Apoiaremos os orzamentos deste ano
7 Agosto, 2008 Artigos Non hai comentariosCambre, 7 de agosto de 2008.- Pois si, algo máis dun mes sen me poñer co blog e algunhas cousas están a cambiar en Cambre. A máis importante é que acadamos un acordo co Psoe , que goberna en minoría, para apoiar os orzamentos. Resúltame curioso como, producido o feito e anunciado publicamente, explicados ademais os contidos e alcance do acordo, o interese xornalístico está en se entraremos no goberno local. Non digo que a especulación sobre esa posibilidade non teña morbo, pero para min o máis importante é que se vaia a adquirir unha parcela para un novo colexio público. Francamente, ver a desesperación dunhas nais que se senten impotentes ao non poderen escolarizar aos seus fillos no colexio do barrio por falta de prazas, paréceme de máis interese que aventurar profecías sobre o goberno.
Levo varios días respondendo preguntas sobre iso. “Que non, que se trata de orzamentos, dos de 2008 e non é sen tempo, que do futuro falaremos cando chegue”.
Agardo, como os demais, acontecementos. Pero para min a maior expectativa cínguense a comprobarmos si este goberno socialista é capaz de cumprir cos acordos e xestionar uns orzamentos de consenso. Para iso, díxenllo ao Alcalde publicamente, poden contar con nós, co BNG. Para colaborar a que saian ben as cousas que lle interesan a xente, para que dentro de tres anos non teñamos que ver a outras nais desesperadas por non ter escola para os seus fillos. Para iso mantemos a nosa man tendida. Hai que comezar en setembro cos novos orzamentos, cos de 2009. Hai que falar de desatascar o documento do Plan Xeral, hai que falar da Galescola e do Centro de Día para os maiores.
Despois diso, queda moito tempo, falaremos do goberno.
Xabier Iglesias



