúas, nun dos barrios máis poboados de Cambre, en pleno paseo marítimo, que se supón que debe estar en “estado de revista”. Iso despois de levar case seis meses entre zanxas e entullos. Non se enteraría o Alcalde? Por se acaso ímosllo recordar no pleno desta semana. Tampouco os veciños están dispostos a esquecer e, teñen anunciado concentracións cada venres.
Isto foi o venres, pero é que o sábado volvimos a coincidir con moitos deles na Coruña, na manifestación pola “Recuperación da Ría”. Ao cabo tamén son ribeiráns e sinten a Ría o mesmo que as súas beirarrúas.
O da Ría “clama ao ceo” e, algúns dos que participaron nela son para unha antoloxía das paradoxas. Ver como seccións do PP -benvidas sexan, por certo- reclaman a limpeza da Ría despois de botar desde “sempre” á fronte da Xunta sen mover…un Euro para amañala ou, a algún Alcalde próximo re-convertido a ecoloxista despois de que a súa administración permitise vertidos continuados, que aínda seguen hoxe, é para se poñer a reflexionar. Pero, en fin, aínda tiñamos que ser moitos máis…
Hoxe é San Xoán. Despois de pasar polo necesario rito purificador do lume, de coller novos folgos e queimar o “vello”, é moito o traballo que nos espera. Nesta mesma semana comisións informativas e Pleno, onde seremos a voz de moitas das preocupacións dos nosos veciños e veciñas. Faremos o posíbel por conseguir solucións para a xente.
Ah¡, dos orzamentos de Cambre, nada aínda. Por se alguén o preguntaba. Estará o goberno ocupado coa organización da “lumeirada”? Falta lles facía -falta nos facía- que pasaran polo rito da purificación neste solsticio renovador¡
Xabier Iglesias
22 Xuño, 2008
Sem categoria
Non hai comentarios
Cambre, 20 de xuño de 2008.- Esta semana recibimos, no BNG de Cambre, un correo dunha veciña que nos encheu de desacougo. O de sempre, xente que queda sen acceso aos servizos de benestar que, a maioría, pensamos que xa son univerais. E son sete os cativos na mesma situación.
Imaxinen, no Temple (Cambre), con dous colexios públicos na parroquia onde vive, un deles fronte a súa casa, non consigue aula para o seu fillo. A solución, decidida pola delegación provincial de educación e polo Concello é envialo a un colexio, da parroquia máis lonxana, a Brexo, que non ten horarios adaptados nin servizos de conciliación (almorzos e comedor), que lle permitan, á nai que nos escribe, manter a súa actividade laboral. Tamén é mala sorte¡ Dos cinco colexios públicos de Cambre, mándannos ao único que non conta con estes servizos.
A estas alturas a ampliación do colexio que lles corresponde, o do Graxal, debería estar case acabando e, non comezou ainda. O Alcalde terá que explicar por que lle deu tantas voltas ás negociacións cos propietarios do tereeo, para acabar firmando un convenio urbanístico só beneficioso para eles. Por iso, por iniciativa do BNG, o Pleno de Cambre decidiu que non se edificará máis xunto ao colexio, que esas parcelas serán exclusivamente para uso público.
No día de hoxe, grazas ao esforzo realizado polo BNG na pasada lexislatura, en Cambre hai programas e servizos de conciliación para as familias, programas que axudan á igualdade real das mulleres. Froito deses investimentos, da negociación con outras institucións e da colaboración coas ANPAS, as nenas e nenos poden almorzar e xantar nos colexios. As familias téñenno un pouco mellor. Pero o problema son as prazas escolares, que non chegan. Curso tras curso hai que andar parcheando. Esíxese un esforzo de xestión, de imaxinación e de vontade. Polo que se ve, para este comezo de curso, no Graxal, non houbo nada diso.
No pleno da vindeira semana, o día 26, trataremos este asunto. Veremos que responde o actual responsábel municipal de educación.
