Nenos sen colexio, mulleres sen traballo.

11:25 am Sem categoria

Cambre, 20 de xuño de 2008.- Esta semana recibimos, no BNG de Cambre, un correo dunha veciña que nos encheu de desacougo.  O de sempre, xente que queda sen acceso aos servizos de benestar que, a maioría, pensamos que xa son univerais. E son sete os cativos na mesma situación.

Imaxinen, no Temple (Cambre), con dous colexios públicos na parroquia onde vive, un deles fronte a súa casa, non consigue aula para o seu fillo. A solución, decidida pola delegación provincial de educación e polo Concello é envialo a un colexio, da parroquia máis lonxana, a Brexo, que non ten horarios adaptados nin servizos de conciliación (almorzos e comedor), que lle permitan, á nai que nos escribe,  manter a súa actividade laboral. Tamén é mala sorte¡ Dos cinco colexios públicos de Cambre, mándannos ao único que non conta con estes servizos.

A estas alturas a ampliación do colexio que lles corresponde, o do Graxal, debería estar case acabando e, non comezou ainda. O Alcalde terá que explicar por que lle deu tantas voltas ás negociacións cos propietarios do tereeo, para acabar firmando un convenio urbanístico só beneficioso para eles. Por iso, por iniciativa do BNG, o Pleno de Cambre decidiu que non se edificará máis xunto ao colexio, que esas parcelas serán exclusivamente para uso público.

No día de hoxe, grazas ao esforzo realizado polo BNG na pasada lexislatura, en Cambre hai programas e servizos de conciliación para as familias, programas que axudan á igualdade real das mulleres. Froito deses investimentos, da negociación con outras institucións e da colaboración coas ANPAS, as nenas e nenos poden almorzar e xantar nos colexios. As familias téñenno un pouco mellor. Pero o problema son as prazas escolares, que non chegan. Curso tras curso hai que andar parcheando. Esíxese un esforzo de xestión, de imaxinación e de vontade. Polo que se ve, para este comezo de curso, no Graxal, non houbo nada diso.

No pleno da vindeira semana, o día 26, trataremos este asunto. Veremos que responde o actual responsábel municipal de educación.

Xabier Iglesias



Fai un comentario!!!

O teu comentario

Pode usar as seguintes etiquetas HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Nota: Estaá habilitada a moderación de comentarios, e a publicacións dos mesmos retrasarase un pouquiño. Non é necesario que reenvíes o teu comentario. Grazas.