Un goberno que non goberna
Maio 29, 2008 11:57 am ArtigosCambre, 28 de maio de 2008.-Xa pasou un ano. Acabamos de cumprir un ano desde as eleccións municipais. Daquela, por estas datas aínda estabamos dándolle voltas ás explicacións necesarias. E que rápido pasou¡ Non sei se máis que do cambio climático que tanto se fala, non habería que centrarse no cambio cronolóxico, os anos de antes duraban máis¡ En fin, o caso é que se abriu un novo período no Concello. Novos tempos con novas caras, iso si, presididas polo de sempre e eterno Alcalde.
Consumado o acordo secreto popular-socialista para apartar ao BNG do poder e, recoñecendo, naturalmente, que a nosa forza electoral non abondou para evitalo, vémonos metidos na peor crise de gobernabilidade que tivo Cambre en toda a súa historia. Un Alcalde que non exerce, que lle veñen enriba os problemas de todas partes, que non é capaz de poñer orde nin no seu goberno. Unha administración paralizada e unha total ausencia de relacións coas demais institucións definen este período que está a levar á xestión municipal ás peores cifras que se recordan.
Mentres, desde a oposición, o BNG tentou todas as maneiras posíbeis de “estimular” ao goberno. Con críticas duras e control férreo das desfeitas e irregularidades na xestión, pero tamén con propostas en positivo, con alternativas a moitos dos problemas e carencias que padecen os cidadáns. Non houbo maneira, non se decatan. Tanto ten que lles indiques que por aí van mal, que se van espetar, como que lles digas que camiño tomar e qué facer. A xordeira instalouse definitivamente nun Alcalde e nun goberno que fai o peor que pode facer un goberno: non gobernar.
Xabier Iglesias