Xabier Iglesias
19 Xuño, 2008
Artigos
Non hai comentarios
Cambre, 18 de xuño de 2008.- Non hai mellor maneira de aplacar as críticas e os desencontros que meter aos discrepantes a compartir a xestión das cousas que critican. Máis ben, facerlles crer que están a compartir a xestión. Na realidade trátase de lles facer perder o tempo con nimiedades e procedimentos, mentres os asuntos serios, as cousas que importan, van por outo lado.
Un exemplo: o Alcalde crea unha comisión informativa especial para a elaboración do PXOUM, só a reune cando desde a oposición nos poñemos “serios”. Cando a xunta, trae uns técnicos redactores a soltar rollos sen fin sobre legalismos e normativas. Cando se intenta ir ao concreto, ao grao, non pasamos de xeralidades e lugares comúns, e así…un ano despois (xa vai un ano), todo o que hai feito é o informe de impacto ambiental, por riba tivemos que corrixilo desde a oposición. Pois xa está ben¡
Pero, mentres, que ninguén se pense que o “urbanismo” está parado. O Alcalde se encarga de iniciar as tramitacións de planes sectoriais nos “solos aptos para urbanizar” pendentes. Separados da malla urbana, cun impacto medioambiental enorrme, cunhas propostas de densificación do territorio claramente inasumibeis polo crecemento de Cambre. E, o máis importante, sen nengún beneficio para os intereses xerais. Só contribuirá a densificar máis as estradas, a agravar os deficíts de prazas escolares e sanitarias e, a degradar máis o territorio.
Agardemos poder correxilo. Nós imos propoñelo.
Xabier Iglesias
17 Xuño, 2008
Artigos
Non hai comentarios
Cambre, 17 de xuño de 2008.- Retomo as comunicacións cun dos asuntos que presentaremos ao Pleno Ordinario do vindeiro 26 de xuño. Trátase da proposta de creación do Consello Municipal de Deportes.
Onte fixemos pública esta iniciativa e, hoxe, ven recollida en varios medios de comunicación da comarca. Por iso, ao longo da mañá recibín varias chamadas de persoas vinculadas a actividade deportiva no noso concello. Mesmo dalgún empresario do sector. Agradezo sinceiramente estas comunicacións porque fixeron que centrara mellor a nosa proposta. Precisamente por que non formularon parabéns sen máis, senón porque querían saber exactamente en que consistía e porque expresaban as dúbidas sobre a viabilidade da idea. E non era por lles parecer mal a proposta, ao contrario, maís ben era porque consideraban como prioritario saber cal é o camiño que leva o Deporte en Cambre, cara onde imos.
Non podo máis que sintonizar con esa preocupación. Son consciente que o que se nos pide, máis aló dun modelo de xestión, dun organismo novo, é unha orientación das políticas deportivas. Que o que pensa e propón o BNG disto?
Porque, hoxe por xoxe, non se pode dicir que non exista promoción do deporte en Cambre, que si existe. Ou que non haxa infraestrutura deportiva, que tamén. Ou, mesmo, que non se apoien determinadas especialidades, que se fai. O problema é que chegamos a un punto no que non se nota coerencia nas políticas deportivas, no que a inercia domina e as cousas se fan sen criterio.
É necesario poñer en valor todo ese esforzo humano e económico e tirarlle máis rédito social. Necesitamos unha sociedade máis saudábel, para nós e para os nosos fillos, tamén para os nosos maiores e, un órganismo como o que propoñemos pode ser o instrumento adecuado. Nel, podemos debatir, todas e todos os implicados o que e o como do deporte en Cambre. Podemos definir as liñas de actuación, podemos deseñar e perfilar os obxectivos, podemos opinar sobre a orientación e a xestión dos recursos. Tamén, porque non, para que a práctica deportiva poda supoñer unha fonte de riqueza, ser o sustento dunha actividade económica importante.
Nesta liña irán as nosas argumentacións no debate político en Pleno. Agardo da receptividade do resto dos grupos e, sobre todo, que o goberno saiba aproveitar as boas ideas e poñelas en marcha. Neste, como en tantos outros temas, falta nos fai.
