Días intensos e tempo de lume purificador.
Xuño 23, 2008 9:15 pm ArtigosCambre, 23 de xuño de 2008.- Acabamos de pasar uns días intensos, de moita actividade. A mágoa é que, unha vez máis, fora para poñernos ao lado dos que reivindican e reclaman. Que sexa necesario que os cidadáns sáian a reclamar por cousas que deberían estar solucionadas hai tempo dá que pensar. Conseguiremos algo, seguro, pero non deixa de ser un anacronismo que haxa que sair á rúa para reclamar que se arranxen unhas beirarrúas, nun dos barrios máis poboados de Cambre, en pleno paseo marítimo, que se supón que debe estar en “estado de revista”. Iso despois de levar case seis meses entre zanxas e entullos. Non se enteraría o Alcalde? Por se acaso ímosllo recordar no pleno desta semana. Tampouco os veciños están dispostos a esquecer e, teñen anunciado concentracións cada venres.
Isto foi o venres, pero é que o sábado volvimos a coincidir con moitos deles na Coruña, na manifestación pola “Recuperación da Ría”. Ao cabo tamén son ribeiráns e sinten a Ría o mesmo que as súas beirarrúas.
O da Ría “clama ao ceo” e, algúns dos que participaron nela son para unha antoloxía das paradoxas. Ver como seccións do PP -benvidas sexan, por certo- reclaman a limpeza da Ría despois de botar desde “sempre” á fronte da Xunta sen mover…un Euro para amañala ou, a algún Alcalde próximo re-convertido a ecoloxista despois de que a súa administración permitise vertidos continuados, que aínda seguen hoxe, é para se poñer a reflexionar. Pero, en fin, aínda tiñamos que ser moitos máis…
Hoxe é San Xoán. Despois de pasar polo necesario rito purificador do lume, de coller novos folgos e queimar o “vello”, é moito o traballo que nos espera. Nesta mesma semana comisións informativas e Pleno, onde seremos a voz de moitas das preocupacións dos nosos veciños e veciñas. Faremos o posíbel por conseguir solucións para a xente.
Ah¡, dos orzamentos de Cambre, nada aínda. Por se alguén o preguntaba. Estará o goberno ocupado coa organización da “lumeirada”? Falta lles facía -falta nos facía- que pasaran polo rito da purificación neste solsticio renovador¡
Xabier Iglesias