Xabier Iglesias
Le a nota emitida polo BNG
3 Xuño, 2008
Artigos
Non hai comentarios
Cambre, 2 de xuño de 2008.- Hoxe tivemos unha reunión para tratar sobre a vía Ártabra, ou vía 13, do Plano viario comarcal. É unha longa historia da que , seguro, falarei en máis ocasións.
Hoxe tratábase de ter unha xuntanza dos grupos municipais coas asociacións de afectados constituídas en Cambre, como “previa” á Comisión Informativa de mañá e ao Pleno extraordinario do mércores.
Non quero ser especialmente duro na cualificación do sucedido, pero para calquera que a vivise, definila como patética non lle resultaría raro.
Outra vez, o Alcalde fai unha demostración de impotencia, de que ninguén o recoñece como interlocutor, de que cada vez está máis só e illado. De que, ademais, non trae proposta algunha.
Recoñece que a estas alturas –o día 8 remata o prazo para presentarmos alegación como concello- non falou aínda con ninguén da Consellaría de Política Territorial, que non lle “collen o teléfono”. Iso que son socialistas como el.
Amosa –non sei se será o peor- que non ten en absoluto preparado o asunto do que iamos falar. Que non coñece máis que algúns “lugares comúns”, o mesmos que a maioría dos habitantes da comarca poderían repetir. Non coñece as ideas, estratexias e puntos fortes dun proxecto metropolitano que el, como Alcalde, asinou no 1997.
Desde o BNG defendemos e defenderemos un bo proxecto para Cambre pero, tamén, para todos os nosos veciños e veciñas da comarca. O Plano Viario, como parte importante do sistema de accesibilidade da comarca, ten que botarse a andar. Só hai que traballar, ten que interesar.
Xabier Iglesias
31 Maio, 2008
Artigos
Non hai comentarios
Cambre, 31 de maio de 2008.- Xa o comentei onte, á voz de : “levántase a sesión”, volta á normalidade. E tal cal, hoxe o Alcalde xoga ao Dominó nese trofeo montado por el e que pagamos todos e, a concelleira de Medioambiente aparece na prensa anunciando a semana “Ecocambre-08”. Por fin oposición está calada e, sobre todo os do bloque, que pesados¡
Sería para sorrir se non fora porque a situación é esperpéntica. Aparéntase normalidade cando todo está por facer, simúlase interese polo medioambiente cando acaban de tolerar graves atentados contra o noso patrimonio.
Mentres un busca o seis dobre para abrir partida, a poucos metros acaba de consumarse a tala dun bosque mixto que bordea o espazo natural do encoro de Cecebre –nada menos que Rede Natura-. E sen licenza, e con orde de paralización, pero da igual. Hoxe trátase de sumar menos que o contrario e gañar o campionato, de cerrar antes que os contrarios. Iso é o que importa. Gañar tempo, en fin, até o próximo mes.
Xabier Iglesias
Recoméndovos esta colaboración da miña compañeira do grupo municipal, Laura Fernández http://www.blogoteca.com/bngdecambre/index.php?cod=40348
30 Maio, 2008
Artigos
Non hai comentarios

Cambre, 30 de maio de 2008.- Onte tivemos pleno, si, xa me refería a el na anterior entrada. Hoxe, diante do teclado, teño sensacións contraditorias. Que pasou realmente? Cales son as conclusións que poden tirar os asistentes? Realmente, de que serviu?
Unha nova demostración de debilidade e incapacidade dun goberno que non goberna. Unha vez máis, a constatación de que a quen o preside lle importan ben pouco as cousas que lle interesan a xente. De novo a comprobación que o único que perseguen este Alcalde e os seus é mantérense no poder, só por iso, sen importarlles soportar unha derrota en toda regra, sen arroibar tan sequera.
Non teñen a lexitimidade dos votos do Pleno pero é igual, coma sempre, parece que todo o seu problema é soportar a “insolencia” duns grupos da oposición que nos permitimos dicirlle á cara, unha vez ao mes, que non fai nada e que non goberna. Logo, coa famosa frase de “levántase á sesión”, aló pola media noite, despedímonos até o próximo mes. Mes, non que volverá a non se facer nada, no que continuarán as talas ilegais, no que volveremos a ler na prensa que os orzamentos virán para o mes (para o seguinte, claro, e será xullo).
Mentres, todo parado, e a culpa dos demais, probe Alcalde¡ ninguén o comprende¡ Até nos permitimos denunciar que o concelleiro de Facenda gaste fondos municipais en visitar as feiras de Camden Town e Portobello en Londres sen ter os orzamentos presentados, que desfachatez¡
Xabier Iglesias
29 Maio, 2008
Artigos
3 Comentarios
Cambre, 29 de maio de 2008.- É un día importante para o Concello. Temos Pleno Ordinario e, moitos son os asuntos que merecen reflexión e que debateremos á tardiña. Levo días traballando neles cos meus compañeiros do grupo municipal e, tiña pensado dedicarlles unhas notas. Pero algo me fixo cambiar de planes. Ademais, a información estivo estes días na prensa e se pode consultar no noso blog, www.bngcambre.org
Pois si, chegando a casa do traballo, onte á tarde, no panel luminoso de información municipal do Paraugas do Temple, encóntrome con esta frase: “VIAJE A LA TOJA…”, en letras ben grandes e refulxentes. Que si¡, que é certo¡, quedei impactado. Dalgunha maneira tiven un sentimento de rexuvenecemento, volvín por uns intres a aqueles tempos mozos nos que, “armados” de bote de pintura e brocha, percorriamos a comarca poñendo en orde a toponimia dos rótulos das estradas: Arteijo, Injertos, La Coruña, El Temple,… que co noso espírito “irredento” e ilusionado trocabamos á lingua propia.
Pero, hoxe, como se planta un “X” de dignidade a estes rótulos modernos e cibernéticos? Coido que non chega cun pouco de pintura e un moito de ilusión.
Galiza non se merece a estes incultos.
E aínda estamos no mes das letras…
Xabier Iglesias
29 Maio, 2008
Artigos
Non hai comentarios
Cambre, 28 de maio de 2008.-Xa pasou un ano. Acabamos de cumprir un ano desde as eleccións municipais. Daquela, por estas datas aínda estabamos dándolle voltas ás explicacións necesarias. E que rápido pasou¡ Non sei se máis que do cambio climático que tanto se fala, non habería que centrarse no cambio cronolóxico, os anos de antes duraban máis¡ En fin, o caso é que se abriu un novo período no Concello. Novos tempos con novas caras, iso si, presididas polo de sempre e eterno Alcalde.
Consumado o acordo secreto popular-socialista para apartar ao BNG do poder e, recoñecendo, naturalmente, que a nosa forza electoral non abondou para evitalo, vémonos metidos na peor crise de gobernabilidade que tivo Cambre en toda a súa historia. Un Alcalde que non exerce, que lle veñen enriba os problemas de todas partes, que non é capaz de poñer orde nin no seu goberno. Unha administración paralizada e unha total ausencia de relacións coas demais institucións definen este período que está a levar á xestión municipal ás peores cifras que se recordan.
Mentres, desde a oposición, o BNG tentou todas as maneiras posíbeis de “estimular” ao goberno. Con críticas duras e control férreo das desfeitas e irregularidades na xestión, pero tamén con propostas en positivo, con alternativas a moitos dos problemas e carencias que padecen os cidadáns. Non houbo maneira, non se decatan. Tanto ten que lles indiques que por aí van mal, que se van espetar, como que lles digas que camiño tomar e qué facer. A xordeira instalouse definitivamente nun Alcalde e nun goberno que fai o peor que pode facer un goberno: non gobernar.
Xabier Iglesias
« Entradas anteriores